Os baños con auga mineromedicinal, beneficiosos para as persoas con fibromialxia

Unha tese da UVigo amosa a mellora en pacientes con esta enfermidade despois de 14 baños na piscina termal das Burgas

Unha tese de doutoramento da investigadora Natalia Calvo conclúe que o impacto da fibromialxia na saúde das persoas que a padecen redúcese significativamente tras a aplicación dunha intervención de 14 baños con auga mineromedicinal e dita mellora mantense de forma significativa ata oito meses. A tese, dirixida pola profesora da Escola Universitaria de Enfermaría María Reyes Pérez, foi presentada este curso académico na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense co título Educación para a saúde e augas mineromedicinais en pacientes diagnosticados de fibromialxia.

O seu obxectivo principal foi avaliar a eficacia dunha intervención con auga mineromedicinal (concretamente da piscina termal das Burgas, na cidade de Ourense) en pacientes diagnosticados de fibromialxia, buscando coñecer se produce unha redución clinicamente relevante en parámetros de afectación ao finalizar a intervención e en meses posteriores.

Publicidade

Para acadalo, comenta a xa doutora pola Universidade de Vigo, “deseñamos e realizamos o primeiro ensaio clínico cruzado aleatorizado nacional e internacional para medir o uso terapéutico de baños simples con auga mineromedicinal en pacientes con fibromialxia”. Con el, engade, quixeron “dar recoñecemento e dar valor a este tipo de terapia complementaria, que ata agora, no noso medio, non foi suficientemente considerada polos profesionais da saúde”.

O estudo

Un total de 50 persoas de 18 e 65 anos diagnosticadas con fibromialxia participaron no estudo, convidadas por profesionais de enfermaría e medicina dun centro de saúde da cidade de Ourense. De esas persoas, 41 delas completaron o estudo, sendo 40 delas mulleres cunha idade media de 54 anos e unha evolución media da enfermidade desde o diagnóstico de 14 anos. As e os participantes dividíronse en dous grupos aleatorios para a realización da investigación, que contou con dúas fases.

Publicidade

Na primeira fase, o grupo A, ademais de continuar co tratamento prescrito polo seu médico previo á inclusión no estudo, recibiu durante un mes 14 baños simples na piscina termal das Burgas con auga mineromedicinal (de bicarbonato de sodio tipo de mineralización media, alcalina, lítica, fluorada e silicato), de 30 minutos de duración e cunha temperatura de baño de 38ºC. O grupo B só recibiu o tratamento prescrito polo seu médico anteriomente. Tras un período de descanso de tres meses, os grupos cruzáronse, mantendo o grupo A unicamente o tratamento farmacolóxico previo á inclusión no estudo e os pacientes do grupo B recibindo a mesma intervención con augas mineromedicinais que o grupo A na primeira fase, ademais de continuar co seu tratamento habitual.

Resultados

A ambos grupos, ademais da valoración inicial, realizáronselle medicións individuais ao seus membros e aplicáronselle cuestionarios en varios momentos diferentes de cada fase, xusto ao final dos baños e en diferentes meses posteriores. Como obxectivo principal da tese, explica Natalia Calvo, valorouse o uso de auga mineromedicinal no impacto exercido sobre a saúde das e dos participantes pola fibromialxia, unha enfermidade de evolución crónica onde a dor crónica é o síntoma máis representativo.

“Advertimos que o impacto redúcese de forma significativa tras a aplicación dunha intervención de 14 baños e dita mellora mantense de forma significativa ata oito meses, chegando mesmo a once meses despois, dato non estatisticamente significativo pero si clinicamente relevante xa que na medición final do estudo a puntuación do cuestionario de impacto da fibromialxia era 5,4 puntos menor que a medición basal inicial”, resume a investigadora.

Diminución da presión arterial

No estudo tamén se observou “unha diminución significativa na evolución da presión arterial sistólica tanto no grupo A como no grupo B despois da intervención con baños de auga”. No caso do grupo B tamén se reduciu de forma significativa a presión arterial diastólica. Respecto ao uso de fármacos, a tese recolle que o consumo de antidepresivos e a porcentaxe de pacientes que os consumían aos oito e once meses despois de finalizar os baños diminuía significativamente.

Outra das variables analizadas no traballo foi a alodinia, indicador diagnóstico da fibromialxia que está relacionado coa dor e o procesamento atípico dos estímulos.
“O efecto da intervención incrementa o limiar de alodinia das e dos pacientes con fibromialxia ata oito meses despois da mesma”, sinala Natalia Calvo. Por último, no estudo tamén se mediu a calidade de vida das e dos pacientes relacionada coa saúde, apuntando a súa autora como “non se ve modificada de forma significativa tras recibir un protocolo de 14 baños”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un anticiclón subtropical afecta Galicia con máximas de 36 graos e con calor prevista ata inicios de xullo

MeteoGalicia advirte dun forte ascenso térmico en toda a comunidade e da posible aparición de tormentas no interior

Unha dorsal africana rompe os termómetros e as temperaturas acadarán os 30 graos en Galicia

O ascenso dos graos impulsará valores estivais no interior e nas Rías Baixas, con ambientes máis calorosos durante as horas centrais do día