Mexillóns, castañas, berza… Produtos galegos que compiten cos supostos superalimentos

Existen comestibles con máis propiedades nutricionais ca outros, pero os expertos advirten que so funcionan no contexto dunha dieta saudable

Aumentar o consumo de froitas e verduras é positivo para a saúde
Aumentar o consumo de froitas e verduras é positivo para a saúde

Descubrir que come a actriz de moda, curiosear as receitas do teu veciño ou saber que alimentos compra no supermercado a influencer do momento, está a golpe de clic. O auxe das redes sociais supuxo un fenómeno de exposición da comida e da información nutricional, en parte, porque nos preocupa o que comemos (e gústanos saber o que come o resto).

Nos últimos anos, entre os consellos nutricionais máis populares está o de incluír na dieta os chamados superalimentos. A estes comestibles, normalmente de orixe exótica, atribúenselles efectos beneficiosos para a saúde. Pero que hai de certo nisto? “Considerar que un alimento está por enriba dos demais é un erro, xa que son o conxunto de alimentos dentro dunha dieta saudable os que poden chegar a proporcionar beneficios para o organismo”, resume a nutricionista Eva González Devesa.

Desmontando o mito

A investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Jara Pérez é a autora de Los superalimentos, o novo título da colección ¿Qué sabemos de? (CSIC-Catarata) que trata de contextualizar o uso destos alimentos na nosa dieta e analizar a evidencia científica que hai tras as informacións que os acompañan. Bagas de Goji, kamut ou sal rosa do Himalaya son algúns dos superalimentos máis populares, pero a súa fama adoita vir acompañada dun prezo elevado.

“As propiedades antioxidantes das bagas de goji tamén se atopan en maior ou menor medida en froitas, verduras e hortalizas locais”

Non sempre hai que ir lonxe para atopar superalimentos. Na gastronomía galega xa se fala dalgúns deles como os mexillóns, as castañas ou a berza. En canto a isto, a profesora e investigadora da Área de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade de Vigo Sidonia Martínez Suárez sinala que son moi interesantes dende o punto de vista nutricional. “Son unha fonte importante de compostos bioactivos que ofrecen beneficios para a saúde”, pero sempre no contexto dunha dieta equilibrada e un estilo de vida saudable, non o alimento illado.

Produtos locais

Se ben é certo que non existe unha definición legal ou científica do termo superalimento, si que hai produtos con moi boas propiedades nutricionais que poden ser interesantes  para incluír nos nosos pratos. Non obstante, recordando que “a dieta debería ser un patrón alimentario individualizado, xa que varía en función dos gustos, costumes, nivel sociocultural ou necesidades fisiolóxicas de cada persoa”, declara a nutricionista Eva González.

Se nos preocupa a sostibilidade, é importante ter en conta a distancia que percorren moitos dos supostos superalimentos dos que se fala. Nese sentido, coñecer a calidade nutricional dos productos de proximidade pode aforrar o impacto asociado ao desprazamento sen ter que renunciar a determinados compostos (como os antioxidantes). No caso da berza galega, como outras Brassica spp. como os grelos, unha tese coordinada por Sidonia Martínez sinalaba a gran cantidade e variedade de compostos bioactivos destes vexetais, demostrando “que teñen un efecto protector sobre a saúde”.

Desinformación

O fácil acceso á información nutricional e as novas plataformas de divulgación teñen unha dobre cara. Por unha banda, nunca foi tan doado atopar recomendacións de alimentación saudable por parte de pesoal cualificado, pero á vez, nunca se difundiron tanto bulos, dietas prexudiciais ou produtos milagre. “Para poder combater a desinformación debería existir unha educación nutricional dende a base, asesorada ou dirixida por profesionais da nutrición”, reclama Eva González.

Que a poboación conte con ferramentas para poder interpretar e manexar a información que está ao seu alcance é fundamental. A educación alimentaria nos centros educativos e sanitarios, así como a presenza de nutricionistas no sistema de saúde público galego, son “medidas necesarias para evitar que haxa xente que xogue coa nosa saúde ou se lucre economicamente con falsas promesas”, zanxa González.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.