Venres 29 Marzo 2024

Acompañar o TDAH na infancia: “As etiquetas non axudan, só tranquilizan os pais”

O investigador e pedagogo Adrián Santos debulla as claves para axudar a pais e mestres a axudar adecuadamente a crianzas con TDAH

Nin é unha moda, nin é unha ilusión. O Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade existe e cada vez coñécese máis o seu alcance e a súa influencia, sobre todo, nas crianzas. Esa é a tese que sostén a comunidade científica dende hai anos e a que moveu ao investigador da Universidade de Vigo, Adrián Santos, a facer o seu TFG co que rematou o seu grao en Pedagoxía e que agora é un libro: TDAH en la etapa de Educación Primaria: propuesta de intervención educativa. O traballo pretende mellorar a planificación e a organización das tarefas escolares en alumnos de Educación Primaria diagnosticados con TDAH. Partindo dunha base teórica na que se recolle información acerca deste trastorno, preséntase unha proposta coa que se pretende axudar a este tipo de alumnado e cuxo principal ámbito de intervención é o educativo.

Papers, un traballo final e tamén un artigo en The Conversation. Santos trata de debullar cada vez por máis medios as claves para que as familias e os centros educativos estean preparados para saberen acompañar do mellor xeito a rapaces e rapazas que padecen este trastorno. Mais ningún neno é igual ca outro: “Temos que ter claro que non se pode tratar a tódolos rapaces por igual. Hai que ser conscientes todo o tempo que cada un é diferente. Un método que che funcione para axudar a un non ten que servir necesariamente para outro”, matiza Santos en conversa con GCiencia. El non só investigou o TDAH e a didáctica da lingua (a súa especialidade de doutoramento), tamén é mestre nun colexio de Educación Primaria e iso faino estar máis pegado á realidade.

Publicidade

Sobre os erros máis comúns nas primeiras intervencións con nenos e nenas, Santos non dubida en facer un chamamento á calma entre familias: “Acontece que moitos pais e nais teñen présa por atopar un diagnóstico, pero a realidade é que esas etiquetas non axudan, só tranquilizan os pais. Tamén hai que facer pedagoxía con eles”.

O investigador, pedagogo e mestre Adrián Santos durante unha xuntanza con pais e nais

O TDAH preséntase na infancia e provocaba unha notable falta de atención, inquietude e mobilidade constante. Malia existiren diferentes matices, Santos argumenta que este trastorno pode explicarse atendendo a tres síntomas principais: problemas de atención, impulsividade e hiperactividade.

Como axudar a un neno con TDAH?

Nas súas informacións divulgativas, Santos elabora unha sorte de decálogo en en relación a cada unha desas tres vertentes sintomáticas do TDAH. Primeiro, atendendo ao déficit de atención, o investigador propón: reducir estímulos irrelevantes e que poidan despistalo. Establecer rutinas visibles mediante un horario no que apareza todo o que teñen que facer cada día. Dar instrucións concisas e claras. Desagregar e fragmentar as tarefas en cada paso necesario. Conceder máis tempo para a realización de calquera actividade. Na aula, situalos preto do profesor; en xeral, lonxe de xanelas ou portas.

Neste sentido, Santos aborda a principal eiva do sistema educativo galego: a ratio de alumnos e alumnas por clase. Como mestre, el ten que tratar de coñecer de xeito individualizado a entre sesenta e oitenta alumnos cada curso: “É complexo dar esa atención individualizada. É certo que estes métodos de fragmentar as tarefas, simplificar os procesos, ser claro e conciso nas explicacións… Funcionan para todos os nenos“. Pero a “carga de traballo” é evidente. “Temos que pensar que só nunha clase pode haber tres alumnos con TDAH e iso sen contar outras doenzas ou trastornos que non se poden deixar de lado”, lamenta o doutorando en Educación pola Universidade de Vigo.

En relación coa hiperactividade, o pedagogo apunta consellos para unha mellor intervención como adxudicar responsabilidades en casa e en clase; e ser máis permisivos cos murmurios e os movementos. En canto á impulsividade, recomenda rar normas visibles e personalizadas, ofrecer estratexias de autocontrol e pedirlles que pensen en voz alta para xerar autoinstrucións.

Estratexias boas para todos

Todo o anterior pode porse en práctica perfectamente con calquera neno en idade escolar, independentemente da presenza ou non do TDAH. É moi recomendable establecer rutinas diarias, tanto por parte do profesorado como das familias. Unha estructuración do ambiente vai ser moi positiva: horarios claros, normas fixas, bos hábitos. Débese tamén traballar o autocontrol, así como a aprendizaxe de técnicas de relaxación.

A clave está nos adultos

A principal recomendación para un pai ou nai que teña un fillo diagnosticado con TDAH é que se involucre e que lea moito respecto diso, para así poder entender con claridade de que maneira afecta este trastorno ao seu fillo. A comunicación constante familia-escola tamén resulta primordial. Debemos ter moi claro que mentres non sexan persoas adultas, a clave para que melloren témola nós (profesores e familias), non eles.

Trazos máis característicos para entender o TDAH

Para entender TDAH é imprescindible ter en conta que estes trazos, os cales son observables máis claramente a partir dos 6 anos, deben estar presentes en diferentes contextos á vez (no fogar, na escola, nos lugares de lecer). Os trazos máis característicos do TDAH son os seguintes, segundo explica o investigador Adrián Santos:

  • Dificultade para manter a atención en tarefas (déficit de atención).
  • Distraccións constantes por estímulos irrelevantes (déficit de atención).
  • Constantes perdas de obxectos necesarios para as tarefas (déficit de atención).
  • Movemento constante de mans e pés (hiperactividade).
  • Dificultades para realizar actividades con tranquilidade (hiperactividade).
  • Actuar como impulsados por un motor (hiperactividade).
  • Dificultades para gardar quenda e esperar (impulsividade).
  • Interrupción constante aos demais (impulsividade).
  • Respostas precipitadas ás preguntas sen deixar que se terminen de formular (impulsividade).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%