“A fronteira medieval máis que un muro foi unha ponte como metáfora”

Por Víctor López

Que o norte de Portugal e Galicia teñan unha historia común ata o século XII non é algo que se poida esquecer ao estudar as relacións posteriores entre as dúas beiras do río Miño. Vivimos máis tempo xuntos que separados e a autonomía non divide á comunidade. O libro do Centro de Estudos da População, Economia e Sociedade ‘Entre Portugal e a Galiza (séculos XI a XVII). Um olhar peninsular sobre uma região histórica’ afonda nesta relación na época medieval.

Publicidade

O historiador Carlos Barros Guimeráns (Vigo, 1946), doutor en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela, afondou nesta ruptura que comeza en 1128 pero que non afecta na mesma medida que no político ao tecido social e cultural que vinculaba ás dúas partes da gran Galicia.

—A ruptura entre Galicia e Portugal arrinca no século XII. Canto de ruptura houbo?

Publicidade

—Foi unha ruptura relativa, porque aínda que no século XII o condado portucalense vaise transformar no Reino de Portugal, entre ese momento e o final da Idade Media no século XV ten lugar a parte máis importante do proceso de formación nacional de Galicia paralela ao que existe en toda Europa. Gran parte das nacionalidades europeas son de orixe medieval.

Carlos Barros Guimeráns.

—Como vai afectar esa nova fronteira política ao proceso de formación da nacionalidade galega?

—Pois habendo dous reis diferentes, esta fronteira política non vai impedir que o proceso sociocultural de xeración dunha nova nacionalidade chegue a bo porto. No século XII é a separación de Portugal, pero é que no XIII xa empezan a aparecer os primeiros documentos en galego. Ata ese momento tiñamos galego oral, pero curiosamente a fase de auxe do galego escrito e literario prodúcese cando ocorre esa separación teórica entre Galicia, que queda da man da coroa de Castela, e Portugal, que se converte nun reino indepedente. A pesar de pertencer a ámbitos políticos monárquicos diferentes, seguimos compartindo a mesma lingua, por iso os filólogos falan do galego-portugués.

“O proceso de formación de nacionalidades na época medieval é principalmente sociolingüístico, que é o que lle dá unha grande proxección no tempo”

Carlos Barros Guimeráns, doutor en Historia Medieval

—Este é un caso particular ou sucede tamén noutros territorios peninsulares?

—Non é un caso excepcional, ao revés, trátase do caso máis común. Pasou o mesmo coa nacionalidade vasca e coa catalá. A vasca é anterior á época medieval, pero a nacionalidade medieval vasca vaise desenvolver parte na coroa de Castela e parte na de Navarra, ben en momentos diferentes ou ben nun mesmo momento histórico. E a nacionalidade catalá tamén comparte relación política coa coroa de Aragón e coa coroa de Francia. O proceso de formación de nacionalidades na época medieval é principalmente sociolingüístico, que é o que lle dá unha grande proxección no tempo. Se isto tivese sido un fenómeno froito da superestrutura política cambiante e dos cambios dos reis, non teriamos un fenómeno identitario que perdurase durante tantos séculos.

Recinto fortificado da Fortaleza, en Valença do Minho. / M. A. García

—Pódese dicir que a maior parte das nacionalidades parten de distintos estados?

—O único caso na península en que un pequeno estado é quen de crear e pulir a súa nacionalidade é o de Castela. Hai outros tamén en Europa, pero moitas desas nacionalidades medievais quedaron sen estado, e outras absorberon outras nacionalidades. A nacionalidade galega créase estando a parte norte dependendo de Castela e a sur da coroa de Portugal. Na mentalidade moderna é difícil de entender, porque vinculamos aos estados coas nacións, por ese motivo hai tantos estados. Unha boa parte dos estados europeos conteñen nacionalidades no seu interior de orixe medieval, que sobreviviron ao longo dos séculos dunha forma más feliz ou infeliz segundo o grado de bonapartismo que guiase aos estados centrais.

“A nacionalidade galega créase estando a parte norte dependendo de Castela e a sur da coroa de Portugal”

A fronteira medieval

Os habitantes dun e doutro lado da fronteira natural do Miño tiñan en conta esta limitación política ou non a aceptaban como tal?

—A fronteira medieval, máis que un muro separador, foi unha ponte como metáfora. Así sucedeu en toda Europa, onde as fronteiras eran moi febles. O bispado de Tui tiña vasalos ao norte e ao sur do río Miño. Os señoríos compartían vasalos en ambos territorios. O comercio, a xustiza, todo era compartido. Unha reliquia que permaneceu disto foi o Couto Mixto de Ourense, onde pertencendo a dous reinos, podían elixir. O factor chave da formación da nacionalidade galega foi a lingua, e a fronteira medieval non o impediu. A monarquía portuguesa representaba politicamente a unha parte desa nacionalidade medieval. A sociedade traballaba e vivía como se non existisen fronteiras, sobre todo no sur de Galicia e no norte de Portugal.  

“En ningunha outra parte houbo este fenómeno da formación dunha nacionalidade común como sucede entre o norte de Portugal e Galicia”

—Podemos concluír que a fronteira galego-portuguesa tiña pouco que ver co que sucedía nas fronteiras entre Castela e o sur de Portugal?

—En ningunha outra parte houbo este fenómeno da formación dunha nacionalidade común como sucede entre o norte de Portugal e Galicia. A fronteira ten menos incidencia no río Miño. Ata o século XV non se diferencia o galego e o portugués. A finais do século XV é cando nacen os estados modernos, xa que tiñan o vento histórico ao seu favor. Galicia quedou circunscrita ao que era o convento lucense da Galicia sueva. Portugal foise distanciando a pesar dos lazos sentimentais que seguen a estar aí.

—Como se conseguiu separar a galegos e portugueses cando tiñamos tanto para estar unidos?

—Intentouse manter a unidade, pero non foi posible. Na Baixa Idade Media había dous proxectos para crear un estado moderno peninsular. Un dirixido pola coroa de Castela e o outro dirixido pola coroa de Portugal. O que triunfou foi o de Castela, co matrimonio entre Fernando e Isabel, os Reis Católicos, pero puido ter triunfado o outro. Houbo dous momentos fundamentais. Un é o da guerra dos Trastámara (1366-1369), onde Pedro I de Portugal intentou gañar a coroa de Castela. Nese momento existía en Galicia un bando portugués moi forte apoiado polas cidades e a casa dos Castro. Esta facción fracasou e tería sido moi bo para Galicia, porque ao ser o rei portugués de fala galego-portuguesa e o rei moderno na península, teriamos unha unidade nacional. A segunda ocasión é na guerra de sucesión tras a morte de Enrique IV, entre Isabel a Católica e Afonso V de Portugal, que en Galicia estaba encabezado por Pedro Madruga. Afectaba só ao sur de Galicia, pero tamén fracasa. Foi a segunda oportunidade perdida para que todo o mundo na península falase galego-portugués e non castelán.


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?
BRR7. Da vella Gallaecia á nova Galicia
BRR8. Galicia e Portugal, unha historia común

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022