Sábado 20 Abril 2024

Científicos de Santiago aceleran o envellecemento en ratos

Un equipo de científicos liderados por Manuel Collado, director do laboratorio de Células Nai en Cancro e Envellecemento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), e Anxo Vidal, do CIMUS da USC, en colaboración co CNIO de Madrid e o IRB de Barcelona, veñen de demostrar un mecanismo de envellecemento baseado no esgotamento das células nai adultas.

O traballo, publicado na revista Aging Cell (a máis prestixiosa no seu sector), describe o uso dun modelo de rato que permite eliminar parcialmente as células nai adultas, forzando ás células sobreviventes a realizar un traballo extra que leva ao seu esgotamento temperán e ao envellecemento prematuro dos animais, segundo informa o IDIS.

Publicidade

O proceso de envellecemento caracterízase por un declive xeneralizado nas funcións dos nosos órganos e tecidos co paso do tempo. “Segundo imos acumulando anos, todos experimentamos os rigores da idade en forma de perda das capacidades que lembramos da nosa mocidade. Non posuímos a mesma vitalidade, non nos recuperamos igual de ben, non alcanzamos a desenvolver as mesmas funcións”, subliña Manuel Collado. “Comprender cal é a causa do envellecemento é unha procura ancestral na humanidade porque detrás vén a promesa de desenvolver unha estratexia que nos permita atrasar a aparición dos síntomas da vellez”, engade o investigador do IDIS.

Envellecemento e células nai

Unha das causas proposta polos expertos na investigación biomédica do envellecemento na actualidade é o esgotamento das células nai adultas. En todos os órganos e tecidos existe unha pequena poboación de células especiais encargadas de manter a funcionalidade plena dos mesmos. Estas células son as denominadas células nai adultas. A diferenza das células nai embrionarias, as adultas non son pluripotentes, é dicir, non son capaces de converterse en calquera tipo celular especializado en realizar algunha das múltiples tarefas das células dun organismo (almacenar os nosos recordos, contraerse coordinadamente, absorber nutrientes, etc.); pero si son capaces de dar lugar a todos os tipos celulares que conforman un tecido concreto. Por iso dise que son multipotentes.

Este pequeno grupo de células nai adultas residen en localizacións específicas e teñen unha bioloxía especial que lles permite permanecer activas ao longo de toda a vida dun organismo para dar lugar a novas células fillas que se encarguen dos distintos labores. Con todo, parece que estas células só permanecen activas ata que alcanzamos unha idade avanzada o que explicaría ese declive funcional que define ao envellecemento.

Os científicos ‘obrigaron’ ás células nai que quedaban a facer un ‘esforzo extra’

Para comprobar esta teoría, os científicos dirixidos por Manuel Collado e Anxo Vidal desenvolveron un modelo animal no que é posible eliminar selectivamente algunhas destas células nai adultas, o que obriga ás células nai restantes a facer un esforzo extra para substituír ás ausentes. O ‘truco’ xenético que utilizaron os investigadores consistiu en axustar a expresión dun xene “suicida” á expresión dun xene marcador de moitas poboacións de células nai adultas, o xene Sox2.

Cando a doutora Jéssica Vilas, primeira asinante do traballo -que forma parte da súa tese doutoral- observou ao cabo tan só dun ano aos ratos tratados para inducir a morte de células nai adultas, puido comprobar que os animais tiñan o pelo branco e unha pronunciada curvatura da súa columna, características típicas de animais envellecidos. Unha análise máis detallada dos tecidos destes animais revelou que os seus órganos expresaban características e marcadores propios do estado de envellecemento.

O grupo xa describira o papel fundamental das células nai que expresan o xene Sox2 nalgún tipo de cancro

Unha das sorpresas coas que se atoparon os investigadores é que a eliminación desta poboación de células nai adultas de varios tecidos que expresan Sox2 provocou o envellecemento mesmo en tecidos nos que as súas células nai non necesitan Sox2. Os científicos explican que este resultado implica que a diminución na actividade de grupos de células nai de varios tecidos induce unha resposta que se estende por todo o organismo e que provoca un envellecemento xeral coordinado.

Con anterioridade, este mesmo grupo describira o papel fundamental que as células nai adultas que expresan Sox2 teñen no desenvolvemento dalgúns tipos de cancro. Neste caso, eliminar esta poboación celular ten efectos beneficiosos impedindo ou atrasando a formación de tumores, o que pon de manifesto a complexa relación entre o cancro e o envellecemento e expón as dificultades que terían terapias antitumorais dirixidas fronte ás células nai adultas.

No traballo, ademais de Jéssica Vilas e Manuel Collado, tamén participaron Sabela Da Silva e Alba Ferreirós do mesmo grupo do Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Carmen Carneiro e Anxo Vidal do CIMUS da USC, Miguel González Barcia do Hospital Clínico de Santiago, e Tomás García Caballero do mesmo hospital e da USC, todos eles membros do IDIS. Ademais, Patricia González, María Gómez e Sagrario Ortega do CNIO de Madrid, e Manuel Serrano do IRB de Barcelona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódese transplantar o cerebro?

Considerado “o obxecto máis complexo do universo”, este órgano establece millóns de conexións que controlan todas as funcións do noso corpo

Científicos de EEUU logran “curar” corazóns de ratos tras sufrir un infarto

O equipo conseguiu estabilizar o animal mediante unha nova técnica baseada na rexeneración das células musculares

Identificadas dúas proteínas que modifican o comportamento das células nai da pel

O grupo dirixido polo investigador galego Xosé Bustelo comprobou como a alteración desta función favorece a aparición de tumores

Descuberto un novo regulador da proliferación celular no sistema nervioso

O achado, que se fixo na mosca da froita, pode axudar a comprender mellor os procesos tumorais en humanos