A terapia con cabalos mellora a socialización das persoas con autismo

Permiten mellorar a coordinación e o equilibrio, ao tempo que contribúen á normalización do ton muscular, pero tamén axudan a mellorar a comunicación e as capacidades de atención e socialización. Son múltiples os beneficios, tanto no plano físico coma no psicolóxico, que as persoas con autismo poden atopar naquelas terapias que teñen nos cabalos a súa base, como vén de demostrar a investigadora Sonia Bouzo na súa tese de doutoramento. O estudo de caso que realizou cun grupo de cinco nenos a adolescentes diagnosticados de Trastorno do Espectro Autista (TEA), que antes de iniciar á terapia nunca montaran a cabalo, permitiu a esta investigadora comprobar os “moitos beneficios inmediatos” que a equinoterapia supón tanto para o seu desenvolvemento psicomotor, como emocional e comunicativo.

Bouzo, cun paciente con paráslise cerebral.
Bouzo, cun paciente con paráslise cerebral.

Realizada coa profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino como titora, a tese ‘Os beneficios da hipoterapia e a equitación terapéutica con persoas autistas’. Un estudo de caso recolle e avalía os resultados da terapia levada a cabo durante nove meses con cinco nenos e mozos con autismo nas instalacións do Club Hípico Vilamarín (Ourense). “Trátase dun estudo descritivo e de corte cualitativo, no que as técnicas de rexistro foron a observación, un cuestionario e un diario de campo”, explica Bouzo, que ao longo deste período foi estudando a evolución destas cinco persoas, que acudían a unha sesión semanal e coas que “segundo o grao de autonomía que ían adquirindo, íamos cambiando o tipo de terapia”, explica Bouzo.

Publicidade

Neste senso, a intervención realizada abranguía o uso de diferentes técnicas dentro da chamada equinoterapia, termo que agrupa os diferentes tratamentos baseados no uso do cabalo, como a monta terapéutica, a equitación adaptada ou a hipoterapia, “unha área de intervención que utiliza o cabalo dentro dunha abordaxe interdisciplinar, tanto nos planos da saúde e o deporte, como na busca do benestar físico, psíquico e social das persoas con necesidades educativas especiais”, como explica Bouzo. Trátase pois dun tratamento que vai máis aló de montar a cabalo e que esta investigadora levou a cabo cun equipo interdisciplinar, xunto a monitores de equitación e unha fisioterapeuta, coa idea de determinar “a eficacia e eficiencia dun programa de intervención educativa con nenos e adolescentes que sofren autismo”.

A equinoterapia mellora equilibrio, musculatura e socialización dos pacientes

“A conclusión máis evidente do estudo”, salienta Bouzo, é que se trata dunha “terapia que reporta moitos beneficios inmediatos para calquera persoa”. A este respecto, a investigadora destaca que os cinco participantes neste estudo experimentaron, tras 32 sesións, unha mellora do seu equilibrio e fortaleceron a súa musculatura, ao tempo que viron reducidas as estereotipias, a repetición dun movemento de maneira automática e inconsciente. Nese senso, Bouzo sinala que “os exercicios a lombos do cabalo proporcionan un alto grao de relaxación muscular, favorecendo a flexibilidade e mellorando o estado físico en xeral”,ao tempo que contribúen “a normalización do deficitario ton muscular, a mellora da coordinación, reflexos e planificación motora, así reducir os patróns de movementos anormais e mellorar o equilibrio”.

Publicidade

Unha das sesións de equinoterapia.
Unha das sesións de equinoterapia.

Máis aló das melloras musculares, “este estudo demostrou que o contacto co cabalo proporciona múltiples sensacións que inflúen positivamente na comunicación social dos pacientes con TEA, demostrando que a hipoterapia pode ser considerada como unha terapia integral, que tamén achega beneficios na área psicolóxica”. Neste punto, a investigadora salienta a súa contribución ao desenvolvemento emocional e comunicativo, xa que “favorece a mellora da autoestima, o autocontrol das emocións e o desenvolvemento de sentimentos de normalidade e autoconfianza”, ao tempo que incrementa as habilidades comunicativas, tanto verbais como xestuais.

Bouzo sinala a intencion de compartir a súa experiencia entre os pacientes TEA

Bouzo sinala neste senso que a terapia realizada permitiu acadar aos participantes “melloras visibles na súa capacidade de proximidade con outros suxeitos da súa idade”. De feito, ao principio da terapia resultaba difícil que estes nenos e adolescentes “mantiveran un contacto visual cos profesionais que traballaban con eles, pero a medida que avanzaba o programa todos eles melloraron a súa atención e comprensión das indicacións dos terapeutas, e participaron con interese na maioría das actividades”. Nese senso, a investigadora salienta como “especialmente significativa” a mellora experimentada no tocante “á intención de compartir a súa experiencia”, así como os “lazos de amizade creados cos seus compañeiros e instrutores”. Ademais, Bouzo pon de relevo tamén a contribución deste tratamento á mellora das “capacidades de atención e memorización”, así como o ”aumento do vocabulario.

Por todos estes motivos, Bouzo lamenta que a pesares de que “os beneficios da equinoterapia veñen sendo estudados desta a antigüidade”, esta non sexa unha técnica moi difundida. Nese senso, admite que “ao igual resto das terapias asistidas con animais, non pode ser substitutiva das terapias convencionais”, si é como un “complemento eficaz destas”. De feito, engade a investigadora, a investigación realizada demostrou “que os beneficios que achegan os animais incrementan os resultados doutro tipo de tratamentos”, motivo polo que na súa tese propón a súa inclusión como tratamento complementario en pacientes de TEA, ao tempo que incide nos “beneficios inmediatos” que achega a calquera persoa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano

MeteoGalicia activa a alerta por temperaturas superiores aos 36 graos

A área do Miño de Ourense e Pontevedra, Ribeira Sacra e as Rías Baixas serán as máis afectadas pola dorsal subtropical

Unha epidemia en aumento: “O fígado graxo é unha enfermidade ‘invisible’ ata fases avanzadas”

O doutor Javier Crespo, un dos hepatólogos máis prestixiosos do Estado, sinala que arredor do 30% da poboación adulta presenta algún grao desta afección hepática

De hórreos a torres medievais: 18 bens patrimoniais galegos entraron na Lista Vermella no último ano

Dez monumentos están en Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e dous en Pontevedra, segundo o catálogo da asociación Hispania Nostra