A obesidade crónica débese á inflamación das células de graxa

Un estudo no que participa o investigador ferrolano Diego Bellido podería ter a chave na loita contra a cronificación da obesidade. Segundo as conclusións tiradas do artigo, que foi publicado na prestixiosa revista Endocrine, confírmase que a obesidade crónica está causada pola inflamación interna das células de graxa presentes no organismo. Este descubrimento fai posible a loita eficaz contra esta doenza, que en Galicia afecta a un 23,9 por cento da poboación, a porcentaxe máis alta do Estado.

Diego Bellido Guerrero.
Diego Bellido Guerrero.

No ensaio clínico participaron 29 pacientes obesos de entre 18 e 75 anos, cun índice de masa corporal de entre 30 e 35. O grupo de control, composto por 15 persoas, recibiu unha dieta rica en proteínas e un placebo. Os 14 pacientes restantes recibiron unha dieta baixa en hidratos de carbono e graxas, á que se lle incorporou un suplemento de ácidos graxos omega 3 DHA. Este segundo grupo amosou un efecto antiinflamatorio a nivel celular que impedía a recuperación do peso perdido. A elevada presenza de moléculas antiinflamatorias mantíñase dous meses despois de reducir a dose de DHA á metade, o que permite falar de protección a longo prazo. Debido a isto, o estudo supón unha innovación médica sen precedentes, xa que é o primeiro traballo realizado integramente en España que identifica as causas internas da cronificación da obesidade.

Publicidade

O doutor Diego Bellido Guerrero (San Fernando, Cádiz, 1957) é coordinador da Unidade de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e vicepresidente da Sociedad Española para el Estudio de la Obesidad (SEEDO). O traballo no que participou Bellido levouse a cabo no Centro de Investigación de Endocrinología y Nutrición Clínica do Hospital Universitario Río Hortega (Valladolid), e foi coordinado polo doutor Daniel de Luís, especialista en endocrinoloxía, diabetes e nutrición do Hospital Clínico Universitario de Valladolid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego descobre que algúns fármacos contra a obesidade teñen efectos beneficiosos no fígado

O CiMUS e a Universidade de Toronto investigan as aplicacións de substancias baseadas en GLP-1 en enfermedades hepáticas, o que permitiría elaborar tratamentos personalizados

Un estudo reaviva o debate: o cambio de hora aumenta o risco de infarto cerebral e obesidade

Unha investigación realizada nos Estados Unidos reaviva a discusión entre expertos sobre o cambio de hora en España

Hai desigualdades no acceso a fármacos contra a obesidade?

A semaglutida ten propiedades que axudan ás persoas a perder peso ou controlar a diabetes, pero non todas poden permitirse este medicamento debido ao seu elevado custo

A obesidade dispárase nun 82% nas nenas galegas en apenas oito anos

Máis da metade dos galegos ten un peso fóra dos indicadores saudables e catro de cada dez non fai nunca exercicio