O proxecto ‘Galicia Alimentación Atlántica‘ (Galiat) está está a piques de rematar a súa primeira fase, a experimental. Un total de 135 familias galegas sometéronse desde o mes de abril a unha dieta atlántica con produtos do país. Ó mesmo tempo, outro grupo control alimentouse combinando calquera alimento. Os investigadores esperan determinar as vantaxes para a saúde da dieta propia de Galicia, con produtos como os grelos, que teñen demostrado a súa potencialidade anticanceríxena. Ou o caldo galego, as berzas, o mexillón, o peixe, o viño albariño ou o aceite de oliva da comunidade.
135 familias forman parte do grupo de intervención e outras 135, do de control. A adscripción a un ou outro realizouse mediante un sistema informático aleatorio. Ás familias do grupo de intervención recibiron alimentos como mexillóns das rías, grelos e verzas, queixo cremoso desnatado, aceite de oliva producido en Galicia e viños albariño e mencía a fin de comprobar a eficacia biosaludable da dieta tradicional.
Os investigadores compararán os dous grupos de familias tras seis meses de dieta atlántica
Con carácter previo a este reparto de alimentos, o persoal da consulta do estudo pioneiro -un analista clínico, unha enfermeira e un nutricionista- realizaron ás familias cuestionarios sobre hábitos de vida alimentarios, de actividade física e de características socioeconómicas. Tamén tomaron mostras de sangue para realizar estudos bioquímicos do perfil de partida. E fixéronlles recomendacións nutricionais sobre como consumir os alimentos e con que frecuencia tomalos para axustarse á dieta atlántica tradicional, saudable e bioactiva.
Tras os primeiros seis meses de experimento, Galiat analizará os datos. E os resultados de contrastar o grupo experimental e o de control están previstos para a primaveira do 2015. En Galiat participan científicos do CSIC (Grupos de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia e o Instituto de Investigaciones Marinas), Grupo do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, da Universidade de Santiago de Compostela e do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo). Contan tamén coa colaboración de empresas como Adegas Terras Gauda, Pazo de Rivas, A Rosaleira, Olei Aceite Gallego, Friscos e Quescrem.
Xenética e alimentación explican que en Galicia haxa máis maiores de 80 anos que no Mediterráneo
Os beneficios da dieta atlántica teñen sido investigados con intensidade nos últimos anos. A profesora de Pediatría da USC Rosaura Leis Trabazo afirma que é “saudable e bioactiva con importantes repercusións para a saúde e para o benestar da poboación, desde a infancia á ancianidade”. A tamén coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do CHUS, salienta que un “envellecemento saudable require duns hábitos de alimentación, actividade física e inactividade adecuados desde idades moi temperás, incluso desde o período previo á concepción, polo que a atención da muller en idade fértil e durante o embarazo é prioritaria, así como a do neno desde o nacemento”.
Beneficios do Omega-3
Rosaura Leis fai especial fincapé nos alimentos do mar, “por mor tanto da súa composición en micronutrintes como en ácidos graxos omega-3 de cadea moi longa e de compoñentes bioactivos”. O cerebro e a retina son os órganos máis ricos en Omega-3, precisa esta relatora, quen subliña que canto maior sexa o nivel na dieta de omega-3 no embarazo e durante a lactancia, maior será o beneficio sobre estes órganos no feto”.
As comunidades atlánticas consumen máis pan, patacas frescas, froitas, aceite de oliva, leite desnatada, iogur, peixes (tanto azuis como brancos), moluscos e crustáceos, carne de vacún, tenreira e porco e viño tinto. As comunidades do Mediterráneo consumen máis hortalizas, queixo e cervexa. A porcentaxe de persoas maiores de 65, 85 e 100 anos nas comunidades atlánticas é máis elevado que nas mediterráneas e superior á media xeral de España, unha maior expectativa de vida que garda relación coa xenética, pero tamén coa alimentación e os estilos de vida saudables.
A Dieta Atlántica tradicional caracterízase por alimentos de tempada, frescos e minimamente procesados, abundantes froitas e verduras, peixes, moluscos e crustáceos. O consumo moderado de lácteos, de carne, de ovos, a abundancia de auga de mananciais, o consumo moderado de viño e o uso preferente do aceite de oliva son tamén elementos característicos da chamada Dieta Atlántica.