Wonenburger, a matemática que se tivo que doutorar dúas veces

Homenaxe a María Wonenburger na Coruña
Homenaxe a María Wonenburger na Casa das Ciencias da Coruña.

Se algo asusta a un científico non é a Teoría da Relatividade Xeral nin unha conxectura matemática considerada irresoluble. O que de verdade martiriza a un investigador é a burocracia. Redactar ou xustificar un proxecto, conseguir un frasco de reactivo ou mesmo un bolígrafo pode ser máis difícil que horas, días e meses de investigación. Así que foi moi triste, pero non raro, o que viviu a gran matemática galega María Wonenburger, falecida a pasada semana aos 86 anos de idade. Cun doutorado na Universidade de Yale, a oitava do mundo, á súa volta a España en 1960 a administración de Franco non lle recoñeceu o título. Entre outras cuestións, era muller. E foi obrigada a doutorarse por segunda vez en Madrid.

A anécdota do dobre doutorado é unha máis na apaixonante vida de Wonenburger, nacida en Oleiros en 1927. O seu apelido debíallo a un tataravó alsaciano. E a súa familia, cunha empresa de fundición, quixo que fose enxeñeira. Pero se licenciou en 1950 na primeira promoción de Matemáticas da Universidade Central de Madrid.

Publicidade

Foi a primeira española en conseguir unha bolsa Fulbright

Tres anos máis tarde Wonenburger foi nunha das primeiras mulleres -a primeira española- en lograr unha bolsa Fulbright dos EUA, que lle permitiu estudar na Universidade de Yale. Alí doutorouse nunha rama das matemáticas da que se converteu en toda unha experta mundial: a teoría de grupos. Tamén foi coñecida polos seus desenvolvementos en álxebras de Lie, que se usan en estudos de xeometría en espazos vectoriais.

De volta en España, o seu doutorado por Yale non lle valeu de nada. Xa tiña un nome en América, pero aquí era ninguén. Isto foi unha constante en toda a súa carreira. Moitos matemáticos, confundidos polo seu apelido, mesmo ignoraban que era coruñesa.

Publicidade

Universidade de Indiana

Wonenburger traballou durante tres anos como investigadora no  CSIC, pero regresou a América en 1960. Na Queen University de Ontario (Canadá) dirixiu a tese de Robert Moody, que desenvolvería a chamada teoría de álxebras de Kac-Moody, aínda queWonenburger foi a súa inspiradora. A matemática obtivo logo unha praza, dende 1967, na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983, cando pola enfermidade da súa nai regresou á Coruña.

O seu impresionante curriculum pasou sempre inadvertido. Viviu unha vida modesta e sen recoñecementos en Galicia. A súa paixón era “xogar cos números e pensar”, dicía. Era unha investigadora “de mente abstracta” e tamén unha persoa feliz, como sempre subliñaba.

Definíase como unha mente abstracta, de xogar cos números e pensar

Xa moi maior, foi descuberta polos seus concidadáns. En 2010 foi a primeira científica investida doutora honoris causa pola universidade da Coruña. E a Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou en 2007 o Premio María Wonenburger para recoñecer aquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e a tecnoloxía.

Faleceu o pasado 14 de xuño. E a noticia correu discreta, como foi toda a súa vida. Tamén feliz, segundo as súas palabras. María Wonenburger foi unha loitadora nun tempo moi difícil. Unha matemática notable. Recoñecida fóra e sen recoñecemento na casa. E con dous doutorados traballados a pulso porque o maior inimigo dun científico sempre será as leas da burocracia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afectan as chuvias extremas á contaminación na ría de Arousa?

Un modelo da UDC simula a viaxe dos refugallos ata o mar e estuda como as precipitacións intensas axudan no proceso

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

A insólita historia de María Wonenburger, a xenia galega das Matemáticas

A científica era descoñecida en Galicia e España e foi visibilizada grazas as súas compañeiras de profesión, María José Souto e Ana Dorotea, da UDC