Un estudo defende o valor das armas de cuarzo na Prehistoria en Galicia

Pese a ser un dos minerais con maior presenza na cortiza terrestre, o cuarzo foi considerado tradicionalmente polos arqueólogos como un recurso de escasa importancia, propio de sociedades arcaicas. En cambio, novos estudios, recollidos agora nun monográfico que publica a prestixiosa revista Quaternary International, demostran a complexidade económica, tecnolóxica, social e simbólica equiparable á de grupos que habitaban outros territorios onde o sílex era un material frecuente e ao que se lle deu máis valor. Estes resultados poden considerarse como unha proba evidente da flexibilidade e capacidade de adaptación das sociedades prehistóricas aos cambios e condicionantes dos diversos territorios.

O monográfico é froito do traballo de membros do GEPN-AAT (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico- Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da USC e do IPHES (Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social) sobre as industrias líticas en cuarzo da Prehistoria. O volume parte do XVII Congreso Internacional da Unión Internacional de Ciencias Prehistóricas e Protohistóricas de 2014 en Burgos.

Publicidade

Durante millóns de anos e ata a xeneralización da metalurxia hai apenas uns milenios, a fabricación de ferramentas líticas foi un aspecto fundamental da economía e tecnoloxía das sociedades prehistóricas. Por iso, o seu estudo é de enorme importancia para poder comprender e reconstruír sociedades pasadas.

Numerosos investigadores vían no cuarzo un recurso de substitución, de mala calidade

Nese senso, a investigación centrouse tradicionalmente naquelas ferramentas realizadas en sílex (que, de feito, é un tipo de cuarzo), dado que esta roca presenta unha mellor calidade para a talla, o que facilita a fabricación de pezas máis complexas e mesmo máis atractivas esteticamente. Non obstante, naqueles territorios nos que o sílex é moi escaso, como Galicia ou o extremo Noreste da Península Ibérica, os grupos prehistóricos tiveron que recorrer a outros materiais, como o cuarzo.

Publicidade

A este mineral se lle prestara moi pouca atención, xa fose na súa variedade máis común, o cuarzo leitoso, ou na máis pura, o cristal de roca. Para os investigadores era un mero recurso de substitución, de mala calidade, e que non permitía obter a mesma estandarización morfolóxica das ferramentas que nos seus homólogos en sílex. Esta aproximación levou a quen nalgúns casos se tachasen de arcaicos os grupos prehistóricos que traballaban en cuarzo. Precisamente é nas rexións cunha maior presenza deste mineral, con Galicia en lugar destacado, onde se están desenvolvendo traballos cuxo obxectivo é revisar estas consideracións apriorísticas sobre o cuarzo.

O volume reúne 16 achegas de numerosos especialistas nacionais e internacionais coa fin de ofrecer un panorama o máis completo posible sobre o papel que o cuarzo xogaba nas sociedades prehistóricas desde un punto de vista económico, tecnolóxico, funcional e simbólico. Ademais, abarcan un amplo marco cronolóxico e espacial, ofrecéndose casos de estudo de diversas rexións do planeta e desde o Paleolítico Inferior ata a Idade do Bronce (Olduvai, Suecia, Nova Zelanda, Foz Côa, etc.).

Os traballos axudan a romper cos paradigmas tradicionais da disciplina, deixando claro o gran coñecemento que estes grupos prehistóricos tiñan sobre as características deste material e as posibilidades que lles ofrecía, chegando a desenvolver procesos de talla específicos que posibilitaron a obtención de pezas de indubidable valor estético e simbólico, como pode ser a daga en cristal de roca de Montelirio (Valencina de la Concepción, Sevilla).

Nestas obras o cuarzo móstrase, pois, como un recurso versátil. Así, ademais de mostrar propiedades mecánicas e funcionais equiparables ás doutros materiais de boa calidade, o cuarzo ten certas propiedades específicas (forma prismática, propiedades pezo-eléctricas…) que o dotaron dun valor simbólico e apotropaico para diferentes sociedades prehistóricas (como reflicte a presenza de prismas e cristais de roca en numerosos enxovais megalíticos ao logo da Fachada Atlántica Europea).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Enfermidades do pasado: trilobites feridos, dinosauros coxos e outros males prehistóricos

A paleopatoloxía é a disciplina científica que permite coñecer que doenzas padeceron os organismos que habitaron a Terra en épocas pasadas

Como era ser ancián na prehistoria?

Nas sociedades primitivas, a idade avanzada non estaba vinculada a estigmas, senón a experiencias

O investigador dos últimos neandertais de Galicia: “Nin tan brutos nin tan parvos. Eran humanos, coma nós”

O autor do estudo que reconstrúe o clima das Serras Orientais de hai 40.000 anos analiza os desafíos da investigación ante a escaseza de xacementos

Cinco plans científicos para resgardarte da choiva en Semana Santa

Mover pedras xigantes, ver quenllas ou unha réplica dun velociraptor... Galicia ofrece moitos plans nos que non precisarás do paraugas