O Reino Unido planificou o bloqueo naval de Galicia durante a II Guerra Mundial, sementando de minas as illas Cíes e a entrada ao golfo Ártabro. O obxectivo era impedir a intensa actividade nazi na rexión. E anular os portos de Vigo e Ferrol, bases oficiosas dos submarinos U-boot e do embarque de wolframio cara a Alemaña.
Os plans secretos do Almirantado e do servizo secreto británico (MI6) foron desvelados na primavera do 2013, cando ducias de miles de documentos foron desclasificados. Están a disposición dos investigadores nos National Archives na súa sede do condado de Surrey. Ao rastrexalos, Galicia aparece unha e outra vez como un incómodo enclave e un obxectivo militar prioritario en caso de guerra con España.
A mención máis clara a Vigo e Ferrol aparece nun documento do 20 de xullo de 1940. Titúlase ‘Política Naval en caso de guerra contra España’ e é unha instrución do primeiro lord do Almirantado. Afirma: «Tan pronto como sexa posible tras o estourido da guerra, levaranse a cabo operacións contra Vigo, Cádiz e Ferrol».
[box size=”large”]”Tan pronto como sexa posible levaranse a cabo operacións contra Vigo e Ferrol”[/box]
Noutro apartado, apúntase a primeira destas campañas bélicas: o bloqueo dos portos, sementando minas magnéticas. No caso de Vigo, situaríanse nas bocas norte e sur das illas Cíes, deixando a ría incomunicada. En Ferrol, afectaría ao golfo Ártabro e, polo tanto, tamén ao porto da Coruña.
«En canto a oportunidade o permita, realizarase, baixo ordes do Almirantado, unha ofensiva para sementar de minas os portos do Noroeste de España», afirma o plan secreto. «Un cargamento de minas magnéticas foi transportado a Xibraltar -asegura o informe-; o comandante en xefe decidirá a política de colocación das minas».
Nesa data -o verán de 1940- os británicos xa tiñan a operación preparada. Porque, se Franco decidía entrar na guerra, a Royal Navy quedaría nunha situación moi precaria. Cando se redacta o proxecto para minar os portos galegos, no mes de xullo, Hitler ven de ocupar París.
O plan agora desvelado di que buques minadores da clase Abdiel tiñan que despregarse en Cádiz e nos portos de Vigo e Ferrol. A urxencia de Londres para bloquear Galicia explícase noutros arquivos feitos públicos en 2013. Son os relativos a actividades de buques de guerra, cargueiros e submarinos U-boot nos portos de galegos.
Unha semana despois de comezar a guerra, o 7 de setembro de 1939, un cable do MI6 xa dá a primeira alarma: «Os mercantes alemáns abandonan os portos coloniais británicos e franceses, para refuxiarse en portos neutrais de Brasil e España, en especial nas Canarias e en Vigo».
[box size=”large”]Os aliados denunciaban que Vigo acollía aos mercantes alemáns refuxiados[/box]
Outra nota secreta do Almirantado de 1939 anuncia: «No Río da Prata hai (refuxiados buques) por 68.000 toneladas […] e en Vigo, 150.000 toneladas». En 1940, aínda hai seis cargueiros alemáns en Vigo, e o Almirantado ordena despregar os seus submarinos ante as illas Cíes.
A gran preocupación británica é que estes cargueiros transporten wolframio dende Galicia a Alemaña. Outra nota do MI6, datada en 1941, considera «prioritario» rematar con este tráfico que alimenta a industria bélica de Hitler.
A minaría do wolframio está controlada en Galicia polo consorcio Sofindus (Sociedade Financeira e Industrial), un holding nazi que inclúe tamén navieiras, bancos e aseguradoras. En Vigo, a empresa ‘Estudios y Explotaciones Mineras Santa Tecla‘ controla os principais depósitos, en especial os de Barbanza, Costa da Morte e monte Neme, en Carballo. Pola súa banda, ‘Montes de Galicia, S.A.’ xestiona sobre todo a provincia de Ourense, con minas como Vilanova, Casaio, Vilardecervos ou Ribadavia. Á fronte do consello de administración está Johannes Bernhardt, o home de Hitler en España. Todo o conglomerado mineiro é unha tapadeira alemá con testaferros españois como pantalla.
Fornecendo aos U-boot
Outra preocupación inglesa é que Vigo e Ferrol son base dos submarinos alemáns. En decembro de 1941, un documento secreto di: «Existen evidencias de que varios U-boot se teñen fornecido en mercantes fondeados na ría de Vigo».
En 1942, a estratexia británica cambia. De minar os portos galegos, pasan á presión diplomática. O embaixador en Madrid, Samuel Hoare, paga subornos a xenerais de Franco para que manteñan a neutralidade. Mentres, o ministro da Royal Navy inglés pide a España que desmonte as bases flotantes de submarinos U-boot en Galicia, os servizos secretos ingleses escriben: «Queremos que sexan retirados os tripulantes dos buques tanque que operan en Vigo e Ferrol», afirma o Almirantado en 1942. O obxectivo é que os tanqueiros ‘Vessel‘, en Vigo, e ‘Max Albrecht‘, en Ferrol, deixen de subministrar víveres e combustible aos somerxibles nazis.
[box size=”large”]Os aliados pensaron nun desembarco en Ferrol, como unha Normandía galega[/box]
O que aínda non aparece nos documentos desclasificados por Londres é o plan de desembarco en Galicia. Se ten falado dunha operación na praia de Doniños, en Ferrol, que podería ter sido unha Normandía galega. Pero, finalmente, cando Franco comezou a temer unha derrota de Hitler, a súa posición fíxose máis ambigua. O tráfico de wolframio cara a Alemaña caeu notablemente. As torres de comunicación nazis en Arneiro (Cospeito), na Terra Chá, foron empregadas tamén como guía para a aviación da RAF. E os submarinos U-boot deixaron de ser un grave perigo tras a invención do radar e dos bombardeiros de longa distancia B-29 Liberator e Wellington.
O cambio no curso da guerra evitou un desembarco en Galicia. Pero quedan para a historia os plans británicos para minar os portos galegos, nos primeiros meses da Segunda Guerra Mundial.