Os galegos que descubriron as illas do rei Salomón

O capitán pontevedrés Pedro Sarmiento de Gamboa, o piloto Hernando Gallego e o escribán Fernández de Catoira atoparon o arquipélago en 1568

En 1545, eran descubertas no corazón do imperio inca as minas de Potosí, coa súa fabulosa produción de prata. Con todo, a cobiza nunca ten dabondo e circulaba entre os conquistadores do Perú a lenda de que, partindo en dirección oeste, poderían atoparse unhas illas onde se achaban as míticas minas de ouro do rei  Salomón. Así quedaba recollido nas historias relatadas por varios caudillos indíxenas, que se viron reforzadas pola narración do navegante Juan Montáñez, quen sostiña que, nunha viaxe polo Pacífico, arribara forzado a unhas illas cargadas de riquezas. Así que lle faltou tempo ao vicerrei Lope García de Castro para organizar unha expedición que localizase este arquipélago e, de paso, axudase a trazar a cartografía do Pacífico Sur, unha zona aínda  inexplorada e que aparecía nos mapas coa lenda “Terra  Australis Ignota”. Foi así como comezou unha odisea con claro selo galego que rematou co descubrimento do arquipélago hoxe coñecido como as illas Salomón.

García de Castro, de indubidables apelidos galegos, encargou a misión ao seu sobriño Álvaro de Mendaña, de orixe galaica aínda que nado no actual Bierzo, e que estaba casado cunha pontevedresa, Isabel de Barreto, quen se convertería tamén nunha avezada navegante. O problema é que Mendaña tiña 25 anos e moi pouca experiencia mariñeira ou no mando de tropas. Por esta razón, o vicerrei non tivo máis remedio que rodealo dun puñado de galegos de renome.

Publicidade

Álvaro de Mendaña.

O primeiro deles foi o pontevedrés Pedro Sarmiento de Gamboa, nomeado capitán da expedición e xefe militar da mesma. Outro cargo importante foi para Hernando Gallego, piloto maior da frota. E, finalmente, viaxaba tamén como  escribán principal Gómez Fernández de Catoira.

“En escritos posteriores, Sarmiento reclamaría un gran protagonismo  na concepción,  xestión e dirección da expedición, e  mesmo no descubrimento das illas”, explica o investigador Xosé Antón Fraga na súa biografía de Sarmiento. De feito, o navegante chegaría a asegurar que a idea da misión foi súa e que propuxo a presenza do sobriño do vicerrei para animarlle a involucrarse no proxecto, algo que non encaixa coa documentación da época.

Publicidade

As dúas naves que compoñían a frota, chamadas ‘Los Reyes’ e ‘Todos los Santos’, partiron o 19 de novembro de 1567 do porto do Callao, tomando rumbo suroeste. O 7 de febreiro de 1568 chegaron á primeira das illas, á que bautizaron co nome de Santa Isabel. E decidiron chamar ao arquipélago como Illas Salomón, en homenaxe ao rei bíblico.

Nos seis meses seguintes exploraron as diversas illas, grazas a un bergantín que construíron e que foi dotado con 18 mariñeiros ao mando de Pedro Ortega e de Hernán Gallego. Noutra das illas, a de Guadalcanal, máis tarde soada pola súa famosa batalla da Segunda Guerra Mundial, atoparon pebidas de ouro. E os que quedaron en Santa Isabel descubriron que os aborixes chamaban á illa Saba. Aquilo pareceulles xa a proba definitiva de que alcanzaran as míticas minas do rei  Salomón, quen segundo o Antigo Testamento estaba casado precisamente coa raíña de Saba.

Nalgunhas illas, os exploradores foron rexeitados polos indíxenas, que lles causaron importantes baixas, polo que Mendaña decidiu regresar a América, utilizando para iso o roteiro do chamado ‘Galeón de Manila’, que comunicaba as Filipinas con Acapulco.

Vista da praia na lagoa de Fenualoa, atopada nestas expedicións.

Durante seis meses exploraron a Illa de Ramos (Malaita), San Jorge (ao sur de Santa Isabel), as illas Florecida, Galera, Buenavista, San  Dimas, e Guadalupe (grupo de illas Florida ou Nggela  Sule),  Guadalcanal,  Sesarga (Savo), illas de San Nicolás, San Jerónimo e Arrecifes (grupo Nova Xeorxia), San Marcos (Choiseul), San Cristóbal (Makira),  Treguada (Ulawa), Tres Marías (Olu  Malua), San Juan (Uki Nin  Masi), San  Urbán (Rennell), Santa Catalina e Santa Ana.

Ao seu regreso ao Perú, Sarmiento de Gamboa e Hernando Gallego escribiron unhas ‘Relacións’ contra Álvaro de Mendaña, ao que acusaron de dirixir a expedición con neglixencia e de non fundar unha colonia, como era o principal obxectivo.

Mendaña tentou unha segunda expedición ás Salomón, que partiu do Callao en 1595 e logrou descubrir as illas Marquesas. Tamén –esta vez si- fundaron unha colonia, á que chamaron Porto de Santa Cruz, ao sur das Salomon. Con todo, Mendaña caeu enfermo de malaria e faleceu na illa de Nendo o 18 de outubro de 1595.

Tras o seu falecemento, pasaría a converterse en almirante da expedición a súa esposa, a pontevedresa Isabel de  Barreto, a primeira muller na historia en alcanzar o máis alto grao nunha armada. Ela decidiu poñer fin á aventura e que as naves buscasen refuxio no porto filipino de Manila.

Houbo un derradeiro intento de colonizar as illas  alomón en 1606, xa ao mando do navegante portugués Pedro Fernández de Quirós, nese momento ao servizo do mesmo rei de Castela, Felipe III, como produto da unión das coroas. Finalmente, os españois perderon interese neste arquipélago, que remataría baixo soberanía británica ata a súa independencia no século  XX.

Pero fai agora case medio milenio, un puñado de galegos foron os primeiros europeos en alcanzar as míticas illas do rei Salomón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo

▪️ Un libro homenaxea o Matemático como o gran científico de Galicia

A obra da RAGC e do CCG está producida por GCiencia e coordinada polo académico Juan José Nieto Roig

GCiencia incorpórase ao Padroado de FEUGA

O portal de divulgación científica reforza o seu compormiso co desenvolvemento tecnolóxico, social e económico coa súa entrada na Fundación Empresa-Universidade Galega

Unha noticia de GCiencia cae na proba de Lingua Galega da ABAU 2024

A adaptación dunha peza sobre o Samaín, publicada en outubro de 2023, é o texto central dun dos exames de acceso á universidade