Sábado 20 Abril 2024

“O proceso inmediatamente anterior á erupción en La Palma foi moi rápido”

A volcanóloga galega Alicia Felpeto participou no deseño dos mapas de perigosidade volcánica e forma parte do equipo que estuda a erupción de Cumbre Vieja

A posibilidade de que se producise unha erupción na illa de La Palma, como aconteceu no proceso que comezou o pasado 19 de setembro, levaba moito tempo sobre a mesa. Xa antes de que se abrise o actual volcán, a vertente oeste de Cumbre Vieja acumulaba cicatrices aínda visibles das fontes de lava que abrollaron nos últimos séculos. En base a este coñecemento, e ao avance da sismoloxía nos últimos decenios, estaban dispoñibles os mapas de perigosidade que manexaban as autoridades. Este labor centrou a carreira da volcanóloga Alicia Felpeto Rielo, unha científica lucense que traballa para o Instituto Geográfico Nacional (IGN). Insiste en que a actual resposta científica ao episodio é labor conxunto, no que todas e cada unha das persoas que están investigando a erupción se complementan para que as Administracións poidan ofrecer á cidadanía a resposta máis acaída ao shock que están a padecer.

“Do que podemos estar contentos é das cero vítimas”, reflexiona a investigadora, alén da cara “máis dura e importante” da erupción, que é a gran destrución que causou en preto de mil hectáreas da illa, arrasando localidades case por completo. Nesta conversa explica como se elaboran estes mapas de risco, que é o que pasou para producirse esta erupción e como poderá ser o futuro despois do punto de inflexión que marcará o primeiro volcán seguido minuto a minuto desde medio mundo na historia das Illas Canarias.

Publicidade

– En primeiro lugar, que podemos contar da situación actual e futuro do volcán de Cumbre Vieja?

– É unha erupción típica das Canarias, unha erupción estromboliana. Comparada coa última en La Palma, a do Teneguía, está sendo máis explosiva e potente e máis longa. Durante estes días estamos vendo que se están a alternar os dous tipos de emisión de magma; de forma efusiva, dando lugar a coadas de lava, e de forma explosiva, cando o magma sae fragmentado.

Por agora non estamos a ver indicios que nos digan que isto está chegando ao seu fin. Cando os haxa, poderemos comezar a falar de que vaia rematar. Ás veces o final é progresivo, pouco a pouco, e ás veces abrupto. Veremos o que fai este  volcán.

– Que indicios serán os que poidan marcar que a erupción está acabando?

– O máis importante sería que estivese diminuíndo a taxa de efusión de magma, que baixase o caudal que está saíndo. É importante subliñar que para isto non chega con medir as coadas de lava; tamén teriamos que medir a cantidade de material que está saíndo de forma fragmentaria. E iso é complicado de facer porque estamos nunha illa, e non todo cae en terra, senón que o que cae no mar foise co vento, e nunca mellor dito, xa non volve. Isto tamén o podemos medir a través dos niveis de emisión do dióxido de xofre (SO2). Canto máis magma se emite, especialmente de forma explosiva, máis SO2 hai.  Son dúas formas de medir a mesma cousa. Por outra banda tamén sería significativo que baixase a sismicidade. Se baixasen as tres cousas, poderiamos ver o final. Por agora non o vemos, pero todo pode cambiar rapidamente.

– Levábase anos falando da posibilidade de que acontecese isto.  Que sinais se viron?

– En outubro de 2017 empezar a rexistrar un enxame sismos na mesma zona na que apareceu o volcán, a unhas profundidades de aproximadamente 25 quilómetros. Durou poucos días, parou. Pasaron uns cantos meses, e volveu pasar o mesmo, e así ata nove veces. Era evidente que algo estaba a pasar.

Ás veces, este tipo de actividade pode ter que ver cun movemento de magma en profundidade pero non quere dicir que acabe en erupción. Por iso temos que vixiar 24 horas ao día, 7 días á semana este tipo de actividade.

“O 11 de setembro deste ano, cando volveu empezar un proceso semellante aos anteriores, vimos algunhas cousas distintas”

Pero o 11 de setembro deste ano, cando volveu empezar un proceso semellante aos anteriores, vimos algunhas cousas distintas: a frecuencia de sismos era moito máis grande, de maior magnitude e empezaron a ser máis superficiais. Ao pouco tempo comezamos a detectar deformación no terreo de ata 23 centímetros, que é moito, e houbo tamén algúns parámetros de gases que indicaban que a cousa estaba a cambiar.

Foi cando puxemos en marcha o dispositivo para prepararnos para unha erupción. Pero cómpre ter en conta que non sempre acaba así, e non quere dicir que sexa un erro ou unha excesiva alerta dos volcanólogos. Podería ter pasado que o magma ascendese e quedase, por exemplo, a tres quilómetros da superficie porque non tiña a forza suficiente para saír. Iso pasa en moitos sitios: por exemplo, en Islandia [aínda que non se pode extrapolar isto ás Canarias] estimaron que apenas 1 de cada 10 intrusións magmáticas chegan á superficie.

Pero desta vez o proceso da erupción foi moi rápido, tremendamente rápido, se o comparamos por exemplo co que pasou no 2011 en El Hierro co volcán Tagoro. Alí tivemos tres meses longos de proceso preeruptivo. E en La Palma, se miramos o proceso continuo xusto antes da erupción, foi moito máis curto.

Alicia Felpeto, durante unha noite de traballo na actual erupción. Imaxe tomada por Bimbache Films (www.bimbachefilms.com).
Alicia Felpeto, durante unha noite de traballo na actual erupción. Imaxe tomada por Bimbache Films (www.bimbachefilms.com).

– Que pasa baixo terra xusto antes dunha erupción?

– Durante moito tempo os terremotos estiveron á mesma profundidade. Pero isto non quere dicir que o magma estea nesa franxa. Pode pasar que o magma se estea acumulando algo máis abaixo, pero ao cambiar a presión cambia o estado de esforzos da zona e rompe algo máis arriba.

Desde 2017 ata setembro deste ano, a situación era esa.  Que podía pasar? Pois que por exemplo estivese habendo novas achegas de magma e acumulándose nun reservorio profundo, por exemplo a trinta e tantos quilómetros. E isto podía estar pasando desde fai moito máis tempo, sen que houbese sinais detectables.

– Todas estas evidencias axudan a elaborar os mapas de perigosidade volcánica, nos que traballa vostede. Como se desenvolven?

– O primeiro que debemos ter en conta ao pensar neles é que son mapas probabilísticos. Nós definimos uns parámetros de entrada, e o fundamental é de onde vai saír o magma. Iso é moi difícil sabelo antes da erupción. O que se fai é calcular millóns de posibles camiños para a lava e facer unha análise probabilística. Isto é como na lotería, se unha persoa compra 100 cupóns e outra só un, a posibilidade de que toque é maior para a primeira, pero non sempre acontece así.

O mapa, ao final, amosa unha zona moi ampla, que é a potencialmente alcanzable polas coadas lávicas, sempre que se cumpran os parámetros que eu metín de entrada no modelo, que están baseados nas erupcións históricas, neste caso en La Palma. Nesta erupción a lava seguiu os camiños que estaban marcados como de maior perigosidade.

Pero hai que ter en conta máis detalles: canto máis tempo estea funcionando o volcán, máis grande pode ser a área afectada. Entón, nestes casos, algúns camiños que antes non eran moi probables, convértense nos máis probables desa zona.

Ademais, neste tipo de modelos non é posible ter en conta, por exemplo, o que está a pasar agora: as coadas de lava máis recentes van polo camiño que seguiron as anteriores. A interacción entre dous tipos distintos de lava é tremendamente complexa e non temos datos para poder simular iso.

– Por que hai tanta incerteza con estas novas coadas?

– Pode ser máis doado prognosticar como vai avanzar a fronte da lava, pero con estas linguas que saen dos laterais dunha coada é máis complicado. Cando unha coada se vai emprazando os laterais arrefrían mais rápido, e fan de barreira de contención, pero tamén pode pasar que rompan. E saber onde van rachar é moi difícil, porque depende de condicións moi locais. O que si é posible, unha vez se produzan estes cambios, é ver cales son os camiños máis probables para esas novas linguas.

“Estou convencida de que toda a xente que leva tempo vivindo en La Palma ten consciencia de que o risco está aí”

– A zona onde se produciu a erupción tiña unha perigosidade alta. E xerouse moito debate sobre a conveniencia de construír e establecer infraestruturas nestas áreas, que agora quedaron destruídas. Que reflexión se saca disto?

– Esta é a cara máis dura, e a máis importante, desta erupción. Pero estou convencida de que toda a xente que leva tempo vivindo en La Palma ten consciencia de que o risco está aí. Para unha persoa que teña máis de 72 anos e vivise sempre aquí, esta é a terceira erupción que vive. O que pasa é que probablemente a percepción e o recordo das anteriores erupcións eran moi distintas: a do Teneguía foi nunha zona sen edificacións, e a do San Juan, en 1949, houbo perda de vivendas, pero polos terremotos asociados á erupción, polo que se podían refacer de novo no mesmo sitio, non é como agora.

Entón, na memoria non estaba presente a imaxe da lava comendo casas. O cambio agora é que a poboación na illa, como en case todo o mundo, medrou moitísimo. Entón somos máis vulnerables ao risco porque hai máis elementos expostos a el, malia que os volcáns sigan facendo o mesmo que fan desde fai millóns de anos.

O risco cero non existe, e case todos estamos expostos a algún na nosa contorna. Como sociedade, é importante que os coñezamos. Pero é moito máis fácil coñecer os riscos moi frecuentes no tempo, como poden ser as inundacións, as avalanchas na montaña… fronte aos que acontecen máis espaciados no tempo.

A frecuencia eruptiva nas Canarias é de tres erupcións cada século, e entón a percepción é moi diferente, máis nestes tempos nos que vivimos pegados á inmediatez. Pero a xente aséntase en terreos volcánicos porque son tremendamente fértiles, moi rendibles paisaxisticamente en termos de turismo, porque dan materiais de construción que son moi interesantes en moitos aspectos… Todo ten as súas dúas caras.

Todos estamos aprendendo moito sobre risco volcánico. E unha sociedade que coñece mellor isto vai ser unha sociedade moito máis preparada para afrontalo e máis resiliente.

– Vai cambiar isto a percepción sobre como actuar cara ao futuro?

– Falo na miña opinión particular: en 2011 con El Hierro xa houbo un punto de inflexión. Pero o feito de ser submarina, e non ter saído ao exterior, deixou un pouso de que tampouco era tan terrible unha erupción volcánica. Pero esta erupción está a amosar a parte máis dura da capacidade destrutiva que pode ter un volcán.

Entón eu supoño que será un punto de inflexión máis marcado, tanto en termos lexislativos, como de planificación do territorio e, sobre todo, unha conciencia na clase política e na poboación de que isto é unha cousa que temos que afrontar. Pero no noso traballo non vai mudar nada. Seguiremos vixiando os volcáns do mesmo xeito. Iso si, a experiencia vai facer que para a próxima o fagamos mellor. Porque vai pasar outra vez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto cambiou a rúa na que vives nos últimos 60 anos? Compróbao neste mapa

Un mapa do Instituto Xeográfico Nacional permite comparar imaxes aéreas captadas nos anos 50 con ortofotos actuais

Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920

Así soa a erupción dun volcán dende o espazo

A ESA publica unha sonificación da erupción máis grande do século XXI, a do volcán Hunga Tonga-Hunga Ha'apai hai agora un ano

Que nos ensinou a erupción de La Palma un ano despois

Faise un ano dende que o volcán de Cumbre Vieja comezou a expulsar lava cara ao exterior e non rematou ata varios meses despois