Sábado 20 Abril 2024

O falso mito das casas galegas de pedra: cando os muros eran brancos

Diversos estudos revelan que ata o século XX o costume en Galicia consistía en calear as paredes

Pasear polas rúas dunha Compostela laberíntica é fundirse coa historia, pero tamén coa chuvia miúda que de cando en cando molla a pedra. O mesmo material solemne, xa un símbolo da identidade e arquitectura galegas, co que están construídas as casas, as igrexas e demais edificios do centro histórico de Santiago. Esa pedra que tamén adorna os núcleos de Vigo, A Coruña, Betanzos, Muros e demais vilas galegas sempre estivo aí, pero non da mesma maneira. Aínda que custe imaxinalo, hai 100 anos moitas das casas que hoxe deixan a pedra á vista eran, en realidade, brancas. “Hai fotos antigas onde Santiago parece Córdoba, así a simple vista”, di o historiador da arte Miguel Ángel Cajigal Vera, máis coñecido na súa faceta de divulgador como El Barroquista.

A cor branca adoita identificarse coas vilas do sur peninsular, sendo un sinal indiscutible das casas andaluzas. Pero tamén das galegas. Polo menos, ata hai 100 anos. Segundo explica o experto, o cal utilizábase antigamente para cubrir as fachadas e os interiores dos edificios. “Durante moitos séculos cumpriu unha función hixiénica. Incluso as igrexas, colexiatas e catedrais estaban caleadas”, apunta Cajigal Vera. Esa era a tendencia que se mantivo durante centos de anos, ata que cambiaron as normas estéticas entre finais do século XIX e comezos do XX, cando a pedra relevou o cal na fachada dos edificios. Aínda así, perviven exemplos en Galicia desa vella tendencia. É o caso da igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada. “Debaixo do cal orixinal apareceron pinturas. Facíanse frescos e logo cubríanse de branco”, apunta o historiador, dando conta do habitual que era esta práctica.

Publicidade

  • Imaxe antiga de Vigo, con todas as fachadas das casas cubertas de cal. Crédito: Twitter / El Barroquista
  • Fotografía antiga da vila de Muros, coas fachadas das casas mariñeiras en branco.
  • Imaxe de Pontevedra, onde se ve que tamén se caleaban as columnas.
  • Centro histórico de Santiago, cun edificio á esquerda en cor branca.

Por que se usaba o caleado?

A cuestión hixiénica era un dos principais motivos polos que as fachadas se pintaban de branco. “Descoñezo a parte científica pero é certo que o cal se empregaba moito nos enterramentos das persoas, para matar bechos…”, engade o divulgador. Ademais diso, outra das razóns de peso era a climática. “Coa pintura plástica que se emprega agora aparecen as humidades pero o cal si que ten certa capacidade de transpirar o edificio. En resumidas contas, mantén as casas máis quentes en inverno e máis frías en verán”, expón Cajigal Vera. Malia a súa importancia para o illamento dos edificios, o uso do cal tiña un gran inconveniente: a chuvia. Mentres que en Andalucía e nas zonas do levante o caleado tiña un mantemento menos en constante, en Galicia había que botar cal cada ano ou, cada pouco tempo, retellar. E ese puido ser un dos motivos polos que se abandonou esta práctica.

“O cal mantén a casas máis quente en inverno e máis fría en verán”

MIGUEL ÁNGEL CAJIGAL VERA, historiador da arte e divulgador

“Foi un proceso progresivo que comezou na primeira parte do século XX. De feito, os centros históricos de Galicia aínda tiñan paredes brancas a finais do XIX”, continúa explicando o historiador. Un dos motivos polos que a pedra substituíu a cor branca foi, en palabras de Cajigal Vera, a pobreza. “Calear implicaba un gasto e un mantemento constante”, di o historiador. Algo que, por tanto, non todos os petos se podían permitir. Pero máis alá do argumento económico, tamén había un estético. A partir do século XIX, a pedra comeza a asociarse coa riqueza e coa solemnidade. Algo que se consolida durante o Franquismo. “Nesa época hai unha tendencia historicista. En Compostela hai moitos edificios neobarrocos, como o do Banco de España. Todo está feito en pedra por fóra, para que se vexa o granito, aínda que por dentro teña cemento”, sostén Cajigal Vera.

“A uso da pedra nas fachadas foi un proceso progresivo que comezou na primeira parte do século XX”

MIGUEL ÁNGEL CAJIGAL VERA, historiador da arte e divulgador

Polo tanto, nese primeiro terzo do século XX “buscábase manter a solemnidade do espazo en España”. Outro destes exemplos é o edificio de Correos, tamén en Compostela. “Ten pedra pero tamén moito muro branco porque están escondendo cemento. Non se podía deixar á vista seguindo os postulados da arquitectura historicista”, engade o experto. Amais disto, outro dos aspectos que reforzan o mantemento de edificios en pedra é o impacto do turismo. “Son construcións que gustan porque saen do normal. Nos barrios residenciais, as casas están pintadas. Cando as ves feitas de pedra xa tes unha diferenciación; como se fose un pedigree de antigüidade”, sostén Cagijal Vera.

Recuperar a cor branca

Os beneficios do cal, sobre todo no que respecta ao aspecto climático e á súa mellora na conservación dos edificios, reforzan a súa recuperación. De feito, no centro histórico de Santiago xa se fixeron dúas intervencións con ese obxectivo: volver ao antigo e pintar a fachada de branco para tapar a pedra. Así o explica El Barroquista, mencionando o caso da Facultade de Filosofía, na Praza de Mazarelos, e o do Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval. “Quíxose recuperar o recubrimento da fachada tradicional porque fai que o edificio se deteriore menos e o interior sexa máis habitable”, aduce o experto.

Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval. Á esquerda, a fachada en pedra antes da restauración. Á dereita, despois das obras, xa en cor branca.

De todas formas, estes dous exemplos non significan, en ningún caso, que o recubrimento con cal se queira recuperar en todos os edificios de pedra. “Só se faría na medida do posible pero hai algúns casos que se exclúen porque sería moi extraño”, di Cajigal Vera. Por exemplo, pasear pola rúa do Vilar, tamén no centro histórico de Santiago, coas fachadas brancas de hai 80 anos resultaría, cando menos, sorprendente. Malia o choque cultural, o historiador lembra que nesa mesma rúa se caleaban os soportais. Sobre todo as roscas do arco, a parte máis dedicada ao tránsito, mentres que as fachadas quedaban coa pedra á vista. “O inconveniente do caleado é que precisa mantemento. Ademais, se o ves de preto xera certa irregularidade. Non queda plano e, en xeral, a nosa estética valora máis o regular, o aspecto acabado. O cal non deixa ver un aspecto tradicional”, apunta El Barroquista.

Un cambio drástico e outras crenzas

Pese a que durante séculos se empregou o caleado nas casas, igrexas e demais edificios galegos, a situación cambiou rapidamente. En menos de 100 anos, a imaxe habitual para os nosos antepasados mudou radicalmente, cunha paisaxe que agora protagoniza a pedra. “Os cambios estéticos adoitan ser rápidos. Adóptase unha norma e, se fai o veciño, ti tamén”, argumenta Cajigal Vera. De todas formas, el matiza que non todas as casas galegas eran brancas, pero si a meirande parte. Ou, polo menos, había unha tendencia clara ao caleado. Lembra, por exemplo, que o barrio vigués do Berbés “era blanquísimo”. “Parecía unha vila andaluza. Na tipoloxía de vivenda non, pero no aspecto do cal, do enlucido, todo era máis homoxéneo do que pensamos”, sostén.

Ría de Vigo pintada por Beruete cara ao 1880.

Pensar que en Santiago sempre predominou a pedra fronte á brancura é un erro habitual, como tantos outros. El Barroquista sinala que tamén é frecuente que se pense que Compostela é unha cidade medieval. “Non, non ten nada de medieval máis alá da súa orixe. É unha vila barroca, con casas que regularizaron entre os séculos XVI, XVII e XVIII”, puntualiza Cajigal Vera. De feito, el asegura que as vivendas propias do medievo eran máis brancas e non sempre se facían de pedra. Este material adoitaba reservarse para construír torres. “Foron desaparecendo porque non debían ser torres moi alltas e conforme foron aparecendo casas con máis alturas, perdéronse”, apunta. O único exemplo que queda desta época medieval está na rúa Nova, con casas máis baixas, pequenas e populares. “É un exemplo de como serían as casas da Idade Media, pero case non queda ningunha”, engade.

Ademais de Galicia, as casas tradicionais de Asturias e Euskadi tamén se pintaban de branco

Confusións habituais nas que non só caen as persoas, senón tamén a intelixencia artificial. El Barroquista, ademais da súa conversa con GCiencia, publicou un fío de Twitter no que salientou os aspectos máis chamativos desta crenza: a de pensar que as casas en Galicia sempre foron brancas. A súa motivación foi un chío dunha conta que publica imaxes xeradas con intelixencia artificial. Unha delas era unha vila do norte, toda en pedra, e outra unha do sur, toda en branco. “É interesante porque ata a intelixencia artificial incorpora este cliché”, di Cajigal Vera. Porque asumir este postulado non é único de Galicia, senón que acontece noutras partes do norte. Houbo usuarios de Asturias e Euskadi que tamén aseguraron que a cor tradicional das súas vivendas era o branco e non a pedra. Verdades que unha asume sen cuestionamento, crendo que o que ven os seus ollos sempre foi —e previsiblemente será— o postulado universal.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

5 COMENTÁRIOS

  1. O cal cubria os panos de pedra de cachoteria,pedra miuda de peor calidade mentras a pedra boa,os bloques graníticos quedaba a vista,constructivamente era lóxico que así fóra, servía para aillar e endurecer as unións das pedras miudas.A utilización masiva ten que ver con San Roque,saberedes que o santo mais representado e celebrado de toda Galiza,non hai igrexa ou capela de xeito que non teña un, esta devoción era interesada o santo era avogado contra a peste,San Roque que naceu grazas a intervención da virxe, os seus pais non podian ter fillos ( unha especie de lio Sandra Obregón medieval) viveu nunha época que a peste negra arrasaba Europa el gastou a súa fortuna para combatila, ata que quedou infectado e retiruse a un bosque ata curar, alí era alimentado por un can ( o famoso can), o q iamos que me perdo, o santo avogado da peste era invocado polo peligro de contraer a enfermidade que asolaba Europa, estas oleadas de peste duraron ata o século XIX, continúo co do cal, este producto sempre foi considerado como un desinfectante prodixioso, que o é, o temor a peste e oitras enfermidades fixo que o culto de san Roque fora masivo e o poder do cal temén por eso caleaban todo,non fora ser.Na costa ainda máis pq sabian que as ratas transmitian a peste,e as ratas viñan nos barcos. Se tiveramos unha igrexa de xeito, en ves de meterlle mano os monaguillos, sacarían de paseo a San Roque facendo rogativas e penitencia e seguro que a última pandemia remataría antes ou polo menos riamos máis.E por último moitos concellos podian calear algún edificio ca disculpa ,San Roque ocal e o can.

  2. Moi interesante.
    Grazas GCiencia por combinar tan ben novas de tantos ámbitos pero sempre con un trasfondo científico!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas
00:03:06

Z de Zas: unha ponte (medieval) á arquitectura do pasado

A catedral de Santiago, a capela de San Miguel de Celanova e a igrexa de Santa Comba de Bande son algunhas das obras máis representativas da Idade Media en Galicia

El Barroquista: “Gciencia xa é un medio de toda a vida”

O divulgador e experto en historia da arte derruba os prexuízos que perpetúan a visión dicotómica das ciencias fronte ás letras