O 5 de xuño de 1799, Alexander von Humboldt despedíase do peirao da Coruña para emprender a súa viaxe máis anhelada cara ás Américas. O científico prusiano subía a bordo do veleiro Pizarro cun desexo: comprender a natureza do mundo. Acompañado polo seu inseparable amigo Aimé Bonpland, un naturalista e botánico francés, Humboldt percorreu durante cinco anos as colonias españolas de América grazas ao permiso concedido polo rei Carlos IV. Ao outro lado do Atlántico, o xa considerado pai da xeografía moderna levou a cabo un labor científico encomiable, ao identificar plantas descoñecidas en Europa, cartografar territorios e estudar distintas estruturas xeolóxicas, entre outras fazañas. Todas elas tiveron como punto de partida o porto da Coruña un 5 de xuño, o mesmo día que as Nacións Unidas, 174 anos despois, instarou como o Día Mundial do Medio Ambiente.
Azar, casualidade, serendipidade incluso. A coincidencia destas dúas efemérides é fortuíta, pero a historia de Humboldt e as súas viaxes ás Américas foron decisivas para entender mellor O Novo Mundo, xerar coñecemento sobre distintas disciplinas científicas e poñer a semente dun coñecemento prolífico en toda Europa. Segundo contan Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Daniel Rozados Grela na obra Un novo mundo para un home universal, editada polo Consello da Cultura Galega, Humboldt sentiu paixón pola natureza dende ben cativo. Coleccionaba bolboretas, cunchas e pedras, e as paredes do seu cuarto estaban recubertas de retratos e debuxos do que había máis alá das paredes da súa casa. Conforme foi medrando, o seu interese, lonxe de mitigarse, foise acrecentando. E grazas á herdanza da súa nai, púidose permitir adicar a súa vida á investigación. O seu obxectivo: cruzar o charco.
A viaxe de Humboldt retrasouse durante días pola guerra entre España e Inglaterra
Para iso, Humboldt precisou o permiso do rei Carlos IV para explorar as colonias españolas. Cando o obtivo, partiu cara á Coruña, dende onde sairía o barco para Cuba. Porén, a viaxe sufriu retrasos durante días, causando isto unha profunda desesperación no científico prusiano. A demora no embarque debeuse á guerra que mantiña España contra Inglaterra, o país que estaba bloqueando o porto da Coruña con dúas fragatas e un buque de liña. O obxectivo estaba claro: impedir o tráfico entre a metrópole e as colonias, dado que o porto coruñés era un dos máis importantes para a monarquía española naquel momento. De feito, todos os meses partía un barco cara á Habana e, cada dous, un con destino ao Río da Prata. Porén, a viaxe estaba máis preto do que pensaba Humboldt. Unha densa néboa e o vento do noroeste propiciou un cambio de tempo. Dende o posto das Sisargas anunciaron que os ingleses se dirixían á desembocadura do Texo. E o 5 de xuño de 1799, ás 14.00 horas, Humboldt embarcou rumbo a América.
A súa pegada en Galicia
Os días que Humboldt estivo á espera non caeron en saco roto. O científico, segundo contan Díaz-Fierros e Rozados, aproveitou a súa estadía na Coruña para realizar investigacións na contorna. Así o reflictiu nas súas obras e escritos, nas que Galicia deixou unha incuestionable pegada, pero tamén nas 35 cartas que chegou a escribir nos días que estivo á espera de embarcar. Aínda que non se sabe con certeza que sitios visitou, sábese que xunto a Bonpland recolleu e apañou plantas nos vales galegos. De feito, Humboldt deixou por escrito, e con certa ambición, que eses espazos nunca foran visitados por ningún naturalista. Amais disto, nunha das súas cartas, dirixidas ao barón von Forell, Humboldt comparaba as plantas galegas coas alpinas, lembrándolle isto ás paisaxes da Suíza e do Tirol, dado que moitas rochas aparecían cubertas de xaras e breixos.

Máis alá da plantas, Humboldt tamén mostrou interese polas algas e os moluscos, que aparecían ao pé dos cantís polas mareas. Tamén calculou con exactitude a lonxitude correcta de Ferrol e estudou a electricidade da atmosfera. Todo isto en tempo récord: apenas uns días en que Humboldt precisaba matar o tempo para esquecer o retraso da súa viaxe e emprender, así, o camiño que cambiaría a súa vida e boa parte das ciencias en Europa. Ademais dos seus interesantes estudos naturalistas de Galicia, o científico prusiano fixo toda unha análise sociolóxica das súas xentes. Noutra carta dirixida a Forrell o 1 de xuño de 1799, exclama: “Que probreza e que laboriosidade dos seus habitantes! Non sempre o froito do traballo é o benestar”.
Neste 5 de xuño de 1799, 224 anos despois de que emprendese a súa viaxe, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) e o porto da Coruña celebran unhas xornadas para conmemorar a figura de Humboldt. Durante dous días, varios expertos analizarán o inicio da viaxe cara ás Américas, os desafíos na conservación e a escravitude da Cuba de finais do XVIII. Ademais, na Mariña da cidade herculina poden verse oito paneis destacando a figura do científico prusiano. Un dos últimos grandes xenios universais que dedicou toda a súa vida a investigar e a explorar. De feito, a viaxe ás Américas acabou con máis dun terzo do seu patrimonio. Pero grazas a iso regresou a Europa con 45 caixas de mostras, máis de 60.000 plantas e abundantes coleccións xeolóxicas, zoolóxicas e etnográficas. Así como notas con multitude de datos astronómicos, meteorolóxicos e oceanográficos que hoxe xa son historia. E da que Galicia tamén forma parte.