Un río de humidade tropical traerá intensas precipitacións a Galicia a partir do mércores

A borrasca Óscar elevará este martes os termómetros e dará continuidade á situación de inestabilidade e treboadas

Lugo, Negreira e Santiago son só algúns dos puntos de Galicia que sufriron intensas treboadas esta fin de semana. As imaxes máis impactantes deixounas a inundación do hospital lugués debida a unha tormenta capaz de colapsar a cidade en cuestión de minutos. Este escenario de inestabilidade, lonxe de disiparse, continuará connosco ao longo desta semana. A responsable será Óscar, unha borrasca de alto impacto situada entre Azores e Canarias que comezará a moverse cara a Galicia a partir deste martes. Óscar, que vén enganchada a un río de humidade tropical, elevará mañá as temperaturas en todo o país. Este episodio durará tan só unhas horas, dado que o mércores baixarán os termómetros e as treboadas volverán a regar boa parte de Galicia.

Segundo explican dende o portal meteorolóxico Meteored, Óscar é unha “rara borrasca atlántica”. A súa dinámica é máis propia dos meses invernais e non do final da primavera, a tan só un par de semanas de que comece o verán. De todas formas, as temperaturas non serán frías, senón todo o contrario: este martes acadaranse os 30 graos en Galicia. Ademais da elevación dos termómetros, Óscar deixará fortes chuvias debido a un río atmosférico de humidade, que provén das latitudes subtropicais. Así é que a partir do mércores, cando a borrasca estea situada ao oeste de Galicia, espéranse aínda máis treboadas que nos últimos días. Dende Meteored sinalan o bloqueo anticiclónico no norte e as altas temperaturas do mar como o cóctel perfecto para o impacto no noso territorio.

Publicidade

Está previsto que Óscar deixe precipitacións en moitos puntos de Galicia, pero dende Meteored apuntan que serán chuvias irregulares. É dicir, que poden ser localmente fortes e, ocasionalmente, ir acompañadas de tormentas. De feito, esta fin de semana rexistráronse miles de raios en todo o territorio. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a mesma que nomeou esta borrasca de alto impacto, está previsto que Óscar permaneza no oeste da península durante varios días e, incluso, durante a fin de semana. De novo, isto tradúcese en chuvias bastante xeneralizadas, especialmente a partir do mércores.

Continúan as tormentas

Dende Meteogalicia confirman que a semana comeza con inestabilidade atmosférica e, polo tanto, con tormentas e precipitacións que poden ser localmentes fortes. Sen ir máis lonxe, este luns está activada a alerta amarela na provincia de Ourense, no interior de Pontevedra e no centro, sur e na montaña de Lugo. Este escenario terá continuidade coa entrada da borrasca Óscar. Para mañá, martes 6, as temperaturas acadarán os 31 graos en Ourense debido á entrada de aire cálido en latitudes inferiores. Tamén se esperan treboadas en boa parte de Galicia que se intensificarán a partir deste mércores, con precipitacións que serán localmente fortes pola noite. O xoves soben as temperaturas, pero a chuvia continuará connosco. Polo de agora, o escenario de cara á fin de semana non presenta cambios significativos.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta laranxa no oeste da Coruña por precipitacións intensas

A AEMET acende o aviso amarelo en zonas da Coruña, Lugo, Ourense e en toda a provincia de Pontevedra por tormentas e chuvias

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín

Galicia rexistra máis de 2.100 raios durante as últimas 24 horas

As zonas con máis actividade foron o occidente da Coruña e Pontevedra, o interior de Lugo e o oeste de Ourense