O ‘banquete mitraico’ amplía a exposición da Domus do Mitreo

O museo rexido en Lugo pola Universidade de Santiago de Compostela reúne elementos faunísticos achados no xacemento e datados entre os anos 212-18 e 350

O Museo Universitario A Domus do Mitreo amplía a súa área expositiva, cuxa fase de renovación se prolongará ata mediados de xuño, coa mostra de ósos e restos faunísticos do ‘banquete mitraico’, tal e como se denomina o momento da celebración máis importante da liturxia relixiosa do Deus Mitra e durante o que as persoas que estaban a render culto comían.

As distintas análises realizadas sobre os restos de fauna achados no xacemento sobre o que se asenta a Domus do Mitreo revelan que a maior parte dos ósos corresponden con especies gallináceas, vacún, xabaríls, corzos, lebres ou de produtos mariños, como o constatan as diversas cunchas atopadas. A datación destes ósos sitúase entre os anos 212-18 e 350 despois de Cristo, segundo comentan Celso Rodríguez Cao e Dolores Dopico Caínzos, responsable das escavación arqueolóxica e directora científica do museo, respectivamente.

Publicidade

Alén da escolma destes restos óseos que deixan constancia da celebración do ‘banquete mitraico’ entre os fieis ao Deus Mitra que habitaban na Lucus Agusti, outros dos restos faunísticos achados durante as escavacións corresponden a osamentas de cans, de cabalos e tamén de camélidos. A presenza de camelos e dromedarios no Noroeste da península ibérica non era habitual, pero trátase de dúas especies utilizadas como medio de transporte e de mercadorías por parte dos soldados romanos, un feito que pode explicar a existencia de restos óseos nas dependencias dunha domus habitada por un centurión.

Pezas artesanais de óso achadas no xacemento da Domus do Mitreo.

Unha explicación semellante pode aplicarse ao caso do cabalo, un animal reservado na época ás clases sociais con alto poder económico, precisa Rodríguez Cao. Este arqueólogo engadiu  que as pescudas e análises científicas realizadas non solo derivaron na identificación, catalogación e datación dos animais, senón que tamén resultaron cruciais para situar e identificar no xacemento lugués a especie canina máis antiga de Europa.

Publicidade

Outra das realidades advertidas nas investigacións xa realizadas arredor do uso e aproveitamento dos ósos atinxe ao densenvolvemento dunha incipiente industria artesanal dos ósos, sobre todo centrada na elaboración de agullas e demais artefactos de uso téxtil (pezas perfectamente seccionadas e pulidas) e tamén prendedores e agullas para o pelo. Ademais destes usos, durante esta etapa do imperio romano, os ósos tamén se empregaron para a elaboración de pezas, algunhas incluso policromadas, de uso supostamente lúdico ou de lecer.

Día Internacional dos Museos

O Museo Universitario A Domus do Mitreo súmase a celebración do Día Internacional dos Museos, unha efeméride que se conmemora o vindeiro martes 18 de maio, cunha xornada de portas abertas e coa organización de dúas visitas guiadas, unha en quenda de mañá e outra, pola tarde, para as que é preciso formalizar reserva a través do número de teléfono 610 323 926 ou da web www.adomusdomitreo.com.

A duración de cada unha destas visitas guiadas, abertas a todos os públicos, será de media hora. Así, nos itinerarios programados para as 12.00 horas e as 18.00 horas, as persoas que actúen como guías tratarán sobre o pasado e o futuro da Domus do Mitreo, ao tempo que explicarán como este museo universitario sorteou as limitacións derivadas da pandemia provocada pola COVID-19 grazas á súa web.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes son os 29 puntos dende onde non estará permitido ver a eclipse total de agosto en Galicia

A Mariña concentra a maior parte das restricións da lista provisional elaborada a partir da información dos concellos por motivos de seguridade, mobilidade e accesibilidade

Media Galicia en alerta vermella pola calor: estes son os 117 concellos afectados

A influencia das altas presións producirá que algúns episodios se prolonguen ata cinco días, sobre todo en Ourense, A Coruña e Lugo

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un pazo do século XVII nos Ancares entra na Lista Vermella do Patrimonio polo seu grave estado de ruína

A asociación Hispania Nostra incorpora a inmoble tras constatar danos estruturais severos na coberta e no interior