Publicidade
Mércores 14 Maio 2025
Publicidade

Rescate contra o reloxo á memoria da guerrilla e o wolframio en Casaio

O equipo de investigadores Sputnik Labrego recolle na montaña de Valdeorras as últimas testemuñas da mina e os campamentos antifranquistas

Fe Rodríguez e José Barrio viron cos seus ollos tempos moi distintos aos de hoxe en Casaio. No medio das montañas lañadas agora pola cantería da lousa coincidiron durante a Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial os traballadores das minas de wolframio para a Alemania de Hitler e os guerrilleiros que seguían resistíndose á victoria do fascismo en España. Unha era a Cidade dos Alemáns e a outra, a Cidade da Selva, e as dúas estaban á beira do río Valborraz. Mais os guerrilleiros foron caendo, e aínda que a minaría volveu revivir durante a guerra de Corea, hai xa máis de 50 anos que só quedan en Valborraz os ecos do pasado.

Fe foi cantineira da mina e José seguiu traballando como garda cando a mina xa pechara, contratado polos donos para evitar o estraperlo de wolframio. E son dúas das testemuñas que están rescatando, contra o reloxo, os investigadores do proxecto Sputnik Labrego, dirixido polo arqueólogo do Incipit-CSIC Carlos Tejerizo García. Este investigador chegou a Galicia desde Salamanca, cativado polas transformacións que viviu o campesiñado galego en momentos históricos de grandes cambios, como foron aqueles, desde a perspectiva arqueolóxica e antropolóxica; é dicir, a resistencia e resiliencia labrega ante un mundo que muda.

Publicidade

A investigación de Casaio está centrada na transformación que chegou coa creación do Estado franquista, pero o traballo de Tejerizo tamén estende a súa análise á fin do imperio romano e a chegada dos suevos, en castros como Formigueiros, Penadominga ou Viladonga, na provincia de Lugo; e á fin do Antigo Réxime e a construción do Estado-Nación, entre os séculos XVIII e XIX, coa pegada da desamortización, a invasión francesa ou as guerras carlistas nas redes comunais e parroquiais.

Xunto a Carlos, unha decena de investigadores de varios eidos (hai tamén historiadores e antropólogos) regresarán este sábado a Casaio e Valborraz para documentar os restos do que queda da mina e os campamentos. Xa non será posible rescatar todo, porque en 2010, debido a un forte temporal, un enorme entullo de lousa procedente dos restos dunha canteira levou por diante parte das construcións. Tan illado está hoxe Valborraz que pasaron bastantes días ata que alguén se decatou do que pasara.

Publicidade

O obxectivo, segundo Tejerizo, “é documentar os vestixios que aínda quedan”, como os antigos chozos guerrilleiros e os edificios da mina, o primeiro paso para que a medio prazo se poida realizar unha intervención na paisaxe que permita protexela dun probable deterioro aínda maior e, posteriormente, promover a divulgación do patrimonio de Valborraz. Iniciativas semellantes estanse levando a cabo noutras antigas explotacións de wolframio en Galicia, con moita historia detrás, como a de Monte Neme, entre Carballo e Malpica.

Unha das sorpresas coas que se atopou o equipo de Sputnik Labrego foi que “a mina esconde unha historia moito máis rica e complexa“, lembra Tejerizo. No mesmo tempo no que se extraía wolframio e vagaban pola zona os maquis, Valborraz tamén acolleu un Destacamento Penal de presos republicanos, que foi analizado en profundidade polo investigador Isidro García Tato, e que sentou parte da base para as investigacións actuais. As testemuñas orais, como as de Fe e José, que tamén dan conta das etapas anteriores nas que a mina estivo xestionada por empresas belgas, axudan a superar en aprte a falta de documentación daquel periodo.

O traballo está sendo financiado pola Xunta de Galicia e o Incipit, e conta tamén coa colaboración de entidades como o Instituto de Estudos Valdeorreses e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificada a misteriosa doenza paralizante que mingua as poboacións de gaivotas

Un estudo con participación do Oceanográfico de Vigo vincula ao botulismo a enfermidade que causa milleiros de mortes en aves mariñas

Cámaras e IA a bordo para coñecer mellor os mares: “Non é un grande irmán, vai de ter máis información”

Un sistema desenvolto polo Oceanográfico de Vigo afina as tecnoloxías de control de capturas para suplir a ausencia de controladores humanos a bordo

Un equipo de Vigo documenta por primeira vez un polbo de nove brazos no seu hábitat natural

É o primeiro estudo que rexistra como se usan as extremidades rexeneradas e bifurcadas nunha contorna salvaxe

Robots e ovellas que coidan os cultivos: así é o pioneiro ensaio realizado en Quiroga

Un novo sistema realizado polo Grupo Operativo AGRI-ROVENAT estuda métodos innovadores para mellorar a sostibilidade de viñedos e oliveiras