Así foi o histórico temporal de 1941: tres mapas reconstrúen a súa entrada por Galicia

Sistemas de última xeración recompilan datos de tormentas de fai 82 anos para poder entender a evolución da metereoloxía

Era o 15 de febreiro de 1941 e a península ibérica estaba a punto de sufrir un dos temporais máis violentos da súa historia. Tras a Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial, o Servizo Metereolóxico Nacional (SMN) non funcionaba con normalidade, co cal, existen poucos datos daquela época sobre as características desta profunda borrasca atlántica que atravesou parte da Coruña e o norte de Lugo. Agora, grazas á ferramenta de reanálise metereolóxica ERA5 do Servizo de Cambio Climático Copernicus (C3S), construíuse unha imaxe completa da tormenta, que desvela que se tratou dunha borrasca de menos de 935 milibares (hPA).

Por aquel entón sucedéronse en Europa tres dos invernos máis duros que se lembran (1939-1942) con constantes invasións de aire polar, unha situación excepcional que influíu no desenvolvemento deste temporal. Unha enorme masa de baixas presións estendeuse ata as Azores e desprazouse en liña recta ata Groenlandia, mesturándose o aire ártico co dos trópicos. A mañá do 15 de febreiro a depresión desprazouse 90 km/h cara ao este, chegando á costa de Portugal e curvándose cara ao noroeste. Unha análise sobre a situación metereolóxica en febreiro de 1941 publicada polo experto José Miguel Viñas Rubio detalla que a partir deste momento a borrasca profundizouse: “Este tipo de situacións son sempre son precursoras de intensos temporais na península, xa que o aire polar abre paso cara ao sur, desprazando da súa posición habitual as altas presións”.

Publicidade

Sobre a velocidade que chegou a alcanzar o vento non existen datos exactos e nalgunhas informacións os expertos piden “precaución”, mais hai publicacións que informan de ventos de 150 km/h en Portugal e ata 180 km/h en San Sebastián, sendo unha das zonas da península máis afectadas. O metereólogo explica que aínda que as zonas más expostas aos temporales do noroeste son Galicia e toda a cornixa cantábrica, non sempre se rexistran nestas zonas as rachas máis fortes de vento. A causa está no “efecto embude” sufrido polo vento ao atravesar zonas como o Val do Ebro ou nalgunhas zonas portillo das serras levantinas, sostén.

As tres instantáneas permiten reconstruír unha imaxe global da tormenta atlántica

O novo estudo de Copérnico permite atribuír unha presión de 935 (mb) á borrasca atlántica e non de 965 mb como se pensou naquela época. As tres instantáneas por hora da tormenta permiten reconstruír unha imaxe global creando “mapas sen ocos”, enchendo aqueles espazos onde faltan observacións. Serve, por exemplo, para recompilar información nos momentos nos que as nubes impiden aos satélites observar a superficie da Terra, ou en zonas de difícil acceso como o Ártico; e neste este caso, para conseguir datos metereolóxicos durante a posguerra onde a información metereolóxica só chegaba dende Iugoslavia e Portugal.

Publicidade

ERA5 proporciona estimacións por hora dun gran número de variables climáticas atmosféricas, terrestres e oceánicas. Combina as observacións históricas en estimacións globais empregando sistemas avanzados de modelado e asimilación de datos. Tamén, inclúe información sobre as incertezas para todas as variables en determinado momento e espazo. “Esta nova actualización de ERA5 amplía o rexistro de datos máis atrás no tempo, enriquecendo a súa recopilación de eventos climáticos extremos“, explican dende o Servizo de Cambio Climático de Copernicus (C3S).

Unha cicloxénese que quedará na memoria

Os danos ocasionados por este fenómeno foron cuantiosos: nos bosques, nos buques pesqueiros, en infraestructuras e comunicacións e tamén en seres humanos. En Galicia algunhas testemuñas lembran a magnitude das olas. Vigo, Oporto e Lisboa foron os portos que máis sufriron as consecuencias da tormenta, e en Portugal morreron ata 20 persoas. En Santander orixinouse un incendio que devorou o centro da cidade e máis de 30.000 persoas tiveron que abandonar os seus fogares. Calcúlase que a velocidade do vento na capital cántabra superou os 200 km/h, mais non hai datos exactos xa que o anemómetros quedaron inutilizados pola forza vento.

Nun estudo realizado polo científico Robert Muir-Wood especializado en catástrofes históricas, considérase este temporal de vento como a maior catástrofe ocorrida, en termo de danos, nos últimos 200 anos na península ibérica. Segundo os seus cálculos en 2009, no Estado a cifra estaría entre 1.000 e 1.500 millóns de euros.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas

Unha masa de aire polar e unha borrasca atlántica afunden os termómetros en Galicia

A primeira metade da semana estará marcada por un choque entre altas e baixas presións que deixará formacións nubosas e treboadas en todo o territorio

Da Regina aos 22 graos: por que Galicia vivirá unha semana de tempo tan cambiante?

Unha valgada achegarase dende o Atlántico a partir do xoves e provocará un brusco descenso térmico e unha elevada probabilidade de precipitación en toda Galicia

Canto durará o anticiclón en Galicia? Unha fronte fría traerá de novo chuvia e frío a partir deste día

A borrasca Pedro é a última dun carrusel que comezou a finais de 2025, pero a tregua de tempo solleiro e seco durará menos dunha semana