Derrubamento nun dos emblemas do Pasatempo de Betanzos

Un dos emblemas do Parque do Pasatempo de Betanzos sufriu un derrubamento esta mañá. Parte do templete central do Estanque do Retiro, que contiña a figura dun barco, caeu esta mañá durante os labores de baleirado da auga do recinto, dentro das obras de urxencia que o Concello de Betanzos aprobou no pleno no mes de setembro, segundo informou o propio consistorio. Ante este derrubamento, o Concello decidiu pechar a zona histórica para que os técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta, á que xa se lle deu aviso, avalíen a situación e indiquen as medidas a tomar con carácter urxente.

Os 50.000 euros que se destinaron ás obras de urxencia investiranse agora na reparación do templete

Os traballos que se estaban realizando para frear o deterioro que vén sufrindo o parque tiñan previsto apontoar o templete, que xa contaba con graves problemas estruturais, visibles nalgunhas fendas. Segundo informou o Concello, xa se acometera o selado dalgunha greta na zona que hoxe se desprendeu, ademais doutras medidas de seguridade. O baleirado do estanque comezou este mércores, tal e como indicou o consistorio, para saber con exactitude o grao de afectación da fenda e proceder ao seu completo selado.

Publicidade

Advertencias anteriores

“Ao quitar a auga, a forza que fai contra o muro desaparece, e o muro cede”, explica o aparellador Jose Souto, da Asociación de Amigas do Parque do Pasatempo. O ano pasado, durante o episodio de seca, Souto lembra que “xa se viran fendas importantes, que medraban pouco a pouco”.

Esta mesma mañá, ao coñeceren a chegada de máquinas de bombeo, o propio Jose Souto chamou ao concello para advertir de que non realizaran o baleirado polo risco que supón, “pero ninguén me puido dar resposta”, lamenta.

Publicidade

Segundo sinalou o Concello betanceiro nunha nota de prensa, os 50.000 euros aprobados para as obras de urxencia “destinaranse agora os traballos que, segundo Patrimonio, haxa que realizar no templete”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De hórreos a torres medievais: 18 bens patrimoniais galegos entraron na Lista Vermella no último ano

Dez monumentos están en Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e dous en Pontevedra, segundo o catálogo da asociación Hispania Nostra

Novo espolio en Vimianzo: estragada outra histórica alvariza en monte Faro

O patrimonio de Cova do Raposo está preto de onde estaba a pedra furada que desapareceu e outra estrutura danada pola actividade madeireira

Mámoas roubadas e usadas como ramplas para motos: está en risco o patrimonio galego?

Os danos a elementos como petróglifos son relativamente habituais e en parte débese á súa fraxilidade e á dispersión da poboación en Galicia

Un pombal na Coruña e dúas antigas escolas en Cenlle entran na Lista Vermella do Patrimonio

Só no que vai de 2025, 14 novas estruturas foron incorporadas á catalogación realizada por Hispania Nostra, das cales tamén hai Bens de Interese Cultural