A atalaia de Armea, en Allariz, quedará ao descuberto en xullo

Rematar de escavar a finca da atalaia, de propiedade municipal, deixando toda esta zona exposta ao público, e realizar varias sondaxes na contorna do xacemento da “Cibdá de Armea” para ver a súa posible potencialidade expositiva para o futuro, entre elas, a zona das Pioucas da Santa. Con estes obxectivos presentouse este xoves a campaña 2017 de escavacións arqueolóxicas en Armea, no concello de Allariz. Un equipo de 20 persoas liderado por arqueólogos do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) volverá en xullo á zona para continuar sacando á luz un xacemento do que estiman só está descuberto arredor dun 5% da súa superficie. Esta actuación verase complementada cunha intervención en San Salvador dos Penedos, concretamente no Castelo de Malpaso e a súa contorna.

Máis de 150 estudantes de varios países solicitaron traballar nas escavacións

A campaña, que se desenvolverá ao longo de todo o mes de xullo financiada polo Concello de Allariz, foi presentada na localidade ourensá por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Francisco García, alcalde de Allariz, e Adolfo Fernández, director xunto a Fermín Pérez da campaña. Agradecendo a confianza depositada por este concello no grupo da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez destacou como este proxecto recolle nos seus obxectivos as diferentes misións que cumpre a universidade, como son a docencia, a investigación e a transferencia, ademais do “seu compromiso coa cultura galega e o seu territorio”. Lembrando como a iniciativa se enmarca nun convenio asinado hai tres anos entre a institución académica e o goberno local, o vicerreitor salientou como esta colaboración ten sido exemplo para a posta en marcha de iniciativas similares con outros concellos da provincia. Pola súa banda, o alcalde de Allariz destacou “a súa satisfacción por esta colaboración continua” e a importancia de que “o territorio poña en valor os recursos que ten”. Deste xeito, dixo Francisco García, accións como as levadas a cabo en Armea amosan como “do patrimonio se pode facer un activo económico”.

Publicidade

Segundo explicou Adolfo Fernández, o xacemento de Armea ten a particularidade de “estar moi pouco escavado”, o que fai que “estea todo por facer” e que o que se faga haxa que facelo con moito tino para “recoller todos os datos arqueolóxicos porque non hai volta atrás”. Esta cuarta intervención arqueolóxica no enclave, indicou o arqueólogo do Geaat, márcase como obxectivo deixar na súa totalidade escavada a zona da atalaia do castro que está nunha finca de propiedade municipal. Ademais, engadiu, levaranse a cabo actuacións de sondaxe en fincas privadas próximas co permiso dos veciños e unha sondaxe na zona das Pioucas da Santa na que se afondará no coñecemento das estruturas circulares e muros que se observan nela, respectando a integridade deste espazo de culto. Trátase, apuntou, “de ver se hai potencialidade para seguir actuando”. “O que buscamos é expandir a intervención a zonas de escavación con potencial de musealización, de abrir outra grande área de musealización”, comentou o director da campaña, cuxo traballo de campo estará dirixido pola arqueóloga do Geaat Patricia Valle.

Adolfo Fernández, Francisco García e Virxilio Rodríguez, na presentación da campaña. Foto: Duvi.
Adolfo Fernández, Francisco García e Virxilio Rodríguez, na presentación da campaña. Foto: Duvi.

Durante a presentación, Adolfo Fernández tamén fixo fincapé na “repercusión a nivel nacional enorme” que ten a realización desta campaña polo seu carácter de curso arqueolóxico. Deste xeito, indicou, “recibimos máis de 150 solicitudes de estudantes de boa parte das universidades de España e tamén do estranxeiro, como Portugal e países doutro lado do charco” para participar nas escavacións. Esta demanda, apuntou, sitúa a actividade en Armea ao nivel doutros cursos arqueolóxicos referentes no ámbito estatal. Dadas as características da campaña que se levará a cabo no Concello de Allariz, só poderán participar nela 14 alumnos e alumnas, entre eles estudantes en réxime de prácticas da Facultade de Historia do campus de Ourense.

Publicidade

Os traballos da intervención decorrerán pola mañá e pola tarde realizaranse prácticas de traballo de laboratorio onde os alumnos e alumnas aprenderán o tratamento básico do rexistro de materiais arqueolóxicos. Tamén se levarán a cabo saídas para visitar xacementos da contorna. Ademais do equipo técnico que participará na campaña e dos estudantes, o Concello de Allariz achega á intervención catro obreiros municipais que levarán a cabo tarefas de apoio, entre eles dous canteiros que participarán tamén na campaña de conservación e restauro. Durante a intervención está previsto que se renoven os paneis informativos do xacemento e se coloquen novos recursos informativos. Ademais levaranse acabo as actividades divulgativas doutros anos, con obradoiros arqueolóxicos xestionados por Xeitura para nenos e nenas e visitas guiadas. Tralo traballo de campo no mes de xullo, a actividade continuará no campus de Ourense co procesado dos materiais e a realización de publicacións científicas. Por último, no mes de outubro terá lugar a campaña de conservación e restauración de todos os restos exhumados durante o mes de xullo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alfredo G. Ruibal, arqueólogo: “Cando escavamos chabolas e campos de concentración sempre atopamos dignidade”

O galego publica 'País en ruínas', un libro no que reconstrúe a historia do franquismo a través dos obxectos máis singulares que atopou ao longo de case dúas décadas de traxectoria

A apaixonante historia do Casco de Leiro, a xoia prehistórica que atopou un veciño de Rianxo hai 50 anos

Décadas despois do seu descubrimento, a peza de ouro aínda mantén varias incógnitas sobre a súa orixe e funcionalidade

Nin bárbaros nin salvaxes: así coidaban os galegos dos seus enfermos hai 1.500 anos

Unha investigación da USC revela que as comunidades galegas mantiñan redes de solidariedade vitais para protexer os máis vulnerables

Novos achados confirman a longa ocupación da illa de Tambo

Unha campaña arqueolóxica, promovida polo Concello de Poio, documenta a presenza humana continuada dende a prehistoria ata a etapa militar contemporánea