Martes 19 Marzo 2024

O dispensario antituberculoso da Coruña, un centro para ricos e pobres

A comezos do século XX creouse fronte ao Orzán este centro sanitario dirixido a conter a enfermidade

Aínda que a súa incidencia caeu máis dun 35 por cento nas últimas dúas décadas, a tuberculose sempre foi unha enfermidade persistente en Galicia, onde se rexistran o dobre de casos da media española. En 2021, aínda se contabilizaron 13 casos por cada cen mil habitantes, que afortunadamente son menos da quinta parte dos que se rexistraban fai un cuarto de século, en 1996, ano en que se puxo en marcha o Programa Galego de Prevención e Control desta enfermidade.

Con todo, a tuberculose foi un verdadeiro grave problema de saúde pública a comezos do século XX, cando abundaban os sanatorios dedicados a tratar aos enfermos co método do científico alemán Hermann Brehmer, que probara no hospital de Göbersdorf, consistente en illar aos pacientes en zonas marítimas ou de grande altitude coa idea de que, con maior presión cardíaca, chegase máis sangue aos pulmóns. A eficacia desta suposta terapia era máis que cuestionable.

Publicidade

Na Coruña, para conter as enfermidades epidémicas, como o cólera morbo asiático, abriuse no século XIX o lazareto marítimo de Oza, máis tarde reconvertido en hospital. Con todo, en pleno centro da cidade decidiuse instalar tamén un dispensario, onde se puidesen diagnosticar os casos de tuberculose xa na súa fase máis temperá, evitando a multiplicación das infeccións. É así como xorde a chamada Casa do Sol.

A súa construción proponse en 1901 polo doutor Emilio Fraga Lago, pero as obras non comezarán ata 1905, cando o Concello coruñés cede os terreos. O proxecto foi encargado ao arquitecto Pedro Mariño, un gran referente do modernismo. Tras a súa inauguración, comeza a prestar asistencia de xeito gratuíto, tanto para ricos como para pobres, manténdose con donativos e coas achegas municipais e da deputación.

O vello dispensario.

O investigador da Universidade de Santiago Daniel Lucas Teijeiro Mosquera, autor dunha documentada monografía sobre a Casa do Sol, describe o dispensario e cada unha das súas estancias: “Finalmente, erixiuse un pequeno edificio de planta baixa con nove salas: un vestíbulo, no que nas súas paredes estaban pintados simples consellos profilácticos para que calquera estrato da poboación puidese interpretalos sen dificultade; unha sala de consultas, para o exame das persoas sospeitosas de tuberculoses; outra sala de espera, onde se podían facer as doazóns voluntarias; un despacho para xuntas, onde a directiva do centro sanitario administraba a xestión de cada caso particular; un laboratorio, para facer os cultivos de estudo; unha cámara escura, que servía para observar aos pacientes infectados cunha máquina desinfectante; un cuarto para recoñecementos e curas, exclusivo para aqueles pacientes afectados; unha conserxería, para a xestión ordenada das visitas sospeitosas de infección; un almacén, no que a Cruz Vermella gardaba os seus arquivos e medicamentos; e uns retretes e lavabos”.

O resultado final é un fermoso e pequeno edificio fronte á enseada do Orzán, que aínda hoxe pode admirarse e que acolle a comisión de festas da cidade.

Plano do dispensario.

No dispensario, traballaron de forma altruísta importantes profesionais como Enrique Hervada, o chamado ‘médico dos pobres’. Ademais, Teijeiro Mosquera, do Grupo de Investigación de Historia da arte, da Arquitectura e do Urbanismo da USC, lembra na súa investigación que mesmo chegou a aparecer unha publicación divulgativa, o ‘Boletín do Dispensario Antituberculoso da Coruña’, que se editaba quincenalmente achegando consellos para previr a turberculose, ademais de medidas profilácticas contra outras enfermidades infecciosas.

O éxito do dispensario antibuberculoso da Coruña levou a abrir outras dúas instalacións similares en Ferrol, en 1911, e en Vigo, en 1917. E deixou este edificio singular que segue a chamar a atención fronte á enseada do Orzán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

A vacina contra a tuberculose que se ensaia en Galicia recibe apoio financeiro para probarse en África

Un estudo avaliará a seguridade e a eficacia do tratamento, que ten potencial para xerar unha mellor resposta inmune que a terapia actual

As infeccións de transmisión sexual entre menores de 18 anos medran un 37% en España

O XIV Congreso Nacional GeSIDA celebrado na Coruña reúne a centos de expertos que debatirán sobre os avances e retos no ámbito do VIH