Unha nova ferramenta galega ofrece descricións en tempo real sobre a calidade do aire

A aplicación xera automaticamente textos en galego e castelán grazas a técnicas baseadas na intelixencia artificial

O 61% das estacións teñen unha boa calidade do aire e o 38,6%, favorable. Son datos extraídos de ICA2TEXT, unha nova aplicación galega que xera automaticamente descricións textuais en galego e castelán sobre o estado da calidade do aire en Galicia. A ferramenta, que funciona grazas a técnicas baseadas na intelixencia artificial, xa se pode consultar nesta páxina web. Detrás desta iniciativa están o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santoago de Compostela (USC) e o Departamento de Calidade do Aire de Meteogalicia, pertencente á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

ICA2TEXT acompaña os gráficos e datos numérico-simbólicos amosados na web con descricións textuais xeradas automaticamente, que axudan á cidadanía a ter unha mellor comprensión da información proporcionada. O obxectivo desta aplicación é describir estes datos de xeito comprensible, tal e como o faría unha persoa experta. O proxecto é un paso cara adiante na liña de colaboración que as dúas institucións veñen mantendo ao longo dos últimos anos, froito da cal teñen cristalizado iniciativas semellantes como GaliWeather, unha ferramenta que, dende o ano 2015, ‘traduce’ cada día a linguaxe natural os datos de predición meteorolóxica dos máis de 300 concellos galegos.

Publicidade

Intelixencia artificial ao servizo da meteoroloxía

O Índice da Calidade do Aire (ICA) é un parámetro que se calcula automaticamente cos datos emitidos en tempo real polas estacións de medición da calidade do aire repartidas por toda Galicia; ata o de agora, o resultado desta recollida de información amosábase aos usuarios na páxina web de MeteoGalicia a través dun sinxelo mecanismo de visualización, baseado nun código de cores.

Neste contexto, ICA2TEXT presenta unha proposta baseada principalmente en dúas técnicas amplamente estendidas na actualidade entre a comunidade científica experta en Intelixencia Artificial: a Xeración de Linguaxe Natural (NLG, polas súas siglas en inglés) e a Lóxica Borrosa. “Esta nova aplicación componse principalmente de dúas tarefas principais: por unha banda, procesa os datos para xerar a partir deles descricións lingüísticas coherentes”, explica o investigador responsable do proxecto no CiTIUS, Alberto Bugarín; “por outra, é quen de converter as descricións xeradas en textos comprensibles para as persoas”. Un sistema innovador, enmarcado na área do Data-To-Text (D2T, ‘Datos a texto’) que emprega técnicas baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e tecnoloxías da linguaxe natural para xerar automaticamente descricións textuais.

Publicidade

“Ata onde sabemos, ningunha axencia meteorolóxica no mundo conta na actualidade cunha aplicación similar”

ALBERTO BUGARÍN, responsable do proxecto no CiTIUS

O traballo comezou en 2020 no marco dun Traballo de Fin de Grao (TFG) do Grao en Enxeñaría Informática da USC e acaba de ser presentado no XXXVIII Congreso da Sociedade Española para el Procesamento de Linguaxe Natural (SEPLN). Así mesmo, foi publicado tamén en Applied Soft Computing.

“Ata onde sabemos, ningunha axencia meteorolóxica no mundo conta na actualidade cunha aplicación similar a ICA2TEXT para a xeración automática de descricións en linguaxe natural sobre o Índice da Calidade do aire”, destaca Bugarín. “Todo isto dá unha idea da proxección e a importancia deste resultado, que nos incentiva a seguir mellorando a nosa colaboración con  Meteogalicia na aplicación das tecnoloxías intelixentes e da linguaxe natural ao eido da meteoroloxía”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Galicia rexistra o mes de outubro máis seco dende 2007

O último informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi un 79% inferior ao habitual no período

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva