Algúns dos dinosaurios máis veloces do mundo vivían na Rioxa

Podían correr 45 kilómetros por hora, segundo o recolle un estudo da Universidade de La Rioja que analizou varias pegadas fósiles

Podían correr 45 kilómetros por hora. Eran carnívoros que avanzaban con rapidez sobre dúas patas. E non só eran algúns dos dinosaurios máis veloces do mundo, senón que habitaban máis preto de nós do que imaxinabamos: no que hoxe é A Rioxa. Así o establece un estudo que acaba de ser publicado en Scientific Reports por investigadores da Universidad de La Rioja. Para achar estes resultados analizaron as pegadas fósiles destes terópodos e determinaron que tiñan unha das velocidades de carreira máis rápidas calculadas ata a data. Todo a partir do estudo das súas pisadas.

Os rastros fósiles analizados localízanse en dous xacementos ubicados en Igea e datan do período Cretácico Inferior, aquel de hai entre 145 e 100 millóns de anos. Un deles, o denominado La Torre 6A, contén cinco pegadas e o outro, La Torre 6B, sete. Todas elas son pisadas con tres dedos e máis longas que anchas. “Aínda que non é posible determinar a especie que as deixou, cremos que foron feitas por dinosaurios carnívoros de tamaño mediano (uns dous metros de altura e entre catro e cinco metros de lonxitude), posiblemente da familia dos espinosáuridos ou dos carcharodontosáuridos”, sinala o primeiro asinante do artigo, Pablo Navarro.

Publicidade

Ángulos e distancias

O equipo da Universidad de La Rioja baseouse nos ángulos e nas distancias entre as pegadas. Así, calcularon que un dos dinosaurios corría a unha velocidade de entre 23,4 e 37,1 kilómetros por hora. O outro era incluso máis rápido, acadando un rango de entre 31,7 e 44,6 kilómetros por hora. De feito, esta última está entre as tres velocidades máximas estimadas para os terópodos en todo o mundo.

Ademais da velocidade, a investigación permitiu confirmar a axilidade destes dinosaurios. Un dos trazos mostra un aumento suave e constante na velocidade, mentres que no outro se observa un cambio brusco de direción na carreira, no que os autores interpretan como proba de que o animal estaba maniobrando mentres corría. Por tanto, todo isto corrobora os estudos realizados nas últimas décadas mediante a análise de restos óseos e a aplicación de coñecementos de biomecánica.

Publicidade

“Permítenos detallar cada vez con maior precisión a forma na que os dinosaurios se desprazaban e vivían, achegando valiosa información sobre as súas capacidades e relación coa contorna“, apunta Navarro. Esta investigación forma parte da súa tese doutoral, dirixida por Angélica Torres, directora da Cátedra de Paleontoloxía da Universidad de La Rioja. Tamén colaboraron outros científicos da Universidad Complutense de Madrid, da Universidad del País Vsco, a Universidad Nacional de Río Negro (Arxentina) e do Centro de Interpretación Paleontolóxica de La Rioja.


Referencia: Fast-running theropods tracks from the Early Cretaceous of La Rioja, Spain. (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Teruel aporta a primeira evidencia de diplodocus fóra de Norteamérica

O achado revela a presenza deste gran saurópodo na península hai 150 millóns de anos e reforza a hipótese de conexións faunísticas entre continentes

Investigadoras da UDC revelan que o extinto oso do Atlas tiña unha dieta estritamente vexetariana

O estudo, reseñado na prestixiosa revista científica ‘Science’, apunta a que esta alimentación puido favorecer a súa convivencia con grandes depredadores no norte de África

A verdadeira identidade do lobo cerval das lendas galegas: a UDC identifica restos do extinto lince boreal

Unha investigación arqueolóxica atopa nunha sima dos Picos de Europa un esqueleto case completo da especie, datado en 210 anos de antigüidade

Nena, tres anos e ollos escuros: o rastro da mandíbula de hai 3.500 anos atopada na Mariña

As análises xenéticas por paleoxenómica revelan as características físicas dos restos dunha pequena da Idade do Bronce atopados no enclave costeiro de Arealonga