Venres 29 Marzo 2024

As alamedas ilustradas: séculos de historia ferrolá loitan pola súa supervivencia

A bióloga María José Leira Ambrós reivindica a valía do espazo natural para a historia da cidade nun relatorio do Museo de Historia Natural de Ferrol

Entre as rúas, edificios e os ruídos dos coches, Ferrol agocha un espazo único, un oasis rodeado de asfalto que ten tres séculos de historia: as alamedas ilustradas. O que para moita xente pode ser considerado un simple paseo con árbores, para a poboación ferrolá do século XVIII eran espazos que cumprían funcións moi importantes de descanso e ocio, ademais dun exemplo a seguir para posteriores áreas naturais de distintas cidades do mundo. A existencia destes espazos naturais, públicos e despexados, onde se podía pasear, descansar baixo a sombra das árbores e escapar do caos da cidade (sen saír dela), é algo que cada vez se busca e se valora máis dentro das grandes urbes.

Isto fai resaltar a importancia histórica das alamedas ferrolás, obxecto de estudo de investigadores como María José Leira Ambrós, bióloga, pintora, escritora e unha das maiores reivindicadoras destes espazos naturais en Ferrol, a súa cidade natal. Este asunto foi o tema central de As alamedas ilustradas de Ferrol: a historia das alamedas e a vida nos corredores verdes da cidade, un relatorio que impartiu a investigadora o 29 de abril no Museo de Historia Natural de Ferrol e organizado pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e a Deputación Provincial da Coruña. O obxectivo deste coloquio foi reflexionar sobre o valor destes espazos verdes e a súa función para a vida, cultura, lecer e historia da cidade de Ferrol.

Publicidade

Cantón de Molíns.
Cantón de Molíns.

“Levo estudando estes corredores verdes moitos anos, é unha área á que non lle damos a importancia que se merece, porque non chama á atención estéticamente. Deberíanse protexer pola súa valía cultural e histórica”, expón a escritora. Estas aliñacións de árbores están na cidade dende 1759, antes que moitos dos edificios e das casas máis antigas da cidade. Co paso dos séculos, as alamedas e parte dos barrios que rodeaban as mesmas foron desaparecendo ou perdendo a súa funcionalidade e deseño inicial ilustrado. “Para que este tesouro non se perda, o Concello debería substituír as zonas máis danadas, sen perder a esencia ilustrada, que é o que fai que estas alamedas sexan especiais fronte a outras doutras zonas do mundo. É algo fundamental que hai que pelexar, pola nosa identidade“, reivindica a bióloga.

As pioneiras do arsenal ferrolán

O tramo da Alameda de Suanzes, situada na zona baixa do barrio da Madalena, foi parte da Gran Alameda que tiña, na maior parte do seu percorrido, seis aliñacións de árboles dispostas. A Alameda de Suanzes é a que mellor conserva a pegada ilustrada. Estes espazos naturais emblemáticos albergaban a mediados do século XVIII o centro da vida social de Ferrol. O deseño racionalista da cidade dividiu a trama urbana en catro zonas, tres barrios civís: Ferrol Vello, A Madalena e Esteiro e un barrio militar: Os Arsenais- Estaleiros. Estes barrios conectábanse entre sí e coa área militar mediante as alamedas.

Deseñadas no Século das Luces, nun principio cumprían unha función estratéxica e defensiva, para salvagardar a seguridade dos Arsenais. O que se pretendía era construír unha área onde non se permitise a edificación, para poder defenderse dos inimigos e vixiar mellor. A cidade enteira estaba rodeada de murallas, mais o Arsenal contaba cunha tripla defensa: os glacis (área onde posteriormente se constrúen as alamedas), un foso (que se enchía e baleiraba de auga das mareas) e unha muralla (máis baixa que a que existe hoxe en Ferrol).

“Foi unha obra pioneira, incluso mandaron espías Para saber que fallaba nos arsenais ingleses”

“A obra dos Arsenais foi pioneira, en canto a execución e perfeccionamento, incluso mandaron espías dende Inglaterra para saber en que fallaban os arsenais ingleses, para non cometer os mesmos erros nas súas cidades”, explica a bióloga. Pero o segredo do éxito dos barrios e alamedas ilustradas do centro de Ferrol era máis simple do que parecía e outros arsenais estranxeiros aprenderon deses novos conceptos e ideas ilustradas, que eran revolucionarias naquela época.

Ata ese momento os espazos naturais existentes nas cidades eran, na súa maioría, xardíns privados e pechados que pertencían normalmente ás clases altas. “Observaron que a xente precisaba a existencia de áreas verdes e abertas, dentro da propia cidade. Desa idea partiu o deseño das alamedas urbanas, que non buscaban a beleza e o deleite dos sentidos, senón a utilidade“, revela Leira Ambrós. Carecen de muros e valados, son corredores que se introducen entre os edificios illados, recorrendo ao redor de 2 kilómetros de lonxitude, adornados con árbores que enchían o espazo rectilíneo na súa totalidade. 

Múltiples funcións nun só espazo natural

Esa zona pública, desprovista de edificacións, foi importante para levar a cabo unha serie de funcións sociais e lúdicas. En primeiro lugar, buscaba ser unha área onde educar ao pobo. “Nese momento a poboación estaba sumida na ignorancia e na superstición e para educala precisaban un espazo limpo e ordenado”, comentaba a escritora. As alamedas tamén estaban deseñadas para velar pola saúde mental e física dos cidadáns. “As cidades estaban comezando crecer co consecuente amoreamento de xente, polo que pensaban era necesario habilitar un espazo que trouxese a natureza á urbe, unha área saudable, de descanso e de esparcemento, para que o pobo puidese facer a súa escenificación social”, engade Leira Ambrós.

Deste modo as alamedas convertéronse nun lugar imprescindible para a ‘mestranza‘, a poboación civil que traballaba no interior do arsenal. Ata ese momento, nas cidades non existían zonas de descanso pensadas principalmente para o desfrute da industria e dos cidadáns. Foi algo novidoso, avanzado para aquel tempo, que deixou a súa pegada en posteriores espazos naturais, de suma importancia para a sociedade actual. “Adelantáronse uns 100 anos ás demais cidades; exemplo deses espazos verdes son Victoria Park, en Londres ou Mont Royal, en Montreal, dos que as nosas alamedas son xerme”, expón a escritora. 

Ata o século XVIII non se habilitaran zonas exclusivamente de descanso e desfrute dos cidadáns

A parte da función social, existía unha razón urbanística e estrutural clave, que consistía na unión dos distintos barrios da cidade, para conectar á poboación civil coa militar. “Era un auténtico corredor verde, onde podías pasear e transitar dunha zona a outra”, afirmaba a bióloga. Os ilustrados pensaron nestas alamedas tamén como unha forma de ordenar visualmente a urbe e darlle ás rúas armonía entre os edificios.

Ademais, as árbores das alamedas usábanse para a produción de madeira destinada a obras menores do arsenal. Os estaleiros traballaban con este material, por exemplo, xa que na fabricación de pezas dos barcos non precisaban madeira de primeira categoría. 

Beneficios das alamedas urbanas

A presenza de zonas verdes nas urbes achega múltiples beneficios para a súa poboación. María José Leira Ambrós destaca o feito de que estes espazos serviran no seu momento e manteñan a súa función de puntos de limpeza para a contaminación atmosférica. As árbores actúan como redes, atrapando nas súas follas as partículas de po en suspensión impedindo que cheguen aos pulmóns dos cidadáns. Ademáis recollen dióxido de carbono, que en tan altas cantidades se libera nas cidades e, a cambio, liberan osíxeno.

Unha das principais funcións desta estrutura arbórea, e a de servir de refuxio refrescante cando as temperaturas son máis altas en verán, e tamén de refuxio do frío nos meses de inverno. Actualmente, explica a bióloga, esta función non se valora tanto na cidade de Ferrol, pois conta con zonas de praia próximas e de costa onde ir a pasar os días máis calorosos do ano. Porén, noutras zonas de interior de España, estes espazos verdes son considerados hoxe unha zona imprescindible da urbe, para poder sobrevivir aos veráns máis duros.

Arco de árbores na alameda de Suances.

As alamedas tamén teñen beneficios a nivel psicolóxico. “O aire que sopra entre as follas dos plataneiros, a auga correndo polas fontes, os asubíos dos paxaros… son sons da natureza que fomentan a relaxación dos transeúntes”, explica a investigadora. Ademais, a súa lonxitude de 2 kilómetros fai posible que o cidadán poida pasear e facer deporte atravesando de punta a punta a súa extensión, exento de posibles perigos e obstáculos varios da cidade. “Porén falta educación neste aspecto, a nosa vida é demasiado apurada e non tenemos demasiado tempo para o relax e, cando o buscamos, significa que xa estamos verdaderamente saturados”, admite Leira Ambrós.

A pesar de todos os beneficios que poidan ter, a importancia das alamedas segue pasando desapercibida. “Ao lado dun xardín sofisticado, como os do Loira, parece que non teñen ningún atractivo, porque hai árbores e punto”, engade a bióloga. Con todo, estas árbores forman unha estrutura única, exportadora de ideas, que desempeñou e segue desempeñando unha función moi necesaria para a metrópole ferrolá. Gran parte deste espazo verde foise perdendo co paso das diversas trasformacións urbanísticas da cidade galega. A existencia de áreas públicas e libres de edificacións é de vital importancia para a urbe, por iso dende hai varios anos María José Leira Ambrós reclama plans de protección, de posta en valor de ditos espazos verdes. “Esta é a nosa historia, as alamedas identifican á cidade de Ferrol e aos seus habitantes”, conclúe a bióloga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Buscan nun cemiterio de Narón unha das maiores fosas creadas polos golpistas en Galicia

O 26 de decembro de 1936 levouse a cabo unha das máis grandes execucións masivas das que hai constancia en terras galegas, na que foron asasinadas un total de 34 persoas

Aparece en Ferrol unha balea xibarte morta de case 10 metros

É o primeiro cetáceo desta especie que vara en Galicia dende 2011, e puido morrer ao quedar engachado en aparellos de pesca

Aparece unha balea morta na Estación Naval da Graña, en Ferrol

Foi descuberta polo persoal de garda nunha das roldas de vixilancia, sendo retirada da auga ao redor das 10:00 horas

Guía para non perder a G-Night: un cento de actividades en sete cidades

Charlas, obradoiros, visitas guiadas e feiras científicas conforman a ampla oferta da Noite das Persoas Investigadoras en Galicia