Abad: “A segunda onda da gripe do 18 foi máis mortífera: non a esperaban”

O historiador Xoán Carlos Abad Gallego atopa semellanzas entre a pandemia do coronavirus e a gripe do 18, incluíndo as ‘fake news’

O historiador Xoán Carlos Abad Gallego é autor dunha exhaustiva investigación sobre a pandemia da gripe de 1918 na cidade de Vigo e a súa área. Aquela crise deixou en Galicia milleiros de mortos. E na súa historia podemos atopar paralelismos coa actual pandemia do coronavirus da Covid-19.  Abad, que tamén é presidente do Instituto de Estudos Vigueses, vén de reeditar aquela clarificadora obra titulada “E o outono tinguiuse de loito. A gripe de 1918 nas terras de Vigo”.

-Que semellanzas atopa entre a gripe do 18 e a pandemia de 2020?

Publicidade

-A primeira está na súa propia orixe. As dúas están provocadas por virus. E as dúas afectan ao sistema respiratorio e cursan cunha pneumonía. Tamén son similares as medidas de sanidade pública adoptadas, o medo ao contaxio, as durísimas consecuencias e mesmo as ‘fake news’, que tamén as houbo daquela. Por exemplo, dicían que fumando se evitaban os contaxios, algo falso que por certo se volve escoitar co actual coronavirus.

-A diferenza principal sería que, en 1918, nin sequera sabían que se enfrontaban a un virus…

Publicidade

-Non. Daquela se pensaba que era unha bacteria que afectaba aos pulmóns. Pero a diferenza principal está no periodo de infestación. O actual coronavirus está moito tempo no noso organismo antes de dar síntomas. E isto amplía o perigo de contaxio. A gripe do 18 era máis rápida. Manifestábase antes, aparecían os síntomas e por tanto a capacidade transmisión comunitaria era menor.

-Que medidas sanitarias tomaron daquela?

-Medidas que parecen as de hoxe en día. Por exemplo, restricións no transporte público. Vigo acababa de estrear o seu tranvía e estaba prohibido o acceso a persoas con síntomas de febre ou con tose. Ademais, facían desinfección continua dos locais, tanto comercios como cafés ou tamén dos prostíbulos da zona da Ferrería, onde houbo problemas para conseguir que o Laboratorio Municipal entrase a limpar.

-Pararon as empresas?

-Os locais de servizos e hostalería pararon. Pero a industria, non. De feito, os propios empresarios, na industria metalúrxica ou conserveira, pagaban aos obreiros para que no foran a traballar se tiñan síntomas. Incentivaban que quedaran na casa para evitar contaxios e perder a plantilla ao completo. Neste senso, tamén houbo no 18 unha gran solidariedade colectiva, con colleitas de cartos para axudar aos necesitados.

Así loitou Galicia contra o virus en 1918: de prostíbulos a hospitais

-A mobilidade estaba reducida?

-Moitísimo. De feito, na estación de tren de Vigo había un control policial que detía aos que semellaban estar doentes. E había tamén persoas que tentaban escapar ou incumprir as normas. E aparecen nos xornais as noticias das multas e detencións. Un pouco como hoxe, que hai quen quere saltar as normas…

-Din que a segunda ondada do 18 foi a máis mortífera…

-Depende da zona. Na primeira ondada, semella que Madrid foi moi afectada, pero en Galicia, menos. A segunda ondada, si que foi terrible. O meu libro titúlase precisamente ‘E o outono tinguiuse de loito”.

-Pecaron de confianza tras da primeira ondada?

-Cando chegou a segunda ondada non a esperaban. Foi a máis mortífera e non contaban con ela. A gripe dábase por superada. Colleunos fóra de lugar… E aínda seguiu máis adiante, mesmo no ano 1919 nunha terceira ondada. Pero isto semella que é un clásico en todas estas crises sanitarias. Tamén pasou coa pandemia do cólera morbo asiático no século XIX:  a segunda ondada foi moito máis intensa. E de novo pensaron que xa estaba superada tras da primeira ondada. Agora, co coronavirus, o problema é que aínda non sabemos se as persoas que pasan a doenza quedan inmunizadas ou non.

“As pandemias adoitan ser moi democráticas. Matan a todos, non distinguen moito”

-Din que a peste negra esnaquizou o sistema social da Idade Media. Que as pandemias adoitan tumbar sistemas sociais na historia…

-As pandemias adoitan ser moi democráticas. Matan a todos, non distinguen moito. As veces, afectan máis a xente máis humilde por unha mala alimentación, pero non hai que esquecer que daquela o propio rei Alfonso XIII caeu enfermo ou que en Vigo morreu o marqués de Mos e Valadares, Fernando Quiñones, dono do pazo de Castrelos.

-Cambiou algo o mundo aquela pandemia do 18?

-Non provocou un cambio social porque viña tras dunha guerra terrible, que cambiou todo o modelo mundial, coa caída dos imperios europeos, una transformación da economía e o paso do centro económico aos Estados Unidos. Todo iso tivo máis trascendencia que a propia pandemia de gripe.

-E cambiará algo a pandemia da Covid-19?

-Non o sabemos. Pero, como todas as pandemias, esta asusta moito pero se esquecerá rápido. Supoño que deixaremos pasar a oportunidade de cambiar de hábitos e corrixir o que funciona mal no mundo. E, como sempre tamén, esta pandemia provocará un incremento das desigualdades, que farán máis poderosa e rica a unha élite a costa do sufrimento da inmensa maioría.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:48

Dous galegos, seleccionados nun dos certames de vídeo submarino de maior prestixio mundial

As pezas audiovisuais feitas por Xaime Beiro e Lara González retratan a biodiversidade mariña de Galicia coa intención de concienciar á poboación sobre a fraxilidade dos ecosistemas

María del Mar Tomás, premio Zendal 2023: “Deseñamos virus para atacar ás bacterias resistentes”

A traxectoria pioneira da médica e investigadora do Inibic foi recoñecida polo grupo farmacéutico, que financia unha das súas liñas de investigación en terapias con fagos

Expertos de España e Portugal abordan a cooperación transfonteiriza para previr incendios

O proxecto europeo Firepoctep+, liderado pola Universidade de Vigo, reúne a administracións públicas, universidades, fundacións privadas e un centro galego tecnolóxico e de vangarda

Un novo estudo da USC, clave para comprender o comportamento das proteínas

Os achados do científico Julián Bergueiro poderían axudar ao deseño de novas terapias aplicadas ao ámbito da saúde
93040