Sábado 20 Abril 2024

Por que en Galicia non precisamos produtos contra o cal nas lavadoras?

A familia Mayo Gago analizou a dureza da auga de distintos puntos de Galicia para resolver esta cuestión e participar na feira Pontenciencia

Houbo unha época na que nas televisións de ámbito estatal non deixabamos de ver anuncios de produtos contra o cal das lavadoras. Pero nos supermercados galegos apenas aparecen. E a razón, como en case todo, ten unha explicación científica. Esta pregunta quixo respondela a familia Mayo Gago, de Pontevedra, que participa na nova edición de Pontenciencia, a feira científica escolar de Pontevedra, que se celebra esta fin de semana, cunha investigación sobre o nivel de cal nas augas galegas.

A pequena Ánxela, observando os resultados da análise de dureza da auga.
A pequena Ánxela, observando os resultados da análise de dureza da auga.

Dependendo da concentración de sales minerais de calcio e magnesio, a auga clasifícase como dura, se esta concentración é alta; ou branda, se non o é. Na franxa mediterránea da Península Ibérica, unha das máis habitadas, a auga é dura ou moi dura, debido ao substrato básico do solo. As augas ricas en sales minerais de calcio, como o CaCO3 (carbonato cálcico) xeran óxido de calcio, coñecido comunmente como cal, que se pega aos electrodomésticos que utilizan auga para o seu funcionamento, e pode provocar avarías. En Galicia no se dá esta situación, e isto é o que quixo investigar a familia Mayo Gago.

Publicidade

Pilar Gago, a nai, traballa na Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, en Pontevedra. Xa participara na feira noutras ocasións, pero sempre do outro lado; e este ano decidiu animar á súa familia a tomar parte activa na feira. “Por defecto profesional sempre intento achegar á miña filla ao ámbito da investigación”, admite, e esta foi a primeira vez que ela foi a protagonista.

Os Mayo Gago adoitan participar neste tipo de iniciativas, pero Pilar di que a forma de traballo é diferente: “Nos obradoiros científicos, por exemplo, os nenos reciben todo máis mastigado; pero aquí son eles quen teñen que explicar”. Ser parte activa na investigación espertou o interese e ilusión da pequena Ánxela.

O proxecto

Para medir a dureza da auga empreron un kit que tingue o líquido elemento en función do seu nivel de cal. Para aplicar e entender o método científico, a auga destilada funcionou como mostra control e exemplo de auga branda, mentres que para a dura empregaron auga con sal. Pero, de onde sacaron as mostras?

Puxéronse en contacto con amigos e familiares de distintos puntos de Galicia para pedir mostras de auga das súas vilas. Despois analizábanas co seu kit e observaban o nivel de cal. A conclusión que sacaron foi que a auga en Galicia é moi branda, e por iso non precisamos botar produtos antical nos electrodomésticos nin máis deterxente do indicado na lavadora. “A roupa sae igual de limpa cunha dose máis baixa”, afirma Pilar. A brandura da auga supón un aforro económico e medioambiental neste tipo de produtos.

As distintas mostras de auga traídas de varios puntos de Galicia.
As distintas mostras de auga traídas de varios puntos de Galicia.

Nun principio pode parecer moito traballo, pero Pilar lembra a experiencia, que agora terán que expoñer en Pontenciencia esta fin de semana, como sinxela, entretida e divertida. “Aos nenos failles moita ilusión. A pequena foi quen tivo que deseñar o experimento, cacharrear, pasar os datos a unha folla de Excel e analizar os resultados”. En definitiva, ser a responsable dos distintos pasos do método científico. Non é necesario mirar moi lonxe para atopar onde investigar: “Hai ciencia no cotián”, afirma Pilar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

A Limia asfíxiase coa instalación de 42 pozos para regadíos: “Non hai auga, os ríos están secos”

Tres sociedades científicas presentaron alegacións contra o proxecto por poñer en risco a biodiversidade e o patrimonio natural

O falso mito das casas galegas de pedra: cando os muros eran brancos

Hai 100 anos, as vivendas galegas cubríanse de cal por cuestións hixiénicas e de illamento térmico, pero unha nova corrente estética do século XX reverteu a tendencia

O raposo está en perigo? Os ecoloxistas denuncian a falta de estudos sobre a especie

Cren que pode existir un problema de conservación pola acentuada diminución das capturas nos últimos catro anos