Xoves 25 Abril 2024

Xa está dispoñible o calendario da ciencia de 2023: en galego e con novas efemérides

A iniciativa do Instituto de Gandaría de Montaña incorpora un recurso de apoio para alumnado con dificultades na competencia lectoescritora

O 1 de xaneiro de 1962 naceu a informática e programadora Alexia Massalin, pioneira no concepto de superoptimización, o proceso de detección automática da secuencia de códigos óptima para eliminar bucles. Con esta efeméride comeza o Calendario científico escolar 2023, e outras 364 completan a nova edición.

Entre os aniversarios científicos e tecnolóxicos que se poden atopar este ano están a publicación na revista Nature, o 8 de abril de 1992, do descubrimento de tres novos cranios en Atapuerca, un deles conservado de forma excepcional, coñecido como Miguelón en honra ao ciclista Miguel Induráin; o anuncio o 3 de xullo de 1826 do descubrimento do bromo (número atómico 35) polo químico Antoine-Jerome Balard; ou a primeira impresión do dicionario árabe-castelán de Pedro de Alcalá o 5 de febreiro de 1505, que foi o primeiro libro impreso con caracteres árabes e é clave para coñecer con precisión o dialecto andalusí.

Publicidade

O Instituto de Gandaría de Montaña (IGM), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade de León, promoveu este proxecto por cuarto ano consecutivo e contou de novo coa colaboración dun amplo número de profesionais en educación e doutras persoas voluntarias na procura de conmemoracións e o deseño de actividades complementarias.

O calendario, co que se pretende achegar a cultura científica á poboación máis nova e ofrecer referentes próximos, diversos e actuais da ciencia, acompáñase dunha guía didáctica con actividades adaptables a distintas materias e niveis de Primaria e Secundaria.

Unha das novidades deste ano é a incorporación á guía didáctica do anexo con efemérides en lectura fácil, un recurso de apoio para estudantes con dificultades na competencia lectoescritora. Ademais, a versión online do calendario está dispoñible en 11 idiomas: castelán, galego, asturiano, eúscaro, aragonés, catalán, inglés, esperanto, árabe, portugués e farsi.

Este último foi posible grazas á tradución realizada polo refuxiado afgán Ahmad Farhad Fayez, a través da ONG People Help, que se dedica a dar apoio a persoas afgás en busca de refuxio en España. Os calendarios e as guías pódense descargar gratuitamente na páxina do IGM. De forma paralela, imprimiranse 10.000 en distintos idiomas que se repartirán a centros educativos e institucións de divulgación científica.

“Non repetimos aniversarios neste catro anos e, de novo, o Calendario científico escolar 2023 é igualitario, inclusivo e diverso, tanto en protagonistas como en temáticas“, asegura Pablo Gutiérrez Toral, investigador do CSIC e coordinador do proxecto. “Hai un 53% de mulleres nesta edición e inclúense a representantes do colectivo LGTBIQA+ e a persoas de múltiples nacionalidades. Nesta ocasión tamén hai efemérides sobre arabismo e a historia de Afganistán”, engade Toral.

A accesibilidade para persoas cegas segue presente nesta edición e, entre outras cousas, o calendario facilítase tamén en texto plano, que permite a súa recepción mediante sintetizadores de voz ou liñas Braille, e as imaxes en redes sociais inclúen texto alternativo para os lectores de pantalla.

Todas as efemérides compártense diariamente na conta de Twitter @CalCientifico. O proxecto tamén conta con grupo de Telegram e coa posibilidade de descargar ficheiros ICAL para integrar o calendario científico nos calendarios online (Google Calendar, Apple Calendar e Microsoft Outlook, entre outros). Se queres enviar propostas ou suxestións, podes escribir ao correo electrónico: calendario.cientifico@csic.es.

Nesta ligazón tamén poderás atopar recursos didácticos e o calendario nos outros dez idiomas editados.

O Calendario científico escolar 2023 é un proxecto do IGM que conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), adscrita ao Ministerio de Ciencia e Innovación. A iniciativa recibiu o apoio de numerosas entidades como varias delegacións, centros e institutos do CSIC, a Academia da Llingua Asturiana, a Casa Árabe, a Federación Española de Esperanto, o Museo Didáctico e Interactivo de Ciencias (MUDIC), o portal ccult.org, a ONG People Help, a Asociación PRISMA para a Diversidade Afectivo-Sexual e de Xénero en Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, así como diversas universidades españolas e outras entidades públicas e privadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral