Unha de cada catro persoas recibiu información científica falsa na última semana

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía presenta os resultados da enquisa de desinformación científica en España

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) presentou este venres os resultados da enquisa de desinformación científica en España. O estudo analiza aspectos tales como os hábitos de consumo de información científica, a confianza nos diferentes medios, a actitude cara á desinformación e os factores relacionados coa capacidade de identificar e propagar a desinformación científica. Un dos datos máis salientables do documento é que unha de cada catro persoas recibiu información falsa sobre temas científicos durante a última semana. A percepción de non recibir información veraz aumenta en temas como a pandemia de covid, as vacinas, o cambio climático, o benestar e a nutrición.

Amplo interese

Máis polo miúdo, a maioría das persoas que buscan información mostran un amplo interese en temas científicos. Así, un 68% dos enquisados manifestaron o seu interese en temas de Medicina e saúde e Alimentación e benestar físico e un 60,7% en Ciencia e tecnoloxía.

Publicidade

Para informarse sobre temas de saúde, tres de cada catro persoas enquisadas prefiren acudir ao persoal sanitario como principal fonte de información. Con todo, internet e as redes sociais son o medio preferido para informarse sobre temas de Ciencia e tecnoloxía (82,1%), de Medio ambiente e ecoloxía (76,6%) e de Alimentación e benestar físico (72,9%). Estes datos coinciden cos resultados preliminares da XI Enquisa de Percepción Social da Ciencia e a Tecnoloxía, 2022 que se farán públicos en 2023.
As redes sociais son o medio baseado na internet máis recorrido para realizar consultas sobre todos os temas expostos na enquisa, a pesar de que preto do 62% das persoas enquisadas sinalan este medio como a principal canle polo que recibiron información dubidosa durante a última semana.

En oposición ás redes sociais, a radio, a televisión e a prensa escrita en papel eríxense como os medios de comunicación que máis credibilidade suscitan na poboación española.

Publicidade

Medios de verificación

Durante os últimos anos, co obxectivo de facer fronte á desinformación, xurdiron diferentes medios de verificación ou fact checking que tratan de lanzar evidencias ante informacións que foron divulgadas por distintos medios. Preto do 25% das persoas enquisadas consultou algunha vez algún medio de verificación, aínda que a porcentaxe decrece canto menor é o seu nivel de estudos.

Entre todas as persoas enquisadas, tan só o 10% non se sente nada segura de que a información que recibe sexa veraz. Entre as persoas con estudos primarios, a porcentaxe case se duplica.

A maioría da cidadanía española cre que a desinformación e a divulgación de noticias falsas produce efectos negativos na poboación. Sete de cada dez persoas (71,5%) está totalmente de acordo con que “a desinformación e as noticias falsas teñen a capacidade de manipular as crenzas das persoas”; seis de cada dez móstranse completamente de acordo coa afirmación “a circulación de desinformación pode ter efectos prexudiciais para a saúde da poboación” e con “a desinformación e as noticias provocan que os cidadáns desconfíen das institucións”. A metade está totalmente de acordo con que “a circulación de noticias falsas entre a poboación sobre a covid tivo un efecto prexudicial na credibilidade do persoal experto e científico”.

Capacidade para discenir entre verdadeiro e falso

Neste estudo, tamén se lle pediu aos participantes que se enfrontasen a unha selección de titulares falsos e outros extraídos da sección de ciencia dos principais diarios xeneralistas do noso país. En liñas xerais, a poboación española si sabe discernir entre unha información verdadeira e unha falsa. Algúns factores, como un maior coñecemento do funcionamento dos medios de comunicación (alfabetización mediática) ou a confianza nas institucións inflúen nesta capacidade para identificar a desinformación.

Ademais, as informacións falsas tenden a compartirse en menor grao que as informacións verdadeiras. Aínda así, hai unha porcentaxe considerable de persoas que comparten noticias falsas. No caso dos factores que inflúen na propensión para compartir desinformación, estes varían segundo o tema, aínda que, en xeral, a capacidade de discernir os titulares verdadeiros e falsos e, de novo, a alfabetización mediática, reducen a intención de compartir a desinformación.

En total realizáronse 2.100 entrevistas telefónicas a unha mostra de persoas maiores de 15 anos residentes en España. Este estudo foi elaborado por Celia Díaz Catalán, profesora de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid e Pablo Cabrera Álvarez, investigador no Institute for Social and Economic Research da Universidade de Essex (Reino Unido). O informe foi desenvolto no marco do proxecto IBERIFIER, o observatorio de medios dixitais de España e Portugal, no que a FECYT, como organización de interface entre a ciencia e a sociedade, se involucrou para coñecer os factores que subxacen á desinformación científica en España.

Recomendacións fronte á desinformación

A partir dos resultados e conclusións do estudo, os autores elaboraron unha serie de recomendacións para combater a desinformación no ámbito da comunicación da ciencia: promover a alfabetización mediática da poboación; aumentar o coñecemento sobre o funcionamento da ciencia e as prácticas sociais da comunidade científica; promover o escepticismo saudable; evitar a politización e polarización dos achados científicos; fomentar a calidade da comunicación científica; impulsar un xornalismo científico profesional e especializado; promover estruturas, medios e recursos á comunicación científica e limitar a propagación de desinformación a través dos algoritmos.

Neste contexto, FECYT puxo en marcha diferentes iniciativas aliñadas coas recomendacións dos autores, como a axencia de noticias científicas SINC, que promove un xornalismo científico especializado e rigoroso; o Science Media Centre España, como un recurso que se ofrece aos medios de comunicación para que conten con fontes rigorosas de información; ou a Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica tecnolóxica e da innovación, principal fonte de financiamento das actividades de divulgación científica que se realizan en España, e que financia proxectos de divulgación e comunicación científica que promoven a participación cidadá na ciencia e a tecnoloxía e axudan a combater a desinformación científica, entre outros obxectivos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo leva a Lalín a cuarta edición da feria ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

A actividade inclúe obradoiros, xogos e experiencias interactivas para espertar vocacións científicas na mocidade

Armas contra a desinformación: a UVigo reúne a expertos para un uso responsable da tecnoloxía

Profesionais de ámbitos como a cultura xuvenil, o xornalismo, a informática ou a psicoloxía conforman un programa que comeza o 26 de maio cun obradoiro en liña

Por que terxiversamos a información cando ameaza as nosas crenzas?

O principal motor psicolóxico da desinformación e das teorías da conspitación non é outro que a defensa das nosas ideas para ter razón a toda costa
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural