O hospital de Pontevedra lanza unha guía de saúde en liña para combater a desinformación

A ferramenta é unha recompilación de información avalada por profesionais sanitarios e destinada á poboación xeral

O principal obxectivo é informar de forma rigorosa e accesible á cidadanía sobre aspectos relacionados coa saúde dixestiva e endócrina. O segundo, combater a crecente onda de desinformación. Así se podería resumir o proxecto Comta Salud promovido polo Hospital de Pontevedra e polo grupo de investigación IDARA do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. A iniciativa conta coa colaboración da Asociación Sociosanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomías (ASSEII) e a Asociación Galega de Transplantados Airiños.

Segundo datos da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), aínda que tres de cada catro persoas afirman preferir consultar co persoal sanitario cando buscan datos sobre saúde, o 82,1 % recorren a Internet ou ás redes sociais para informarse. “Esta realidade evidencia a necesidade de contar con contidos dixitais avalados por profesionais”, indican dende os servizos de Dixestivo e Endocrinoloxía do hospital pontevedrés. Precisamente por este motivo nace Comta Salud, como unha alternativa fiable e accesible que ofrece recursos educativos verificados por sanitarios na páxina web e tamén en formato papel e vídeo. Tamén está dispoñible en redes sociais.

Publicidade

Información adaptada a distintas realidades

A información está adaptada a persoas con diversidade intelectual a través dos pictogramas do Centro Aragonés para a Comunicación Aumentativa e Alternativa (ARASAAC), así como coa tipografía Atkinson Hyperlegible, recomendada pola Fundación Braille. Con afán de mellorar a accesibilidade de todas as persoas, os contidos deste proxecto están redactados de xeito directo e simple, seguindo na medida do posible os preceptos da norma UNE de lectura fácil. A web está deseñada para ofrecer unha navegación sinxela e o proxecto tamén conta con recursos en papel para aquelas persoas con baixa alfabetización no uso de novas tecnoloxías. Os contidos son gratuítos e descargables en castelán, galego e inglés, coa fin de facilitar tamén a súa “prescrición” nas consultas médicas.             

Unha aposta decidida pola divulgación                               

Dende o inicio da pandemia, o equipo de Dixestivo de Pontevedra vén desenvolvendo accións para achegarse á poboación, como a creación de recursos en redes sociais, a elaboración de folletos informativos ou a colaboración con asociacións de pacientes. Esta liña de traballo continúa agora coa incorporación do Servizo de Endocrinoloxía e médicos de Atención Primaria a través do proxecto Comta Salud, que culmina estes esforzos.

Publicidade

Esta iniciativa de divulgación en saúde é unha continuación do proxecto AICOMTA, un sistema de apoio á toma de decisións médicas con intelixencia artificial baseado en información verificada por profesionais sanitarios e que procuraba mellorar a comunicación coa Atención Primaria. AICOMTA, que recibiu o premio E-nnova Health 2024 ao mellor proxecto de IA en saúde, foi avaliado recentemente en centros de Atención Primaria da área de Pontevedra, ofrecendo aos médicos de familia un recurso áxil para resolver dúbidas clínicas. ‘Comta Salud’, pola súa banda, dálle agora aos sanitarios a oportunidade de trasladar esa información validada directamente aos seus pacientes.

Dende a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés animan a pacientes, poboación xeral e sanitarios de calquer ámbitos a visitar a web e a seguir as redes sociais do proxecto, que irá incorporando máis temas sobre enfermidades, información para preparación de probas médicas e consellos xerais de saúde nas vindeiras semanas. A iniciativa conta coa colaboración da FECYT a través da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, e tamén co Plan Social Ence.

                                                                                                                                   

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Viaxar no tempo

As últimas escavacións en Santa Clara sacan á luz un tesouro arqueolóxico. Por Laura Filloy

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación