Un libro homenaxea o Matemático Rodríguez como o gran científico de Galicia

A obra da RAGC e do CCG está producida por GCiencia e coordinada polo académico Juan José Nieto Roig

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) presentou esta mañá na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC) o libro José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime,. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega (CCG) e producida por GCiencia, faise un repaso pola traxectoria profesional e vital do Científico Galego do Ano 2024. Ao evento asistiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o alcalde do Concello de Lalín, José Crespo; o reitor da USC, Antonio López; o presidente da RAGC, Juan Lema; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; e a decana da facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón.

A publicación conta con limiares do presidente da RAGC, que se refire ao homenaxeado como “un científico internacional e un liberal transformador”; da presidenta do CCG, que fala “dun matemático excepcional, un cidadán exemplar e un político liberal sempre preocupado polo país”; do conselleiro de Educación, quen pon de relevo a importancia “histórica, académica, científica do matemático Rodríguez, que foi un adiantado ao seu tempo e detrás do que hai moito traballo e talento”; do alcalde de Lalín, quen fala de Rodríguez como “o noso Leonardo da Vinci”; ademais do coordinador da publicación, o académico da RAGC Juan José Nieto Roig.

Publicidade

Sinaturas

Inclúe artigos do historiador e cronista oficial do Concello de Lalín Daniel González Alén; dos académicos Manuel de León e Eduardo García Río; da investigadora Carmen Villanueva; do director do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo; do director do Observatorio Astronómico Nacional, Rafael Bachiller; do académico da Real Academia de Farmacia de Galicia Francisco Díaz-Fierros; da profesora de Historia Contemporánea da USC Margarita Barral; e do catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias.

No transcurso do evento celebrouse unha mesa redonda na que participaron varios dos autores da publicación, destinada a valorar o traballo e o impacto de José Rodríguez nas súas diferentes facetas. Estiveron Manuel de León, José Manuel García Iglesias, José Ángel Docobo e Daniel González Alén.

Publicidade

O primeiro científico de Galicia

Tal como sinala o coordinador da publicación, “Rodríguez foi un dos científicos europeos máis brillantes da súa época, con grandes contactos nacionais e internacionais, e con achegas non só ás matemáticas, senón tamén á xeometría, á astronomía, á xeografía e á mineraloxía. Foi un científico no sentido moderno do termo e, para moitos, o primeiro de Galicia”. As súas investigacións tamén se extrapolaron a Galicia, onde analizou a xeografía da nosa terra e realizou medicións xeodésicas que lle permitiron situar o centro da comunidade na Fonte de Castiñeiroa, no concello de Lalín, algo que aínda se acepta na actualidade como parte do acervo popular.

En 1806 foi nomeado polo Goberno de España comisario de las operaciones para la medición del meridiano de Dunkerque a Basilea, dentro dun gran proxecto internacional fundamental para establecer a medida de lonxitude, o metro, e o resto das magnitudes que conforman o actual sistema métrico decimal. Máis adiante foi membro da comisión para a prolongación dese tramo desde Barcelona ata as illas Baleares. “Agora pode parecer evidente, ou mesmo irrelevante, o uso dunha unidade de medida de lonxitude como o metro, pero na época do Matemático Rodríguez convivían moitas”, salienta Nieto Roig.

Demostración da teoría de Newton

En 1809 trasladouse a Londres, onde realizou estudos e cálculos do meridiano de Greenwich para dilucidar se era certa a teoría de Newton sobre que a Terra era achatada nos polos. Algúns científicos ingleses sostiñan que era achatada polo ecuador. O seu traballo, publicado pola Royal Society de Londres en 1812, tivo unha gran repercusión. Así, a súa achega máis relevante á ciencia foi demostrar empiricamente que a teoría de Newton era correcta, a pesar das conclusións erróneas doutros científicos e, ademais, facelo cunha maior exactitude que calquera outro matemático da época.

Nieto lembra que a actividade do Matemático Rodríguez non só foi científica, senón tamén política. “Sumouse aos liberais máis progresistas e foi elixido deputado por Galicia en 1820. Declarouse a favor da división provincial de Galicia coa creación dunha quinta provincia con capital en Santiago e amosou interese por promover o coñecemento científico e o fomento da industria, o que o levou a defender a creación dunha Universidad Central en Madrid (actual Universidad Complutense), na que ocupou a cátedra de Astronomía”, indica. Non obstante, ao restaurar Fernando VII o absolutismo, foi cesado e viuse obrigado a fuxir a Portugal en 1824. Ese mesmo ano regresou a Galicia, onde faleceu aos poucos meses.


Podes consultar o libro nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo
00:06:02

Vídeo | A revolución do Gran Triángulo

O Matemático Rodríguez axudou nas medicións do arco do meridiano de Barcelona a Formentera para definir o metro coa maior exactitude posible

Matemático Rodríguez, o gran home de ciencias de Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias nomea Científico Galego do Ano 2024 a un lalinense universal

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a figura e legado do Matemático Rodríguez

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicos de distintas áreas do coñecemento