Xoves 25 Abril 2024

Un grupo de estudantes galegos gaña unha competición internacional do CERN

Os alumnos do clube vigués de física Enrico Fermi, vencedores xunto a un equipo de Exipto e outro francés, viaxarán en setembro ao acelerador de partículas

Tres equipos de estudantes d veñen de gañar a edición de 2022 do concurso organizado polo Centro Europeo de Física de Partículas (CERN), o Beamline for Schools (BL4S). E un deles é o Club de Física Enrico Fermi de Vigo, un logro que permitirá aos seus estudantes de bacharelato poñer en práctica experimentos relacionados coa luz no propio CERN. Con 304 equipos inscritos de 71 países diferentes, a edición de 2022 foi a que contou coa maior participación dende o inicio do concurso en 2014.

Beamline for Schools é unha competición de física na que poden participar estudantes de secundaria de todo o mundo, enviando propostas de experimentos que utilicen unha liña de luz. As liñas de luz son instalacións que proporcionan fluxos de partículas subatómicas que poden ser utilizados para realizar experimentos en diversos campos, entre eles a física fundamental, a medicina e a ciencia dos materiais.

Publicidade

O equipo do Club de Física Enrico Fermi, formado por oito alumnos —seis mozos e dúas mozas— de sete institutos de Vigo e O Porriño, optou por un experimento consistente en medir a carga nun detector denominado cámara de placa resistiva multigap (MRPC) inducida por protóns, pións e kaóns relativistas. “O CERN puxo á nosa disposición tanto as partículas, que viñan do acelerador T9, como os detectores MRPC”, explica o seu director, José María Cordobés.

O experimento foi desenvolvido por seis mozos e dúas mozas asesorados por expertos universitarios

Así, este proxecto, titulado Study of charge inducedy by relativistic particles of different masses in MRPC detectors, puido contar co asesoramento de Juan Antonio Garzón, da Universidade de Santiago de Compostela. “Pero nos últimos anos tamén contamos co apoio de Pablo García do Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientaes e Tecnolóxicas (Ciemat) e outros físicos como Alberto Blanco, de Coímbra, e George Kornakov, da Universidade de Varsovia”, afirma Cordobés.

O estudante Miguel Torres, integrante do grupo dende comezos de curso, explica como foi o proceso. “Eu era a primeira vez que me presentaba a un concurso tan grande e tiña bastante medo e poucas esperanzas. Comezamos sendo poucos e quedábamos todas as semanas para que José María nos ensinara as partes básicas da física de partículas. Nese momento estábamos orientados cara as olimpíadas, pero ao final tivemos mala sorte e non puidemos presentarnos, así que unha vez rematado iso centrámonos exclusivamente na proposta do concurso”.

O clube Enrico Fermi leva máis de dúas décadas de traballo con alumnos interesado na física teórica e experimental

O Club de Física Enrico Fermi acumula máis de dúas décadas de traballo co obxectivo de reunir ao alumnado de bacharelado interesado na física teórica e experimental ao tempo que se promoven estes estudos como carreira profesional. Así, os temas tratados habitualmente son a física de partículas, a astrofísica e a cosmoloxía, pero, tal e como sinala o director, “tamén situar o coñecemento da física no eido doutras ciencias e a súa interrelación coas disciplinas humanísticas como a filosofía, a historia ou a relixión”.

O interese pola parte experimental é o que levou ao club a ser un habitual no BL4S, sendo esta a novena vez que se presentaban e no que xa conseguiran ser preseleccionados ata en tres ocasións. Polo mesmo motivo, o propio equipo organiza sesións de física recreativa, realizando experimentos e xoguetes científicos co obxectivo de comprender as leis básicas da natureza.

Yago Radziunas, antigo participante do club.

Ademais, tamén participan noutras actividades de forma anual como a masterclass sobre detección de partículas organizada pola Facultade de Física da USC, as Olimpíadas de Física a nivel local e nacional ou as diversas semanas da ciencia organizadas en centros educativos da zona. “Dende sempre participamos en concursos como Ciencia en acción, que nos permitiu visitar o CERN no 2001, ou Scienza per tutti, no que recibimos unha mención de honra”, manifesta Cordobés.

Para o director, formar parte do club é unha “experiencia formidable” grazas á cal “moitos estudantes decidiron cursar estudos de Física, e bastantes cunhas notas excepcionais”. Exemplo disto é Yago Radziunas, un antigo participante do club que “actualmente está no CERN cunha beca moi golosa” e do que o director se sente especialmente orgulloso.

Vocación de ensino

José María Cordobés, director do Club de Física Enrico Fermi, no CERN.

José María Cordobés comezou no mundo da ensinanza tras rematar a súa carreira na especialidade de Física Teórica, buscando aos estudantes que desexaban profundizar máis nas asignaturas e organizando actividades experimentais para eles co obxectivo de comprobar as leis que aparecían nos libros. Esta vocación inicial foi impulsada por unha licenza por estudos da Xunta, que lle concederon para preparar materiais didácticos sobre a física de partículas para o bacharelato, e por unha estancia no CERN grazas a unha beca para profesores.

“Teño un recordo formidable e dende entón busquei como ensinar a física de partículas aos meus alumnos. Pódese dicir que aí comezou o club, para centrarse principalmente na física de altas enerxías. Unha das miñas grandes satisfaccións é ver a antigos membros do club estudar física e por iso unha meta que sempre está presente para eles é traballar no CERN. Este ano, por fin, conseguímolo“, afirma Cordobés.

Grazas a esta implicación, os integrantes do club visitarán o CERN do 21 de setembro ata o 4 de outubro. “O acelerador de partículas podería dicir que é un dos monumentos máis importantes da ciencia e, tanto para min como para calquera dos meus compañeiros e compañeiras que lles gusta tanto a física, visitalo é un soño. Estou moi agradecido por ter a oportunidade de facelo”, manifesta Miguel Torres.

Para rematar a ledicia, o premio tcoincide co décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs, cuxa existencia foi confirmada o 4 de xullo de 2012 tras case cinco décadas despois de ser descrito polos físicos teóricos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O comportamento humano altérase de xeito notorio en grupos de máis de 180 persoas

Unha nova análise matemática permite comprender como cambiará unha empresa ou unha rexión por medrar de tamaño

A forza dos raios: mortais nun radio de dez metros e inofensivos dentro dun coche

A presenza da gaiola de Faraday provoca que o campo electromagnético dentro dun condutor en equilibrio estático sexa nulo

O exdirector do CERN: “Somos tres partículas en distintas combinacións. Todo é física”

“O desafío actual é comunicar o que se está facendo”, afirma Rolf-Dieter Heuer, director do acelerador de partículas cando o descubrimento do bosón de Higgs

“A ciencia exoplanetaria axuda a comprender o excepcional que é a vida na Terra”

A astrofísica galega Minia Manteiga comparte cartel con Mariano Barbacid nun encontro no CERN de investigadores europeos