Xoves 25 Abril 2024

Oito artigos científicos rexeitados antes de ter o Nobel

Algúns dos achados máis relevantes das últimas décadas non pasaron as revisións pertinentes para a súa publicación nun primeiro momento

A pasada semana, a boa nova dos Nobel chegou a varios laboratorios do mundo, entre eles, algúns con especial vinculación con Galicia, como o de John B. Goodenough. Son a recompensa a moitos anos de traballo, ou ben a unha idea xenial e vangardista que xorde nalgún momento da carreira científica. Pero detrás destas historias hai tamén momentos agres. Explicábao hai unhas semanas o científico galego Juan Cuñarro: “Os fracasos superan con moito aos éxitos, pero como se ven menos, parece que todo nos sae sobre rodas”.

Moitos investigadores que hoxe acadaron fama mundial pasaron por estes momentos: á hora da revisión por pares, ou dos filtros editoriais dalgunhas revistas, os seus artigos foron rexeitados antes de ser publicados, aínda que finalmente conseguiron demostrar os seus postulados.

Publicidade

Estas revisións por pares son un proceso que garante a mellora do traballo, para asegurar que os métodos e as conclusións sexan máis sólidas. Pero ás veces, os filtros frean os primeiros pasos de investigacións que acaban pasando á historia. Con todo, non supoñen sempre o final destes estudos, senón que melloran a súa solidez e acaban contribuíndo, finalmente, a que estes postulados sexan aceptados pola comunidade científica.

A historia da ciencia dá conta dalgúns destes casos:

        1. Artigo de Enrico Fermi sobre a interacción débil (1934)

          A revista Nature rexeitou un dos traballos clave do físico italiano, Un intento dunha teoría da radiación beta, que acabaría sendo publicado na revista alemá Zeitschrift für Physik. Aquela negativa baseouse en que o traballo de Fermi “contiña especulacións demasiado afastadas da realidade para ser do interese do lector”.
          Catro anos despois, en 1938, o físico recibía o Nobel, con 37 anos, por demostrar, a raíz daquel artigo, “a existencia de novos elementos radiactivos producidos pola irradiación de neutróns, e polo seu descubrimento relacionado de reaccións nucleares xeradas polos neutróns lentos”.

        2. Artigo de Hans Krebs sobre o ciclo do ácido cítrico (1937)

          O caso de Krebs non foi exactamente un problema de filtros. Foi, simplemente, que Nature non podía recibir máis artigos naquel momento, debido á acumulación de traballos que había á espera de revisión. “Foi a primeira vez na miña carrera que me pasaba, despois de publicar máis de 50 artigos”, escribiu Krebs nas súas memorias.
          O investigador levou o traballo sobre o papel do ácido crítico no metabolismo animal á revista Enyzmologia, onde foi publicado.
          Dezaséis anos despois, en 1953, Krebs recibía o Nobel de Fisioloxía e Medicina xunto a Fritz Albert Lippman.

        3. Artigo de Murray Gell-Mann para clasificar as partículas elementais (1953)

          O artigo “Isotopic Spin and Curious Particles” de Murray Gell-Mann foi rexeitado porque aos editores de Physical Review non lles convencía o termo “Curious Particles”. Probou “Strange Particles”, pero tamén o rexeitaron. Insistían en “New Unstable Particles”.
          Aquel artigo foi a base do Nobel que Gell-Mann recibiu en 1969 “polas súas contribucións e descubrimentos sobre a clasificación de partículas elementales e as súas interaccións”.

        4. A invención do radioinmunoensaio (1955).

          Anos despois de gañar o Nobel de Fisioloxía e Medicina en 1977, Rosalyn Yalow fixo pública unha carta na que o Journal of Clinical Investigation rexeitaba un artigo seu; os revisores amosáronse escépticos sobre a posibilidade de que os humanos puideran producir anticorpos o bastante pequenos como para unirse a hormonas como a insulina.
          Yalow demostrou o erro, e conseguiu que o radioensaio se convertera nunha técnica habitual para determinar os niveis dun anticorpo no organismo, liberando un antíxeno marcado cun radioisótopo.

        5. O primeiro modelo de Higgs (1964)
          O físico británico é o pai teórico do modelo que se puido constatar en 2013 no acelerador LHC do CERN. Case 50 anos antes, Peter Higgs escribiu dous artigos para Physics Letters, e o segundo deles foi rexeitado porque non se garantizaba unha publicación rápida do mesmo.
          Aqueles dous traballos contiñan a esencia do que hoxe se coñece como Bosón de Higgs, e que en 2013, meses despois de detectarse a súa existencia, recibiu o Nobel.
        6. A espectroscopía de resonancia magnética nuclear de Richard Ernst (1966)
          Esta técnica permite que hoxe poidamos analizar con detalle a estrutura e dinámicas das moléculas, algo moi útil na bioquímica. Richard Ernst viu como o primeiro artigo no que describía este avance era rexeitado ata en dúas ocasións polo Journal of Chemical Physics, para ser finalmente aceptado no Review of Scientific Instruments. En 1991, Ernst recibiría en solitario o galardón de Química polo seu traballo.
        7. O achado dos cuasicristais (1984)

          “Non lles interesará aos físicos…”, dixo Dan Shechtman. Este científico describiu por primeira vez estas estruturas, ordenadas pero non periódicas, nun artigo en 1984. Pero o traballo, titulado “A microestrutura de Al6Mn rapidamente solidificada”, foi rexeitado por Physical Review Letters porque consideraban que debía ser publicado na revista Metallurgic Transactions A, dedicada ao sector do metal e menos coñecida. En 2011, a Schechtman déronlle o Nobel de Física por descubrir aqueles cuasicristais.

        8.  A reacción en cadena da polimerasa (PCR) de Kary Mullis (1993)
          Kary Mullis recibiu a negativa dos dous grandes grupos, Nature e Science, antes de ser galardoado en 1993 pola invención do método da reacción en cadea da polimerasa (PCR) que desenvolveu nos anos 80. Hoxe, esta técnica úsase en laboratorios de todo o mundo para amplificar as cadeas de ADN.
          A historia quedou como unha das moitas anécdotas da vida de Mullis, moi controvertida alén do Nobel, xa que rexeitaba as evidencias do cambio global, cría na astroloxía e negaba a natureza do VIH.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un grupo de estudantes galegos gaña unha competición internacional do CERN

Os alumnos do clube vigués de física Enrico Fermi, vencedores xunto a un equipo de Exipto e outro francés, viaxarán en setembro ao acelerador de partículas