Xoves 28 Marzo 2024

O vínculo con Galicia de Goodenough, o Nobel máis vello da historia

Un dos pais da batería de ión-litio foi investido doutor honoris causa en 2002 pola USC e colaborou co departamento de Física Aplicada

O anuncio do Nobel de Química 2019 xerou unha gran alegría en Galicia. Cando saíu o nome de John B. Goodenough (Jena-Alemania, 1922), no departamento de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela houbo aplausos. O que é o premio Nobel máis vello da historia, superando por un ano a Arthur Ashkin, é doutor honoris causa pola institución compostelá e ten colaborado estreitamente con científicos como Jorge Mira e José Rivas. Ademais, no seu laboratorio traballaron como investigadores posdoutorais María Antonia Señarís, hoxe profesora da Universidade da Coruña, e Francisco Rivadulla, investigador do CiQUS de Santiago que obtivo en 2016 unha bolsa Starting Grant do ERC.

“Levabamos moitos anos esperando isto. O ano pasado confiabamos en que llo deran, e xa pensamos que este momento nunca chegaría, porque xa é bastante maior”, conta Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da USC.

Publicidade

O propio Mira compartía esta mañá, ao coñecer a noticia, unha fotografía xunto a Goodenough e José Rivas Rey durante unha visita a Santiago do Nobel de Química 2019. “Por fin podo dicir que teño artigos xunto a un Nobel”, di Mira. Explica que un dos traballos, por exemplo, baséase no achado dun material, “co que xa traballara Pierre Curie, e que tiña unhas propiedades sorprendentes a partir de cambios na resistencia eléctrica”. Son varios os textos nos que Mira, xunto a María Antonia Señarís, Francisco Rivadulla ou José Rivas, colaborou co galardoado, como os publicados en Europhysics Letters (1999), Physical Review B (1999) ou Physical Review Letters (2003).

Na foto coa que Mira celebrou o Nobel aparece tamén o profesor José Rivas, que esta mañá tamén se amosaba moi satisfeito coa noticia. “É un Nobel moi agardado e tremendamente merecido. Ademais dun científico extraordinario, eu diría que é un sabio; un home moi culto, e que racha coas fronteiras do coñecemento”, expuxo Rivas.

O catedrático da USC subliña tamén a gran capacidade de traballo que Goodenough conserva con 97 anos. “Sigo mantendo correspondencia con el, e seguimos falando dos nosos traballos. Hai apenas dous anos, con 95, aínda rexistrou unha patente que foi moi importante para a Universidade de Texas, onde segue acudindo a traballar”. Rivas destacou tamén que mañá participará en Braga nun congreso no que está previsto que o científico estadounidense interveña a través dun vídeo.

John B. Goodenough, no discurso no que foi investido honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela.
John B. Goodenough, no discurso no que foi investido honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela.

En 2002, a Universidade de Santiago de Compostela recoñeceu a Goodenough como doutor honoris causa. Foi o propio José Rivas o que actuou como padriño no acto. A relación entre o departamento de Física Aplicada e o científico hoxe galardoado iniciouse en 1989, e centrouse no eido dos materiais magnéticos. Daquela, segundo recollía o xornal da USC, o seu nome xa soaba para o Nobel. No seu discurso, Goodenough fixo referencia aos bolseiros Fullbright que traballaron con el, María Antonia Señarís Rodríguez e Francisco Rivadulla.

Froito destas colaboracións, xurdiron algúns artigos nos que Goodenough comparte autoría con científicos galegos, como o publicado en 2010 en Nature Materials, xunto aos propios Rivas e Rivadulla, Manuel Bañobre, Camilo X. Quintela, Alberto Piñeiro, Arturo López Quintela ou Daniel Baldomir, ou outro en Chemistry & Materials en 2005. Ademais, ten impartido varios cursos e clases maxistrais en Santiago.

Do mesmo xeito, Mira destaca que o científico estadounidense “sempre estivo ao noso dispor cando lle preguntabamos. Hai un par de anos, con 95, seguía atendendo as nosas consultas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.