Martes 23 Abril 2024

Nobel de Química para os creadores da batería de ión-litio

As investigacións de John B. Goodenough, M. Stanley Whittingham e Akira Yoshino revolucionaron o mundo, co desenvolvemento dos aparellos sen fíos

Se vostede está lendo isto é grazas ás persoas que ve na imaxe. John B. Goodenough, M. Stanley Whittingham e Akira Yoshino, gañadores do Nobel de Química 2019, son tres dos impulsores da batería de ión-litio, o sistema lixeiro, recargable e duradeiro que hoxe usamos nos nosos teléfonos móbiles, computadoras e mesmo vehículos eléctricos, ademais de ser útil no almacenamento de enerxía solar e eólica, axudando a que o mundo sexa cada vez menos dependente dos combustibles fósiles.

Tal e como expón o xurado dos Nobel de Química na súa decisión, Goodenough, Whittinghan e Yoshino conseguiron, en diversos momentos, o desenvolvemento e optimización duns aparellos hoxe indispensables. Durante a crise do petróleo dos anos 70, Whittinghan pensou en novos métodos para evitar a dependencia destas fontes de enerxía. Así comezou a investigar os supercondutores, e descubriu un material moi rico a nivel enerxético, que usou para un cátodo innovador nunha batería de litio. Fíxoo con disulfuro de titanio, que a nivel molecular pode intercalar ións de litio.

Publicidade

O ánodo da batería creada por Witthingham estaba feito parcialmente de litio metálico, que ten un forte impulso para liberar electróns. Esto deu como resultado unha batería que tiña un gran potencial, algo máis de dous voltios. Porén, o litio metálico é reactivo, e a batería era demasiado explosiva para ser viable.

Pero máis tarde, John Goodenough prediciu que o cátodo tería un potencial aínda maior se se fixera usando un óxido metálico. Baseándose nisto, en 1980 demostrou que o óxido de cobalto con ións de litio intercalados pode producir ata catro voltios. Isto conduciu a un tipo de batería moito máis potente.

Esquema da batería deseñada por Akira Yoshino.
Esquema da batería deseñada por Akira Yoshino.

E en 1985, a partir do cátodo ideado por Goodenough, Akira Yoshino creou a primeira batería de ión-litio comercialmente viable. En vez de usar litio reactivo no ánodo, usou coque de petróleo. Obtívose así unha batería segura, lixeira e resistente que podía cargarse centos de veces antes de deteriorarse.

A súa vantaxe é que non se basean en reaccións químicas que descompoñen os electrodos, senón en ións de litio que flúen dun lado a outro entre o ánodo e o cátodo.

Hoxe, esta batería forma parte dos dispositivos electrónicos portátiles que utilizamos para comunicarnos, traballar, estudar, escoitar música, consumir todo tipo de contidos audiovisuais e en xeral, acceder a unha fonte inesgotable de coñecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Baterías con selo galego: así serán as futuras tomas de corrente transportables

Os equipos enerxéticos de Enercraft están fabricados con electrónica feita en Galicia

O vínculo con Galicia de Goodenough, o Nobel máis vello da historia

Un dos pais da batería de ión-litio foi investido doutor honoris causa en 2002 pola USC e colaborou co departamento de Física Aplicada