Simposio internacional de arqueoloxía para estudar o castelo de Malpaso, en Allariz

A principios do ano 2016, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat, da Universidade de Vigo, puxo en marcha o Proxecto Sancti Salvatoris co obxectivo de estudar e valorizar un xacemento altomedieval situado nas inmediacións da aldea de San Salvador dos Penedos, en Allariz, e coñecido como Castelo de Mouresiños ou Castelo do Malpaso. Tras dúas campañas de traballo nel, os días 4 e 5 de maio a Facultade de Historia do campus de Ourense acollerá un Simposio Internacional de Arqueoloxía Medieval que permitirá dar a coñecer este traballo e avanzar coas achegas de diferentes expertas e expertos.

O Proxecto Sancti Salvatoris, sinalan os seus responsables, estivo financiado pola convocatoria a proxectos de investigación Inou da Vicerreitoría do campus de Ourense e a Deputación de Ourense nos anos 2016 e 2017, contando ademais co apoio do Concello de Allariz, que achegou medios humanos e técnicos. “Foi durante este dous anos cando se desenvolveu o proxecto que incluíu cadansúas campañas de intervención directa no xacemento, ademais de tarefas de rexistro pormenorizado e estudo histórico, sacando á luz os restos dun castelo medieval en relación cun espazo funerario”, comentan desde o comité organizador, formado polas investigadoras e o investigador do Geaat Patricia Valle, Alba A. Rodríguez e Adolfo Fernández.

Publicidade

O simposio será unha plataforma para presentar os resultados das investigacións realizadas no xacemento

Este simposio, indican os seus responsables, concíbese como unha plataforma onde presentar os resultados científicos do proxecto e como un lugar de debate entre especialistas contrastados neste ámbito, que mostrarán novidades dos seus proxectos de investigación achegando así a súa experiencia ao Proxecto Sancti Salvatoris. “Os datos acadados no proxecto sitúan o xacemento nun arco temporal que arrinca nun momento indeterminado da época altomedieval (séculos IX-X), cando no lugar se soterran cando menos dúas persoas en sendas sepulturas escavadas nun penedo granítico, ata os finais do século XIII, cando parece abandonarse o castelo situado no cumio do promontorio rochoso”, sinalan as arqueólogas e arqueólogo do proxecto.

A pesar da reducida área de escavación, detallan, “os materiais arqueolóxicos recuperados e a información sobre a arquitectura do castelo supón un importante fito para a arqueoloxía medieval galega aspirando a converterse nun referente para este período histórico”.

Publicidade

O Simposio Internacional de Arqueoloxía Medieval. A Propósito do Proxecto Sancti Salvatoris permitirá a investigadores do Geaat explicar os resultados das campañas de intervención realizadas en 2016 e 2017 no Castelo de Malpaso no marco do Proxecto Sancti Salvatoris, asistindo o día 5 as persoas inscritas ao simposio a unha charla divulgativa na igrexa de San Salvador e a unha posterior subida a este castelo para coñecer in situ o enclave e as descubertas feitas. O programa de conferencias contará tamén coa participación de expertas e expertos de, ademais da Universidade de Vigo, das universidades de Santiago de Compostela, País Vasco, Oviedo, Nova de Lisboa e Uned. Durante as súas intervencións falarán das comunidades campesiñas e poboamento no territorio de Viseu no século X; das fortificacións, paisaxe e poder na Galicia altomedieval; dos resultados da primeira campaña arqueolóxica no Castelo de Viguera, na Rioxa, e do castelo de Gauzón, en Asturias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos