Xoves 5 Decembro 2024

Os límites da imaxinación: o fantástico mundo de Verne aterra de novo en Vigo

O MARCO (Museo de Arte Contemporáneo de Vigo), inaugura a partir de hoxe a exposición Xulio Verne. Os límites da imaxinación. Os visitantes poderán retroceder no tempo e, así, deixaranse levar pola creatividade do escritor nado en 1828. Esta exposición , que coincide cos 150 anos da entrada do Nautilus do Capitán Nemo na ría de Vigo, permite ollar o vencello do novelista coa cidade olívica. O percorrido amosa dende o gabinete de Verne até algúns dos territorios vernianos a raíz das súas populares publicacións.

Xulio Verne foi un visionario que serviu de inspiración para moitos científicos. O rumbo da exposición vén encabezado por unha recreación do seu gabinete, onde o autor creaba novos mundos a partires do enxeño. No Gabinete de Verne afóndase na imaxinación de Verne mediante as súas obras literarias. A primeira edición mundial de Vinte mil leguas de viaxe submarino, datada no ano 1869 e escrita en español é un dos libros expostos na sala. Ademais, preséntase unha colección de ilustracións dos seus personaxes: dende Phileas Fogg ata o capitán Hatteras. É un contacto directo coa mente do propio creador.

Publicidade

Os diferentes espazos que conforman a exposición do escritor
Os diferentes espazos que conforman a exposición do escritor

Ao polifacético inventor abraiáballe o mar. Por iso lle prestou importancia á ría de Vigo. Os fillos do capitán Grante Vinte mil leguas baixo dos mares confírmano. Esta última obra, cuxa primeira edición exponse para o seu desfrute, foi inspiración para Isaac Peral, o inventor do primeiro submarino eléctrico. A sala Mobilis in mobili permite coñecer os transportes marítimos da época .Tamén evidénciase a relación do escritor con Vigo mediante pezas cedidas por numerosos  museos de Galicia.

A Batalla de Rande de 1702 foi tomada como referencia para Verne no seu libro Vinte mil leguas baixo dos mares. No lugar atópanse unha morea de obxectos interesantes: gravados holandeses da contenda, unha moeda inglesa acuñada con metais preciosos do botín inglés ou un dos famosos “bastóns de Rande”, que se comercializaba no século XX. A maiores, tamén están presentes outros elementos vencellados ao mar como un traxe de mergullador orixinal do século XIX, un antigo temón ou unha maqueta do Saint Michel III, o iate en que Xulio Verne visitou Vigo.

Publicidade

Unha andaina ao redor do mundo

Os territorios vernianos serán recreados a través das súas novelas máis destacadas. De aí que a obra Viaxe ao centro da Terra dese pé a unha instalación audiovisual de proxeccións na sala Trotamundos. Reprodúcense así algúns dos terreos visitados polos personaxes: covas, volcáns… Ademais, un mapa fai posible a recreación das rutas xeográficas entre os continentes das principais novelas de Verne.

Con A volta ao mundo en oitenta días o escritor volveu a adiantarse ao seu tempo. Fixo un repaso dos últimos avances no eido do transporte. Na obra exteriorizou, a través da viaxe de Phileas Fogg, todos os transportes existentes naquela época, dende o elefante até o tren. Unhas fotografías da prestixiosa Colección Clark & Joan Worswick ou dun musical de Orson Welles e Cole Porter reconstrúen as aventuras do protagonista. Ademais, preséntase á xornalista Nelly Bly, que bateu o récord de Phileas Fogg dando a volta ao mundo en 72 días. Nesta aventura, incluso chegou a visitar ao mesmo Verne.

Dos misteriosos polos á maxia da Lúa

En Desertos de xeo preséntanse algúns dos misterios retratados polo xenio de Verne, coma o dos polos. Na súa época, espertaban moito interese nos lectores. Por primeira vez en Galicia amósanse dez imaxes da expedición do irlandés Sir Ernest Shacketon rescatadas no ano 2013 na Antártida.

Outra das cousas máis importantes naqueles tempos foi a polémica que se desenvolveu en torno a aeronáutica. Por unha banda estaban os defensores dos voos máis lixeiros que o aire e, por outra, os defensores dos voos máis pesados, isto é, os avións. Esta conquista do aire inmortalízase no espazo Flotar ou voar a través das fotografías do fotógrafo francés Nadar, autor das primeiras instantáneas aéreas da historia.

As novelas Da Terra á Lúa e Arredor da Lúa proban o interese de Verne polo noso satélite. Estas tiveron unha grande influencia no imaxinario colectivo daquela sociedade. A excelsa devoción recóllese na literatura universal con autores como a alemá Thea von Harbou ou con carteis dos espectáculos da época.

A exposición, nada da Fundación Telefónica, estará dispoñible en Vigo ata o día dezaseis de setembro. Poderá visitarse de martes a sábados nun horario de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00 e os domingos de 11:00 a 14:30. As visitas guiadas son todos os días ás 18:00. Paga a pena coñecer un pouco máis deste célebre novelista que tanto aportou á nosa comunidade. Verne imaxinaba ao tempo que ideaba realidades no futuro. “Todo o que unha persoa pode imaxinar, outras poderán facelo realidade”, dicía.

Unha das citas de Verne exposta nun criptograma
Unha das citas de Verne exposta nun criptograma

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece visitas virtuais dos seus fondos mariños

A exposición 'O mar en 360º' ten como obxectivo mergullar os visitantes nunha experiencia única para descubrir a súa fauna e flora

As históricas fotos de Vigo de Rainiero Fernández, o cazador de imaxes

O Museo do Mar de Vigo propón un achegamento á obra do fotógrafo vigués desde unha óptica actual coa exposición “Rainiero Fernández. O Arquivo”

Os 18 libros en galego para regalar aos apaixonados da ciencia en Nadal

Unha guía con exemplares galegos aptos para público adulto contribúe a apoiar a cultura e fomenta a aprendizaxe á par que a diversión

O Aquarium Finisterrae exhibe a beleza dos vermes mariños

Unha mostra gráfica achega ao público a diversidade morfolóxica duns dos grandes descoñecidos dos nosos mares