As gaivotas tamén se contaxian o estrés

Unha reportaxe de Xiana Meda

As condicións ambientais adversas poden levar aos animais a entrar nun estado de emerxencia e tensión. Pero pode un individuo notar o estrés experimentado por outros membros do seu grupo e desenvolver unha resposta fisiolóxica similar? Esta é a pregunta que deu lugar a investigación coordinada por José Carlos Noguera, membro do Grupo de Ecoloxía Animal da Universidade de Vigo.

Publicidade

Os datos suxiren que, en animais que viven en grupos sociais, o comportamento dos membros do grupo pode xerar importante información sobre as condicións e os perigos no medio, como pode ser a presenza de depredadores. Por exemplo, se un depredador se achega a unha bandada de paxaros, é posible que só un detecte a ameaza. Non obstante, o resto do grupo podería captar as sinais de perigo polo estado de nerviosismo e tensión nas que se atopa o seu compañeiro, e polo tanto, poderían fuxir para sobrevivir. É dicir, se un animal cambia de conduta a causa do estrés, podería ser percibido como un estímulo estresante para os demais.

Os científicos estudaron se as respostas ao estrés se poden transferir no contexto familiar

Neste sentido, a investigación conducida por José Carlos Noguera analiza se as respostas ao estrés se poden transferir no contexto familiar, especialmente entre irmáns, durante o desenvolvemento inicial dunha ave. Para iso, estudáronse 53 niños de gaivotas (Larus michahellis) na Illa de Sálvora, onde o coidado parental prolongado provoca que as interaccións cos irmáns sexan as relacións sociais máis comúns exhibidas polos pitos durante os primeiros anos de vida.

O estudo indica que as respostas fisiolóxicas ante o estrés poden ser adquiridas despois da exposición a individuos estresados no entorno social. No curto prazo, a exposición ó estrés foi favorable, xa que mellorou o comportamento anti-depredador das aves. En cambio, no longo prazo, esta exposición temperá a estímulos estresantes ten consecuencias negativas no desenvolvemento do animal. Así, os poliños que conviviron con compañeiros de cría estresados, presentaron un tamaño adulto reducido, unha maior acumulación de dano celular e unha plumaxe xuvenil de mala calidade.

A metodoloxía que seguiu a investigación foi dividir os 53 niños en dous grupos. Nun deles, formado por 26 niños, dous dos tres irmáns estiveron expostos a niveis elevados de hormonas do estrés mediante implantes de corticosterona (principal hormona do estrés en aves). No outro, formado por 27 niños, fíxose unha simulación con implantes falsos (baleiros). Este deseño experimental permitiu probar os efectos de crecer con irmáns estresados nas contrapartes non implantadas.

As crías que conviviron con compañeiros estresados presentaron unhas peores condicións de ‘saúde’

A secreción de hormonas do estrés conduce a unha rápida redistribución dos recursos enerxéticos lonxe das funcións non vitais, o que axuda aos animais a facer fronte ó factor estresante. Por exemplo, a exposición aos depredadores provoca a elevación das hormonas do estrés, que a súa vez facilita as respostas anti-depredadores, como poden ser unha maior vixilancia e uns movementos máis rápidos, promovendo así a supervivencia a curto prazo.

Nos niños nos que se implantou a corticosterona, a resposta a un posible ataque de depredador foi máis rápida (tanto nas crías nas que se implantou directamente esta hormona como no seu irmán) que nos que non se implantou. Isto, a priori, é positivo para as gaivotas, xa que as reaccións rápidas e coordinadas ante os depredadores poden aumentar as posibilidades de supervivencia de toda a prole.

Non obstante, unha exposición prolongada a situacións de estrés pode ser prexudicial, particularmente cando ocorre durante as primeiras etapas do desenvolvemento. Así, as gaivotas que creceron con irmáns estresados mostraron un tamaño corporal reducido, altos niveis de dano oxidante en lípidos e proteínas e unha plumaxe xuvenil fráxil. Para entender completamente o papel do cruce de tensións en poboacións de animais, é fundamental avaliar os costos e beneficios, de habelos, de tales fenómenos.

Gaivotas. Foto: Xiana Meda.
Gaivotas. Foto: Xiana Meda.

O cruce de estrés tamén pode ser o resultado de reaccións empáticas. A existencia deste tipo de mecanismo implica o recoñecemento do estado emocional dos demais, adscrito anteriormente nos humanos, os simios e algúns roedores, pero a evidencia era menos clara nas aves. Os resultados demostran que a transmisión do estrés (xa sexa directa ou indirecta) entre os membros da familia, acentúa o valor adaptábel como resposta para promover a supervivencia a curto prazo.

Actualmente, o grupo de investigación coordinado por Jose Carlos Noguera está dando un paso máis alá co seu estudo. O obxectivo é analizar a transmisión social de información prenatal (ovos) e como o embrión adapta o seu futuro desenvolvemento en función diso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Faneca, lirio, xurelo e pescada: os catro piares da dieta da toniña en Galicia

Un estudo do IEO e da UVigo analizou o contido estomacal de 72 cetáceos varados no litoral galego entre 1990 e 2018

Así é o metaverso da UVigo, o máis avanzado de todo o sistema universitario español

O proxecto inclúe espazos comúns virtuais que poden empregarse como salóns de actos ou como espazos de presentación e exhibición

A UVigo lidera un proxecto europeo para reducir e reciclar materiais de construción

Os residuos derivados da edificación e demolición, excluídos os da minería, representan o maior fluxo de refugallos da Unión Europea

Fentos e coníferas xigantes: a dieta dos dinosauros na península durante o Cretácico

Investigadores da UVigo participan nun estudo internacional que identifica plantas dun xacemento de Castellón de hai 125 millóns de anos