O novo número da revista Mazarelos céntrase na historia do Couto Mixto

A publicación tamén aborda a etnografía dun territorio que durante centos de anos foi un microestado independente de Galicia e Portugal

Un novo número da revista Mazarelos acaba de saír á luz. A publicación presentouse o sábado 28 de outubro nun acto celebrado na aldea de Meaus, no concello ourensán de Baltar, onde historicamente se situaba o Couto Mixto. É dicir, un microestado independente de Galicia e de Portugal durante centos de anos. Precisamente, o número 11 de Mazarelos céntrase na historia e etnografía do territorio, así como das súas reminiscencias do presente e as perspectivas do futuro.

Na presentación da revista participaron Serxio María Rodríguez Álvarez, politólogo e autor do artigo Os pastos mistos. O derradeiro vestixio do Couto Misto publicado na revista; José Rodríguez Cruz, etnógrafo do Couto e da Raia Seca e Miguel Rodríguez Martínez, historiador e editor de Mazarelos.

Publicidade

O politólogo e historiador comezou a presentación cunha contextualización histórica do Couto Mixto, dende as súas orixes ata as súas particularidades chegando ás reminiscencias actuais dos pastos mistos. Seguidamente José Rodríguez Cruz completou a proposta cunha serie de historias e lendas asociadas ao territorio, nas que participou o público asistente nutríndoas de achegas propias. Por último o editor de Mazarelos pechou o acto falando da revista e do papel da divulgación histórica na transmisión cultural en contextos locais do país.

Algunhas das valoracións presentadas no debate posterior foron a interpretación dende o presente do pasado do Couto Mixto, a súa realidade na veciñanza galega e portuguesa asistente ao acto, e as perspectivas de futuro.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Un proxecto con participación galega estuda novas formas de radioterapia contra os tumores cerebrais

InnovaRTBRAIN investiga tratamentos máis eficaces e seguros fronte ao glioma, un dos cancros do cerebro máis agresivos e complexos

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Unha investigación da USC profunda na figura da “adúltera castigada” do Pórtico de Praterías

O profesor José María Anguita Jaén vén de publicar unha extensa análise sobre a imaxe da muller cun cranio no colo que xa é mencionada no ‘Liber Sancti Iacobi’