O programa conxunto de Turismo e Xeografía e Historia bota a andar

O vindeiro curso académico 2017/2018 impartirase por primeira vez no campus de Ourense un programa conxunto dos graos de Turismo e de Xeografía e Historia, que permitirá a dez estudantes obter as dúas titulacións en cinco anos e medio. Co obxectivo de visibilizar ante a sociedade esta nova oferta académica e sobre todo a súa potencialidade, complementariedade e relevancia, os dous centros implicados nesta iniciativa, as facultades de Historia e a de Ciencias Empresariais e Turismo, organizarán o vindeiro sábado, 10 de xuño, un roteiro aberto á cidadanía no que o turismo, a xeografía e a historia camiñarán da man.

Dous graos en cinco anos e medio

A decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Elena Rivo, e a decana da Facultade de Historia Susana Reboreda,  foron as encargadas de explicar o martes seis de maio as características xerais tanto deste novo programa conxunto de graos como do roteiro promocional que se levará a cabo para difundilo. Este será o primeiro programa conxunto no que participe a Facultade de Historia e o terceiro para a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que xa conta con programas que permiten simultanear os seus estudos de Administración e Dirección de Empresas tanto con Dereito como con Enxeñaría Informática.

Publicidade

Segundo explica Elena Rivo, os dez estudantes que realicen este programa Turismo-Xeografía e Historia conseguirán ter “un perfil moi demandado pola sociedade e competitivo”. Deste xeito, apuntou, o perfil de egresado en Turismo terá un plus de formación útil de cara ao seu desenvolvemento profesional como guías ou xestores patrimoniais e o perfil de egresado en Xeografía e Historia adquirirá coñecementos de xestión turística útiles para os seus proxectos e empresas. Salientando como este programa conxunto é único en Galicia e, que teñan coñecemento en España grazas a que abrangue tamén a formación en xeografía, Susana Reboreda salientou pola súa banda a importancia de contar con el nunha comunidade autónoma como Galicia, “na que o turismo é un eixe fundamental de desenvolvemento”.

O programa conxunto destes dous graos terá unha duración de once cuadrimestres, de cinco anos e medio. O número de créditos necesario para superar o programa será de 390 ECTS, dos cales 108 ECTS son créditos de formación básica e 282 materias obrigatorias. Os cursos impartiranse na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e na Facultade de Historia do campus de Ourense, garantíndose un horario de clases en franxas horarias, tanto teóricas como prácticas, que permita ao alumnado organizar o seu tempo adecuadamente, para facilitar o estudo, a realización das actividades formativas e a súa integración na vida de cada centro.

Publicidade

Percorrido pola Ribeira Sacra

O roteiro que se organizará para dar a coñecer esta nova oferta e a súa potencialidade terá lugar pola Ribeira Sacra e levará por título “Aprende xeografía e historia facendo turismo“. Pola mañá, a actividade levará aos participantes ao Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil e a realizar unha ruta polos canóns do Río Mao. Xa pola tarde, o roteiro continuará visitando o conxunto arqueolóxico de San Vítor de Barxacova. Durante o percorrido, egresados dos graos de Xeografía e Historia e de Turismo intervirán tanto para contextualizar o roteiro como para visibilizar a idoneidade e complementariade entre as áreas de turismo, xeografía e historia. No roteiro tamén terá protagonismo destacado a auga, tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. A inscrición, de balde, é aberta a todas as persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, ata esgotamento das 50 prazas dispoñibles. A saída será desde o campus de Ourense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período