Cristina Castillo e Gonzalo López, cos seus recoñecementos. Foto: USC.
Cristina Castillo e Gonzalo López, cos seus recoñecementos. Foto: USC.

Doble premio da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España para a USC

A entidade premiu o traballo de dous membros do equipo de Patoloxía Animal: a docente Cristina Castillo e o investigador Gonzalo López

Os investigadores do Departamento de Patoloxía Animal da USC na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo Cristina Castillo e Gonzalo López Lorenzo resultaron galardoados na edición de 2018 dos premios anuais concedidos pola Real Academia de Ciencias Veterinarias de España (Racve), entidade recoñecida como un dos máximos expoñentes das ciencias veterinarias no ámbito nacional e tamén en Suramérica.

Cristina Castillo, profesora do área de Medicina e Cirurxía Animal e investigadora do grupo da USC Metabolismo e Patoloxía Animal recibiu o VI Premio Andrés Pintaluba polo traballo titulado ‘Un paso adiante cara a gandería sustentable e fortificación alimentaria en España: o emprego de restos de Posidonia oceánica en pequenos rumiantes do SE español’. A autora salienta nesta investigación o reto que supón para o sector produtivo a procura de novas fontes de alimentos que contribúan á optimización da produción gandeira ante a problemática que implica a superpoboación presaxiada pola FAO para o ano 2050, cando a demografía mundial acadará a cifra de 9.000 millóns de persoas, 2.000 millóns máis que na actualidade. A complexidade deste cometido, precisa a autora, antóllase aínda máis difícil se as novas fontes de alimentos non compiten coas fontes nutricionais destinadas a consumo humano nin coa conservación ambiental, cuxos efectos xa se están deixando notar debido ao cambio climático.

O traballo asinado pola doutora Castillo analiza a posibilidade de utilizar como fonte forraxeira residuos (chamados bancais) dunha planta mariña comunmente atopada nas costas mediterráneas e que se coñece como Posidonia oceánica. A idea xorde do uso dun refugallo que no verán xera grandes custos porque se considera molesto nas praias. Por tanto, toneladas e toneladas de residuos colléitanse cada ano para logo destinar á incineración ou ben á xeración de biomasa con serios efectos ambientais (como a xeración de CO2). Este estudo é especialmente relevante nas costas da conca Mediterránea, onde o clima non mellora a abundancia de pastos, e na  que as previsións climatolóxicas auguran un futuro desalentador debido á degradación dos solos.

Por outra banda, o V Premio Laboratorios Ovejero da academia de ciencias veterinarias recaeu en Gonzalo López Lorenzo, do grupo Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC polo traballo ‘Distribución ambiental de PCV2 en granxas con infección subclínica’. Esta investigación baséase no desenvolvemento dunha técnica nova e alternativa para estudar a epidemioloxía das enfermidades. Un traballo na mesma liña de investigación xa lle dera a Gonzalo López un premio europeo en 2017 en Lyon, por parte da multinacional veterinaria Boehringer Ingelheim.

Coñecer como se comportan os patóxenos no ambiente, as vías polas que poden entrar ás granxas, as zonas nas que se poden acumular este tipo de patóxenos e desde as que se poden diseminar con risco para infectar e/ou re infectar aos animais… constitúen algunhas das incógnitas ás que busca dar resposta López Lorenzo neste traballo, que se complementa coa inclusión dos resultados obtidos ata a data nun estudo epidemiolóxico desenvolvido en explotacións de porcino.

A investigación epidemiolóxica realizada por López Lorenzo emprega como modelo o PCV2 (un virus ADN de pequeno tamaño sen envoltura externa e moi resistente no ambiente). Daquela, tomáronse mostras ambientais de distintas áreas das granxas de porcino, para logo proceder á súa análise mediante qPCR de PCV2. Estes procesos permitiron detectar o virus no ambiente de zonas nas que hai porcos, así como noutras áreas das granxas onde non se aloxan animais, por exemplo almacéns e oficinas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.