Por que pican (ou non) os pementos de Herbón?

O principal trazo característico dos célebres pementos de Herbón é un mecanismo de defensa das plantas contra os posibles depredadores. Nada máis e nada menos. Mais a nosa gula é maior que o medo, e preferimos degustalos aínda a costa de que nos ferva a boca. Os capsicinoides, un conxunto de oleorresinas presentes na parte interior destes alimentos, nunhas vesículas de cor branca, son os responsables de que as veces nos atopemos cunha picante sorpresa.

Algunhas variedades de pemento teñen, por sistema, un sabor picante, coma os chiles. Pero o caso da variedade de Herbón é particular, debido á aleatoriedade do seu picor. Estímase que entre un 10 e un 25 por cento deles pican, pero ata o de agora non se conseguiu establecer unha diferenciación clara para distinguilos.

Publicidade

Esquema molecular da capsicina.
Esquema molecular da capsicina.

O nivel de comechón que atopamos nos pementos depende, entre outros factores, do tipo de pemento, da temperatura e a luz solar recibida polas plantas, a humidade, a madurez ou as características dos solos, mais non se pode observar a priori sen telo probado.

No caso dos pementos de Herbón chegaron a Galicia desde América entre os séculos XVI e XVII a través de misioneiros franciscanos. Crese que, co paso do tempo, o produto orixinal foise adaptando ao clima galego, facéndose máis pequeno e adquirindo o seu sabor particular.

Publicidade

Grazas aos seus particulares atributos, os capsicinoides son empregados en moitas disciplinas. Teñen, por exemplo, efecto analxésico e propiedades anticanceríxenas. E incluso serven para a defensa persoal. Os coñecidos aerosois de pemento son, precisamente, compostos que conteñen capsicinoides, e que provocan a irritación das mucosas do posible atacante.

E cal é a forma de combater a comechume? Estas substancias son solubles en graxa, pero non se mesturan coa auga. Así, se nos escoce a boca por algún pemento, é mellor inxerir alimentos ricos en graxa, como queixo e manteiga. O único que faremos coa auga é espallar a sensación de comichón.

1 comentario

  1. Comechume é masculino. Ás veces con acento…
    Bo artigo, gústame sempre que se fale destes pementos porque o meu segundo apelido é Herbón hehe.
    Hai quen di que este topónimo vén da época dos vikingos…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que peixes son os máis sans para comer?

A seguridade fronte a contaminantes é clave no consumo de especies mariñas, co metilmercurio como principal risco sanitario. Por Antonio Figueras

As dietas pobres en cereais, verduras e sementes elevan o risco de infarto

A alimentación deficiente foi a responsable de catro millóns de mortes por cardiopatía isquémica en 2023

Quefir ou iogur? Estes son os beneficios para a nosa saúde intestinal

Ambos os produtos son máis fáciles de dixerir que o leite, xa que parte da lactosa se consome durante a fermentación

Ciencia e cooperación para unha alimentación sostible: os resultados de Net4Food

A rede de colaboración entre Galicia e Norte de Portugal continuará a través do Iberian Food Lab