Roteiro, premio e debate: o programa de Pontevedra no Día da Muller e a Nena na Ciencia

O Concello presenta os actos do 11-F, cos obxectivos de visibilizar ás científicas, pór en valor o seu traballo e promover as vocacións das nenas

O Concello de Pontevedra celebra un ano máis en colaboración con GCiencia o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora o 11 de febreiro, cos obxectivos de reivindicar e visibilizar ás mulleres científicas, pór en valor o seu traballo e promover o interese das nenas pola ciencia e a investigación. O acto central será un encontro con divulgadoras científicas no Pazo da Cultura o propio día 11 que será presencial e retransmitido por streaming.

No evento participarán as investigadoras Carmela Cela, Paula Otero, Alba Aguión e Andrea Muras e no que a concelleira de cultura, Carme Fouces, será a anfitrioa. Tamén se convocarán un concurso escolar de relatos curtos, pensado para o alumnado de Secundaria, e un roteiro para público xeral sobre a pegada de mulleres científcas en Pontevedra. Con estas actividades preténdese facer do 11 de febreiro “unha data referente”, en palabras da concelleira de cultura, que presentou o programa este mércores.

Publicidade

Fouces tamén subliñou a necesidade de que as nenas se sintan capaces de adicarse á carreira científica e de que as mozas “reivindiquen as melloras laborais que hoxe as científicas non desfrutan”. O proxecto, que botou a andar no 2018, cumple este ano a súa quinta edición.

Encontro de divulgadoras científicas

O encontro con divulgadoras terá lugar o 11 de febreiro no Pazo da Cultura ás 12,00 horas e irá dirixido ao alumnado do 2º ciclo da ESO, Bacharelato e FP. O encontro estará centrado nas reflexións e intercambio de experiencias de catro científicas ao redor da divulgación da ciencia: as novas canles de comunicación (YouTube, Twitch, plataformas streaming…), o achegamento á xente nova, a fenda de xénero na ciencia e no eido da divulgación ou a promoción das vocacións científicas.

O encontro celebrarase no Pazo da Cultura e estará dirixido a alumnado da ESO, Bacharelato e FP

Unha das relatoras é Carmela Cela Rodríguez, graduada en Bioquímica e investigadora predoutoral no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa do CSIC, cunha canle de Youtube chamada Ciencia con Carmen e un programa de divulgación científica en galego en Twitch Ecos de Xigantes. Tamén participará Paula Otero Sánchez, graduada en Ciencias Biomédicas e  investigadora predoutoral no grupo Genomes and Disease do CiMUS, da USC, coa canle de Twitch Ciencia e tal xunto ao seu compañeio Iván Varela e un programa de entrevistas CiMUS Podcast.

Completan o programa do encontro Alba Aguión e Andrea Muras. Aguión é graduada en Bioloxía e investigadora do laboratorio Future Oceans Lab da Universidade de Vigo e gañadora do concurso de monólogos científicos Famelab España 2016, do concurso de vídeos de ciencia da Fundación Aquae 2017 e Somos Científicos 2017. Andrea Muras Mora, doutora en microbioloxía e investigadora pos-doutoral na Universidade Pública de Navarra, conta cun proxecto de divulgación científica que recibe o nome de Ciencia miúda, no que conta curiosidades a través das redes sociais.

O roteiro

Dirixido a un público xeral —recomendable maior de 12 anos—, o roteiro terá catro quendas os sábados 12, 19 e 26 de febreiro e 5 de marzo a partior das 11 da mañá. O percorrido porá en valor e visibilizará a unha ducia de mulleres científicas e investigadoras vencelladas á cidade de Pontevedra e reivindicará o papel de científicas galegas, mulleres que foron quen de abrirse paso en espazos ocupados tan só por homes ata que elas chegaron e que marcan un camiño pola igualdade que non ten volta atrás.

O roteiro irá dirixido ao público xeral e terá catro quendas os sábados 12, 19 e 26 de febreiro e o 5 de marzo

Entre as protagonistas do roteiro atoparemos tres premios Wonenburger: María Inmaculada Paz Andrade, referente internacional en Microcalorimetría, primeira catedrática da Facultade de Física da USC e primeira muller que recibiu a Medalla de Ouro da Real Academia Española de Física; Isabel Aguirre de Úrcola, arquitecta e paisaxista, que rediseñou ambientalmente a Illa das Esculturas e foi a primeira muller en recibir o Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Dehesa, en 1997; e Alicia Estévez Toranzo, microbióloga e investigadora referente en patoloxía e acuicultura e a segunda académica da Real Academia Galega das Ciencias.

Ademais, inclúe a outras mulleres que son parte da historia da cidade como María Alicia Crespí González, primeira catedrática dunha escola técnica superior en España; Elisa Patiño Meléndez, primeira muller en voar en Galicia e España e probablemente en Europa, e Concepción Arenal, a primeira muller visitadora de cárceres, en 1863 e a primeira premiada pola Real Academia de Ciencias Morais e Políticas.

Concurso de relatos curtos

O concurso A Muller e a Nena na Ciencia, mentres, vai dirixido ao alumnnado de secundaria —ESO e FP Básica—. O ditame do xurado darase a coñecer o 10 de febreiro e os premios son: Unha tablet Primux Siroco Y —para o primeiro premio— e altavoces Primux SK21 2.1 negros e un Powerbank Primux 2600MAH Portátil —para o segundo e terceiro premio, respectivamente—. A entrega de premios será o día 11 de febreiro, no marco do acto central do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

As condicións do premio son:

  • O relato terá unha extensión mínima de 400 palabras e unha máxima de 500.
  • As narracións xirarán ao redor de temáticas inspiradas no 11F como: a relación das nenas coa ciencia, o traballo das nosas científicas e investigadoras e o seu rol como referentes, a importancia da divulgación científica ou como combater a fenda de xénero na ciencia.
  • O idioma empregado será o galego.
  • O prazo de presentación de traballos finaliza o xoves 27 de Xaneiro, ás 15.00 horas.
  • Os relatos terán que enviarse por correo, en formato pdf o word, ao enderezo electrónico gciencia@gmail.com , co asunto “Concurso relato curto A muller e nena na Ciencia”.
  • O xurado estará integrado pola concelleira de Cultura, Carme Fouces (ou persoa na que delegue); dúas investigadoras e divulgadoras científicas, Carmela Cela e Paula Otero; unha profesora da área de Ciencias e unha xornalista de Gciencia.
  • O xurado valorará a orixinalidade do relato, a capacidade expresiva do autor/a, a posta en valor das científicas e a pola igualdade na ciencia.

Consulta aquí as bases do concurso de relatos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pacientes de párkinson practican ciclismo e remo coa realidade virtual da UVigo

O proxecto do campus de Pontevedra pretende mellorar a integración dos doentes con exercicios curtos pero de alta intensidade que resulten motivadores

A feira ‘A ciencia que vén’ celebrarase por primeira vez en Pontevedra

O evento da UVigo englobará unha serie de obradoiros, actividades lúdicas e charlas divulgativas

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII