Pontenciencia: a gran cita da divulgación nesta fin de semana

A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra acolle o venres e o sábado a sexta edición da feira escolar de ciencia, con decenas de proxectos

Por que non precisan cal os electrodomésticos en Galicia? Como afectan ás bacterias ao deterioro dos dentes? Como influíron os xermes na conquista de América? Para resolver estas, e moitas preguntas máis, traballaron durante os últimos meses decenas de rapazas e rapaces dos colexios de Pontevedra. Na aula cos seus compañeiros e profesores, ou na casa coas súas familias, tiveron un contacto directo co método científico, a investigación e a experimentación real. Agora toca demostrar o aprendido. Será en na sexta edición de Pontenciencia, a feira da mini ciencia que este venres 31 e sábado 1 se celebra na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. A cita, organizada polo Concello de Pontevedra, conta coa colaboración da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt) e de varias entidades científicas e empresas ligadas á investigación.

Unha cita chea de coñecemento

As portas de Pontenciencia abrirán este venres ás 10 da mañá, momento no que as investigacións da categoría Ciencia no Cole, de alumnos de Educación Primaria, serán presentadas ante o xurado do certame. Tamén desde primeira hora, os colexios participarán en actividades de divulgación, dirixidas por expertos do Parque Nacional Illas Atlánticas, a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, a Universidade de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía ou o Instituto de Investigacións Mariñas e a Misión Biolóxica de Galicia do CSIC. Estará tamén a investigadora e divulgadora Andrea Muras, finalista de FameLab, que ofrecerá un monólogo sobre bacterias.

Publicidade

Xa pola tarde chega o turno dos premios de investigación na modalidade dos institutos, que este ano xiran arredor da figura da muller investigadora. Desde as 16.30 horas, 20 equipos presentarán ante o xurado os seus traballos, centrados en aspectos como a alimentación saudable, a igualdade de xénero ou as aplicacións móbiles.

Sábado

No segundo de día de feira, antes de coñecerse a decisión do xurado, haberá numerosas actividades en Pontenciencia. A primeira hora, desde as 10, será o turno da presentación dos proxectos de Ciencia en Familia. E tamén durante toda a mañá será posible coñecer os diferentes expositores.

Publicidade

Neste mesmo tempo haberá actividades de acceso libre ao público, impartidas por expertos en astronomía, botánica, ecoloxía, hidroloxía, pesca ou xenética. Finalmente, ás 13.30 horas, Pontenciencia pechará a súa sexta edición co acto de entrega de diplomas e premios.

Toda a información sobre a cita pode consultarse na web de Pontenciencia, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Vacas no carazo e un intestino, protagonistas das mellores imaxes científicas do ano

A iniciativa divulgadora do CSIC selecciona oito propostas para formar parte dun catálogo e dunha exposición itinerante por todo o país

A investigadora do grupo GeoTech Patricia González gaña a Gargallada Científica da UVigo

O vindeiro xoves participará nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras