“O meu elemento”: o concurso no que tes que participar sobre a táboa periódica

A Facultade de Ciencias de Lugo convoca un certame dirixido a estudantes do ensino medio e do sistema universitario galego

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, a través da súa comisión de normalización lingüística, o grupo de innovación docente CienciaNosa e o Servizo de Normalización Lingüística da USC, convocan o concurso de vídeos “O meu elemento” para sumarse á celebración de 2019 como Ano Internacional do Sistema Periódico, unha efeméride declarada polas Nacións Unidas co gallo do 150 aniversario da publicación por parte de Dimitri Mendeleev da súa táboa periódica dos elementos químicos.

O decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, e o coordinador do grupo CienciaNosa, Marcelino Maneiro, e o técnico do Servizo de Normalización Lingüístic da USC no campus de Lugo, Xusto Rodríguez, presentaron este mércores a convocatoria deste certame audiovisual dirixido a estudantes galegos de ensino secundario e Bacharelato, ademais de universitarios, e que repartirá un total de 1.350 euros en premios entre as diferentes propostas galardoadas. O obxectivo desta iniciativa é o de atraer o interese do alumnado sobre este acontecemento e a actividade científica en xeral, así como poñer de manifesto a naturalidade da expresión dos contidos científicos en lingua galega, segundo sinalaron na presentación do concurso.

Publicidade

O concurso de vídeos ‘O meu elemento’ está estruturado en dúas categorías, unha orientada a grupos dun máximo de tres estudantes de ensino secundario e Bacharelato coa coordinación dun docente, e outra dirixida a membros do sistema universitario galego, ben a título individual ou en equipos de tres integrantes. Cada participante ou equipo preparará un vídeo inédito e orixinal sobre un elemento químico. A lingua empregada será o galego e a  duración dos vídeos non será en ningún caso inferior a 30 segundos nin superior a 90.

As propostas presentadas a concurso deberán subirse a unha canle de YouTube e os xurado encargado da súa valoración terá en conta a calidade técnica (imaxe e son), a corrección lingüística, a orixinalidade do vídeo e a corrección nos conceptos científicos. Os proxectos realizados poderán presentarse ata o 24 de abril de 2019, inclusive, a travése do enderezo electrónico fcdeca@usc.es ou na sede da Facultade de Ciencias do campus de Lugo. A entrega dos premios desenvolverase nun acto público que se celebrará o 15 de maio.

Publicidade

O As bases do certame fixan que o gañador da categoría aberta a estudantes preuniversitarios percibirá 300 euros en metálico, mentres que o segundo e terceiro clasificado recibirán cadansúa gratificación de 150 e 100 euros, respectivamente. O premio para a candidatura gañadora na categoría universitaria ascende a 500 euros. As candidaturas valoradas en segundo e terceiro lugar serán agasalladas con contías de 200 e 100 euros, respectivamente.

Podes consultar as bases do concurso “O meu elemento” nesta ligazón (PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Media Galicia en alerta vermella pola calor: estes son os 117 concellos afectados

A influencia das altas presións producirá que algúns episodios se prolonguen ata cinco días, sobre todo en Ourense, A Coruña e Lugo

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids