Que a ciencia conte e que a ciencia sexa contada; que lle sexa recoñecida a importancia que ten para o desenvolvemento das sociedades pero que sexa tamén dada a coñecer, que a cidadanía se achegue aos proxectos e estudos que a comunidade investigadora leva a cabo. Con este obxectivo naceu hai oito anos o concurso de relatos curtos Ciencia que conta, dirixido á sociedade en xeral, pero particularmente ao estudantado galego. O certame está organizado polo Grupo Divulgatia, xurdido a partir do Grupo de Investigación Novos Materiais da Universidade de Vigo co apoio da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica; a área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e Ingenius. Como explican os organizadores, a finalidade do concurso é “por en valor a importancia da I+D+i no desenvolvemento económico e o benestar da sociedade e un maior recoñecemento social destas actividades, así como achegar a escola ao traballo de científicos e tecnólogos”. Paulino Pérez, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e membro do comité organizador, destaca que na pasada edición se recibiron un total de 357 relatos escritos por escolares de toda Galicia, o que supuxo un récord de participación, superando nun cento aos recibidos o ano anterior.
O concuro recibiu na anterior edición un total de 357 relatos escolares
Ciencia que conta está dirixido a todo o alumnado galego nas categorías de Primaria, Secundaria e Bacharelato-Ciclos, contando tamén cunha categoría de público xeral. Todos aqueles interesados en participar poden presentar os seus traballos ata o venres 1 de abril, cando remata o prazo para todas as categorías. A extensión máxima é de 800 palabras (uns 3 folios) e, como en edicións anteriores, os mellores relatos de cada categoría (en total sobre corenta) serán publicados nun libro. Para cada categoría haberá tres premios, que comprende ademais do diploma acreditativo, un reloxo intelixente e para os segundos e terceiros clasificados haberá un lote de libros, xogos ou material relacionado coa ciencia adaptados á súa idade. Nas categorías de Educación Primaria e Secundaria poderá haber ademais dous accésits.
No relativo á temática dos traballos, a organización lembra que “non se trata de realizar relatos de ciencia ficción nin artigos sobre ciencia”, senón que se procura que os participantes, en función da idade, envíen un relato ou conto a partir dun aspecto científico puntual ou da observación dalgún fenómeno ou experimento simple. Como punto de partida para os textos propoñen catro campos de traballo. Por unha banda, historias de ciencia, de xeito que os textos expliquen como se inventou algo, como se solucionou algún problema que había na sociedade utilizando a ciencia, un descubrimento, etc. Outro eido sería o traballo no laboratorio ou científico, relatando cousas que pasan nun laboratorio, no traballo dun científico ou científica, nas exploracións da natureza, etc. Unha terceira alternativa sería relatar experiencias ou accións arredor de experimentos simples ou caseiros, observacións da vida cotiá (na rúa, na cociña, na praia, na festa, nas atraccións de feira, etc.). Finalmente, os participantes tamén poderán optar por centrarse en algún científico ou científica, contando algún detalle da súa vida, algunha anécdota, como fixo algún descubrimento, como se lle ocorreu ou elaborou algunha teoría ou lei. O xurado valorará especialmente que os relatos inclúan mulleres como protagonistas ou que xiren arredor de historias de mulleres e terá en conta sobre todo a calidade do traballo e o acerto no contido científico.