O achado de restos cerámicos confirman a ocupación castrexa de Formigueiro

Despois dun mes de intenso traballo, a intervención arqueolóxica que desde principios de mes desenvolven arqueólogos do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT da Universidade de Vigo en Formigueiro, no Concello ourensán de Amoeiro, entra na súa recta final. Coas sondaxes xa rematadas e a piques de volver a recubrir a zona levantada, os restos de cerámica atopados permiten aos investigadores confirmar que o lugar onde se ubicou o castelo medieval de Alba de Búbal tivo anteriormente unha ocupación castrexa.

Co obxectivo de afondar na historia deste enclave e estudalo xunto a outros elementos de interese da contorna púxose en marcha este ano un convenio de colaboración entre o Concello de Amoeiro e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo. Esta colaboración concretouse na posta en marcha este mes de xullo dun proxecto de investigación arqueolóxica na zona que, a catro anos vista, inclúe tarefas de prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación. Ladislao Castro, docente da Facultade de Historia do campus de Ourense, é o director do proxecto e o arqueólogo Celso Rodríguez o director dunha intervención na que participa un equipo de nove persoas.

Publicidade

“Os indicios de cerámica atopados evidencian que alí houbo ocupación castrexa”

Segundo explica Ladislao Castro, os traballos comezaron a principios de mes limpando a zona para poder desenvolver a intervención, xa que o lugar era de difícil acceso. A primeira tarefa dos arqueólogos foi a delimitación do xacemento do Castelo de Alba de Búbal, edificado aproximadamente no século XI, derrocado logo polos irmandiños, de novo reconstruído como cabeza de xurisdición ata a Idade Moderna e do que hoxe en día só se conservan indicios en superficie. Nesta fase, apunta, identificáronse tres plataformas sobre as que se supón estaba asentada a fortificación medieval e outra plataforma, chamada Pena Oubiña, onde estarían pedras do seu derrube e restos dun asentamento romano. Nesta etapa localizaron rebaixes nas rochas, sobre os que se supón se asentarían os sillares do castelo, o punto de suministro de auga e diferentes aterrazamentos do castelo.

Durante a intervención realizáronse dúas sondaxes en busca das orixes castrexas, unha ao carón da outra e na zona que se supón era a plataforma de entrada ao antigo castelo e o único lugar do outeiro onde está o xacemento que reunía os requisitos para realizar as catas. Nas dúas sondaxes realizadas, comenta Ladislao Castro, “non documentamos estruturas arquitectónicas castrexas en pedra pero os indicios de cerámica atopados evidencian que alí houbo ocupación castrexa”. A sondaxe principal, apunta o director do proxecto, permitiu atopar tanto nos niveis de superficie como profundos numerosos restos de cerámica medieval e castrexa de uso común. Á falta de realizar o seu estudo en laboratorio, Castro apunta que atoparon cerámica vidrada do século XVII; cerámica con corpo globular e decoración con dixitalizacións, incisións e acanaladuras da Idade Media, de arredor do século XIV, e pastas grises típicas da cerámica castrexa. Tamén, engade, se encontraron elementos metálicos, como cravos, fragmentos de coitelo e moedas. Por último, durante este traballo de campo tamén recolleron castañas e restos de carbón útiles para facer a datación do xacemento. A segunda das sondaxes consistiu en escavar baixo un muro de forma semicircular que nalgúns textos se indicaba que podería ser un indicio de construción castrexa. “Na cata documentamos rapidamente que se trataba dun muro contemporáneo e non castrexo, habendo debaixo deste muro tella”, explica o historiador.

Publicidade

Chaos de Amoeiro é unha zona de gran riqueza patrimonial

Ademais destas sondaxes, durante a intervención tamén se traballou na recollida de material para realizar o levantamento topográfico e planimétrico tanto do coto do castelo, como da capela de Formigueiro como da necrópole do seu redor. Segundo explican os arqueólogos, a zona dos Chaos de Amoeiro, á beira do río Barbatiño, é unha zona de gran riqueza patrimonial, como amosan as estelas “da mellor cultura galaica antiga ou cultura castrexa” reutilizadas na arquitectura local, como as estelas atopadas en Formigueiro e Fontefría. A vindeira semana os arqueólogos procederán a recubrir a zona descuberta nas sondaxes e comezará a fase de estudo dos materiais e da información recadada no laboratorio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación da USC descobre por primeira vez mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

Dous estudos científicos revelan que as mostras procedentes do illote de Guidoiro Areoso destacan por presentar os valores máis altos rexistrados na análise

Achada no Castro de Esemelle unha peza dun colar con posible orixe na illa grega de Rodas

A escavación, impulsada pola UDC e o Concello de Ferrol, tamén sacou á luz fragmentos dunha vaixela con decoración sogueada, moi característica da cultura castrexa

O achado de estribos de cabalo achega novas claves sobre a ocupación medieval do xacemento das Torres

A campaña arqueolóxica en Tomiño revela varios elementos metálicos de carácter militar e permite avanzar na cronoloxía e evolución do complexo defensivo

Do túmulo neolítico de Chousa Vella á foxa medieval de Fontenla: un proxecto afina o pasado arqueolóxico de Galicia

Unha investigación da Xunta de Galicia e o Incipit analiza 33 mostras para determinar a súa antigüidade a través da proba do carbono 14