Luns 14 Outubro 2024

Alemaña volve a Vigo na procura de enxeñeiros recentemente egresados

Por terceiro ano consecutivo, a universidade alemá Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes volve a Vigo na procura de enxeñeiros e enxeñeiras recentemente egresados, dispostos a probar sorte no mercado laboral alemán. A iniciativa SaarIng proporciona unha estancia de 11 meses en empresas do estado do Sarre, xunto coa asistencia a diversos cursos de idiomas e de habilidades directivas. Os perfís que se buscan son diversos, pois son moitos os postos que se precisan cubrir nesa zona industrial, tanto de mecatrónica, deseño de construción, tecnoloxías de automatización, enxeñaría eléctrica

O programa, que estará aberto á presentación de candidaturas ata finais deste mes de xullo, está composto dunha bolsa de prácticas de 11 meses nunha empresa do estado federal do Sarre, xunto con diversos cursos de idiomas e perfeccionamento na universidade. Alén diso, os e as participantes recibirán o título de Technisches Projektmanagement, avaliado polo mesmo centro, xunto coa posibilidade de completar un programa de doutoramento dependendo da empresa. Con respecto ao salario, segundo explica Stefanie Jensen, coordinadora da iniciativa, “o que ofrecemos cubre o nivel de vida aquí, sumado as axudas que prestamos á hora de buscar vivenda e demais temas burocráticos”. Os requisitos necesarios para optar a esta bolsa son ser un egresado ou egresada recente nunha enxeñaría e que o perfil se adecúe a unha das vacantes ofertadas no programa. Ademais, tamén se valorará positivamente ter un nivel A-2 de alemán xunto cun B-1 en inglés.

Publicidade

SaarIng proporciona unha estancia de 11 meses en empresas do Sarre

A falta de enxeñeiros e enxeñeiras en Alemaña é unha realidade nos últimos anos, mais sobre todo nas rexións máis industriais do sur, como é o caso do Sarre. Jensen asegura que na súa rexión a situación é especialmente complicada, polo que hai tres anos decidiron comezar con este programa. A razón da elección en exclusiva en toda España da Universidade de Vigo é sinxela, “xa que levábamos colaborando conxuntamente durante 10 anos e coñeciamos o seu alto nivel de estudos”, afirma a coordinadora.

As experiencias dos e das sete participantes da Universidade de Vigo en anteriores edicións avalan esta iniciativa de captación da institución académica alemá. Dos sete enxeñeiros formados en Vigo, dous decidiron volver a Galicia ao rematar a estadía en Alemaña e grazas a esa experiencia conseguiron atopar un traballo. Outros tres continúan no país xermánico, tanto nas empresas orixinais como en novas, e os restantes decidiron continuar estudando programas de mestrado. De xeito unánime todos e todas elas expresan a súa satisfacción con esta iniciativa que lles ofreceu experiencias moi enriquecedoras. Unha delas, Sara Pacín relata a súa estadía aló como marabillosa, “xa que aprendín moito durante as prácticas, mellorei o meu nivel de alemán e cando rematei os 11 meses ofrecéronme seguir na mesma empresa onde comezara”. Pola súa banda, Eloy Rodríguez tamén tivo unha experiencia positiva no Sarre cunhas prácticas que lle axudaron a atopar traballo na área na que se quere especializar, ao tempo que lle abriron un amplo abano de coñecementos.

Publicidade

“As axudas que ofrecemos cobren o nivel de vida aquí”

Mais non vai ser todo traballar, porque este programa ofrece aos asistentes diferentes actividades de lecer, como viaxes a Luxemburgo ou excursións a diferentes puntos da xeografía alemá. Tamén visitas a mercados de Nadal e outras actividades semanais. “Todo isto coa intención de mitigar o shock cultural que se produce e mellorar a adaptación dos participantes”, explica a coordinadora.

A nova remesa de enxeñeiros e enxeñeiras chegará a terras teutoas a comezos de setembro, comezando cun curso de seis semanas de alemán, para despois empezar xa coas prácticas empresariais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo lanza unha convocatoria de títulos de capacitación dixital en transporte e loxística

Os cursos da Universidade de Vigo son de balde para toda a cidadanía e a maioría poden cursarse en liña

Investigadores da UVigo fan carbón con restos forestais para reducir as emisións do gando

Un dos obxectivos do grupo a longo prazo é fabricar biocombustibles sólidos a partir dos restos dos piñeiros e da acacia

Os fármacos como Ozempic aumentan a fertilidade: un estudo da UVigo explica o porqué

O tratamento, indicado para a diabetes, comezou a consumirse nos EEUU fai anos para baixar de peso

A UVigo emprega plantas trampa para loitar contra unha praga nas patacas

A 'Solanum sisymbriifolium' é capaz de enganar ao nematodo que ataca ao tubérculo causando a súa morte