Marisol Soengas, ante a reforma das cotizacións na investigación: “É inxusta, estamos frustrados”

A comunidade científica reacciona con axitación ante a medida do Goberno para a súa xubilación, que implica aboar máis de 17.000 euros

A frustración é un sentir xeral da comunidade científica en España despois de que o pasado 30 de abril o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións aprobara unha orde para recuperar as cotizacións dos investigadores que estiveron en períodos formativos antes de 2011. Esta proposta implica que unha gran parte dos científicos españois, moitos deles xefes de grupo na actualidade, teñan que aboar case 290 euros por cada mes que estiveron en prácticas, o que se traduce nun pago de máis de 17.000 euros. Isto débese a que base de cotización que se toma como referencia é a do 2024, independentemente da data na que se desfrutou a bolsa.

Os manifestos e protestas das últimas semanas promoveron a convocatoria dunha reunión coas sociedades científicas e o Goberno que se celebrará o vindeiro martes 14 de maio. A galega Marisol Soengas, referente na investigación sobre o melanoma e presidenta da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA), analiza na seguinte entrevista cales son as reclamacións dunha comunidade científica incendiada.

Publicidade

—Como describiría o sentir da comunidade científica despois da medida que vén de anunciar o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións? Implica que algunhas persoas teñan que pagar máis de 17.000 euros para recuperar a cotización dos seus períodos en prácticas. Pero todos vostedes estaban en activo e traballando.

—Claro que estabamos traballando. A comunidade científica sente moitísima frustración porque este é un problema que vén de moitos anos atrás porque se refire aos períodos de investigación anteriores ao 2011. É certo que dende aquela houbo modificacións da Lei da Ciencia, reais decretos lei… o último, en 2023. Ao longo deste tempo varias entidades, entre elas ASEICA, da que son presidenta, prensentamos en xuño un escrito con propostas alternativas e logo alegacións en decembro das que non tivemos resposta.

Non só é que o ministerio non conteste, senón que o punto de partida xa era incompleto. Os decretos lei de 2023 propoñían cubrír primeiro dous anos e despois un máximo de cinco, sen especificar como. A sorpresa agora é como o Ministerio propón que poidamos recuperar uns dereitos laborais que tiñan que estar xa recoñecidos. Ese é o problema. Por suposto que son medidas voluntarias e non se obriga a ninguén, pero para recuperar o tempo de investigación utilízase a base de cotización do 2024, en vez do ano que correspondería. Ademáis, hai que cubrir os costes do empregado e do empregador (que na maior parte dos casos era o propio Ministerio de Ciencia). Por iso consideramos que é a medida é inxusta; estamos frustrados. Unha bolsa poderían ser uns 80.000 ou 100.000 pesetas. Ben, pois agora temos que pagar case o 48% desa cantidade. Hai xente que, coma min, temos que pagar máis de 17.000 euros. Así que non só está o custo, que non nos parece apropiado, senón que tan só se poden regularizar cinco anos.

—De feito, vostede estivo 10 anos sen cotizar.

—Dez anos investigando, si. Realmente a tese doutoral foron cinco. Estivera dous anos antes como investigadora a través dunha bolsa de colaboración e despois continuei como posdoutoral no estranxeiro. E coma min, case todos os investigadores daquela época. Hai bastante axitación en redes sociais porque dende a secretaría de Estado da Seguridade Social o que se nos di é que é unha medida voluntaria e que xa eramos conscientes de que estabamos a traballar como bolseiros. Pero esta é unha resposta para saír do paso. Claro que eramos conscientes de que era unha bolsa, pero non había outra opción. Dende o momento en que a partir de 2011 se recoñece a investigación como un contrato, o normal é consideralo con efectos retroactivos.

Claro que eramos conscientes de que era unha bolsa, pero non había outra opción

—Esa é a única resposta? Que vostedes mesmos xa eran conscientes de que estaban contratados a través dunha bolsa?

—Si, e tamén que é un proceso voluntario. Nós aceptámolo e non é que queiramos que se faga gratis, pero presentouse como un avance histórico. Se querían facer unha medida realista, esta non o é. É normal que a comunidade científica reaccione.

—Hai bastante axitación nas redes sociais. Canta xente pode haber afectada?

—Non temos estatísticas porque habería que preguntarllo a distintos ministerios, pero hai que ter en conta que todas as persoas que neste momento son xefes de investigación ou xefes en empresas relacionadas co ámbito da investigación empezaron na ciencia con bolsas. Non falamos de 100 ou 200 persoas; falamos de xente de todos os campos. A miña é a investigación en cancro, pero está a física, a química, as matemáticas… Estamos todos nesta situación e por iso é tan xeneralizado. Por iso facemos esta reclamación conxuntamente con outras sociedades científicas. Hai moitas persoas que se uniron a esta medida que consideramos inxusta.

—Que solucións propoñen?

—O primeiro punto é considerar todo o período de formación porque nós non estabamos en prácticas, senón que eramos traballadores. Despois, como se vai facer. O mínimo sería que tiveramos que pagar o custo do empregado nos anos que correspondían, pero agora inclúese o empregado e o empregador. Hai outros colectivos que tiveron unha regularización moito menos gravosa ca nós.

De todos modos, estas tan só son as reclamacións mínimas. Queremos que ese período deixe de considerarse en prácticas e que se recoñeza como parte da nosa historia laboral, que teña consideración no currículo e a nivel de méritos.

A comunidade científica deste país está moito peor tratada que a da súa contorna

—Cre que hai suficiente diálogo do Goberno coa comunidade científica?

—Non, fai falla moito máis diálogo. Para empezar, ningunha das entidades que asinamos as alegacións tivo resposta do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Diálogo non houbo ningún. E non só mandamos unha carta a este ministerio, senón que puxemos en copia a outros que consideramos importantes, como o de Facenda, Sanidade e o de Ciencia. Aínda que non é a súa competencia directa, gustaríanos ter tamén o seu apoio.

—No manifesto publicado o 4 de maio, dise que o talento científico deste país foi e é maltratado. Está de acordo con esta afirmación?

—Este tipo de vocabulario non me adoita gustar moito pero, realmente, a comunidade científica deste país está moito peor tratada que a da súa contorna. Dende logo, España nunca chegou á media europea de investimento en I+D+i en toda a súa historia. Non estamos na media e moito menos na dos países que están á cabeza do investimento en ciencia. É certo que se acaban de anunciar novas partidas de investigación e agradecémosllo ao Ministerio de Ciencia, pero seguimos sen estar ao nivel de Europa e mentres non cheguemos aí, non haberá medida histórica. Cando partimos dunha situación na que a burocracia nos limita, na que á xente nova lle está sendo moi difícil retornar e conseguir condicións dignas de traballo, e na que as infraestutruras se fan antigas, está sendo moi complicado competir a nivel internacional. Por todo iso dicimos que estamos maltratados.

—Entendo que esta medida non fai máis que ratificar a situación que levan denunciando durante anos.

—O orzamento que se destinaría a compensar os investigadores tampouco é tanto dentro do global do presuposto en ciencia. É dicir, esta medida poderíase aplicar de maneira máis directa. Non se trata de que non queiramos pagar impostos: o que queremos é pagar o que tiñamos que pagar, non máis. Por exemplo, a nós considerábannos en prácticas e o cálculo está aí. A nós pídennos case 90 veces máis do que pagan agora as persoas en prácticas. Non estamos falando de dúas, tres ou catro veces de diferenza. É unha situación indignante.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canta poboación haberá no teu concello en 2025? Compróbao neste mapa

A aplicación web 'Population around a point' permite coñecer o número de habitantes que terán nun ano as localizacións a nivel mundial

Descuberto un intrigante mundo de tamaño similar á Terra

O exoplaneta Gliese 12 ten características parecidas a Venus e está a 40 anos luz de distancia

Novo biomarcador para detectar alzhéimer antes de que aparezan os síntomas

Un estudo facilita o diagnóstico temperán da enfermidade en mostras de sangue, e favorece o seu tratamento precoz

A iniciativa dun profesor universitario para frear a deterioración ambiental en Galicia

Óscar Briones pon o foco nos concellos e propón blindar o territorio para evitar o impacto negativo en zonas tensionadas como as Rías Baixas