Venres 19 Abril 2024

Luis Liz Marzán recibe o Premio Lilly de Investigación Biomédica

O científico Luís Manuel Liz-Marzán (Lugo, 1965), director científico do CIC biomaGUNE do País Vasco, recibiu xunto a Carlos Simón, catedrático de Obstetricia e Xinecoloxía da Universidade de Valencia, o premio Lilly de Investigación Biomédica 2021, outorgados pola fundación do mesmo nome. Os galardóns recoñecen a traxectoria científica de excelencia de investigadores que contribúen ao desenvolvemento da biomedicina e as ciencias da saúde.

No caso de Liz Marzán, o xurado valorou as “investigacións no campo da nanociencia e a nanomedicina” para recoñecelo co galardón na categoría de Investigación Preclínica. Desde o CIC biomaGUNE, centro especializado en biomateriais, o equipo que dirixe o científico lucense dedícase ao estudo das propiedades destes materiais a escala nanométrica para ofrecer solucións biomédicas nas áreas de diagnóstico e terapia.

Publicidade

Ilustración trabajos Liz-Marzán

Segundo explica o investigador, unha das liñas de investigación que se está levando a cabo no seu laboratorio consiste na creación de “andamios” que, mediante nanosensores, observen de forma non invasiva como varían os tumores cando se aplican estímulos externos. “Podemos medir variacións no metabolismo dos tumores a través dos nosos sensores. Tamén podemos, por exemplo, mediante a aplicación dun fármaco, observar como afecta á velocidade da morte celular ou á selectividade das células canceríxenas fronte a células sas”, detallou nun encontro con xornalistas.

De forma xeral, o obxectivo do seu traballo é entender como funcionan os nanomateriais de ouro ou prata para manipular a súa interacción con sistemas biolóxicos e buscar aplicacións nos problemas médicos. Con todo, incide en que toda a súa investigación é in vitro “e non temos intención de traballar in vivo”.

“Ofrecer o estudo personalizado de enfermidades tan graves e con tanta mortalidade, como o cancro ou as patoloxías neurodexenerativas, é un obxectivo que non podemos perder. É algo que mellorará a calidade de vida e que, co gradual crecemento da esperanza de vida, resulta realmente estratéxico para investigar”, conclúe o profesor.

Ademais, entre outros avances, o seu grupo desenvolveu un sistema de detección da formación de fibras amiloides, baseado no fenómeno de quiralidade plasmónica, e incorporaron á terapia fototérmica nanotermómetros fotoluminiscentes para controlar o quecemento por láser. Na actualidade, están centrados no estudo do cancro e a súa liña de investigación diríxese a incorporar nanosensores en construcións tumorais en 3D a fin de identificar biomarcadores que permitan entender o comportamento do tumor baixo distintas condicións.

Polo alto impacto das súas publicacións, Liz Marzán foi nomeado entre os investigadores máis citados do mundo durante 7 anos consecutivos (2014-2020). Ademais, é un dos contados investigadores europeos que logrou acceder á prestixiosas ERC Advanced Grants en dúas ocasións consecutivas (2012-2017; 2018-2023), as dúas veces por proxectos vinculado ás aplicacións biomédicas de nanomateriais.

É doutor en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e realizou unha estancia de dous anos na Universidade de Utrecht, antes de incorporarse á Universidade de Vigo, onde obtivo a cátedra de Química Física. Desde 2012 é profesor Ikerbasque e director científico do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais (CIC biomaGUNE.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Achado un novo mecanismo de control do ciclo vital dos fagos

Científicos do CSIC describen un sistema que permite aos virus das bacterias alternar entre multiplicarse ou a latencia

Investigadoras da UVigo buscan unha terapia contra os tumores metastásicos

O equipo deseña novos nanomateriais activados por raios X con nulos efectos adversos

Nanorobots galegos contra os tumores: a viaxe microscópica para combater o cancro

Dende os laboratorios do Cinbio avanzan na consolidación dunha tecnoloxía que está chamada a ser o futuro da biomedicina

Os investigadores das fundacións sanitarias pasarán ao sector público en 2023

A medida, que se incorporará á Lei de Acompañamento aos Orzamentos, dará estabilidade a persoal de IDIS, INIBIC e Fundación Biomédica Galicia Sur